luns, xuño 22, 2009

Sobre a próxima subida da tarifa electrica e a liberación do mercado da electricidade

PRÓXIMA SUBIDA DA TARIFA ELÉCTRICA

As empresas eléctricas están enviando un comunicado informando de que, a partir do 1º de xullo, se liberalizará o mercado da electricidade en España e cada consumidor pode elixir tanto a compañía eléctrica como a tarifa que máis lle conveña.

Tal como informamos no noso anterior comunicado o goberno equivocouse na forma e no momento de levar a cabo este "cambio" na facturación eléctrica.

Primeiro, porque empezou creando unha confusión grande ao aceptar unha facturación mensual xa que ao ser provisional e estimativa xerou desconfianza e receos nos consumidores.

Segundo, porque non obrigou ás eléctricas a aumentar a eficiencia na xeración eléctrica pois, por exemplo e como todos sabemos, xérase electricidade en Galicia para logo distribuíla a outras comunidades, algunhas tan afastadas como é o caso de Valencia, Murcia e Andalucía coa consecuente perda enerxética por transporte. Ademais unha importante parte do mix enerxético realízase en Centrais de Ciclo Combinado que consomen gas natural un combustible moi caro en España xa que máis do 70 % do mesmo compra en estado líquido (Gas Natural Licuado - GNL) nun mercado moi especulativo e que en ocasións duplica o prezo normal de tarifa por gasoduto.

Terceiro, porque estamos nun momento de crise que afecta seriamente ás economías máis débiles da nosa sociedade e supomos que "liberalizando" o mercado, as tarifas van subir substancialmente pois o Déficit de Tarifa está aí cun 30% de desfasamento. Recordamos as palabras de María Teresa Costa (presidenta da Comisión Nacional de Enerxía) pronunciadas hai unha semana á saída da reunión anual de SEDIGAS no recinto feiral de IFEMA: as novas tarifas enerxéticas "non deberían estar por baixo do prezo de mercado", como ocorría coas anteriores tarifas integrais, co que se evitará que os prezos regulados entren "en competencia" cos do modelo liberalizado.

Tamén o Director Xeral de Política Enerxética e Minas, Jorge Sanz Oliva informou nese mesmo foro que o Ministerio de Industria comunicará o próximo 29 de xuño, dous días antes da súa entrada en vigor, a Tarifa de Último Recurso (TUR) de electricidade, que será o resultado da aplicación dunha nova metodoloxía de cálculo. Sanz Oliva indicou ademais que as tarifas, tanto de gas como de electricidade, serán "aditivas" (subidas en cadea?), de modo que reflictan "o custo real da enerxía".

Entendemos que está liberalización habería que facela. Mais insistimos, non agora e sempre a través dun estudo eficiente de custo de produción. Non de malgasto. Os consumidores teremos que apertar de novo o cinto. E as eléctricas?. De onde saen esas cuantiosas ganancias que tanto publican os medios de comunicación ante o asombro dos consumidores?

Achegamos unha nota aclaratoria [Transcrita máis abaixo] sobre o comunicado que están enviando as compañías eléctricas aos consumidores.

Máis información en : publico.es

Saúdos,
www.f-cape.org
Colectivo Universitario Opositor á Planta de Gas (GNL) dá Ría de Ferrol (Galicia)

Anexo.-

Nota aclaratoria sobre o comunicado que están enviando as compañías eléctricas aos consumidores

As empresas eléctricas están enviando un comunicado informando de que, a partir do 1º de xullo, se liberalizará o mercado e cada consumidor pode elixir tanto a compañía eléctrica como a tarifa que máis lle conveña.

O escrito aínda que claro, pero conciso, non é comprensible para moitos cidadáns pois non explica as "regras de xogo". O máis importante é que o consumidor pode elixir entre a tarifa regulada polo Ministerio de Industria ou optar por un prezo "libremente pactado" cunha empresa comercializadora.

A decisión non é fácil se non se coñece a situación do mercado en España. Analizámolo como segue:

  • Déficit de tarifa: É a diferenza entre o custo de producir a electricidade e o prezo regulado que se está cobrando na actualidade. Esta diferenza está estimada nun 30 % segundo a Comisión Nacional da Enerxía (CNE). Ver en europapress.es

    Isto significa que as eléctricas teñen que subir os prezos pois nun mercado liberalizado os custos (gastos) débense cubrir coa facturación (ingresos).

  • Tarifa de Último Recurso (TUR): É o novo nome que terá a tarifa regulada polo goberno e que non foi revelada aínda. Xa que logo non podemos elixir aínda nestas circunstancias.
  • Tarifa Social: A este contrato poden optar os consumidores de vivendas habituais cunha potencia contratada inferior a tres (3) quilovatios, a condición de que a instalación dispoña dun interruptor de control de potencia. Tamén se contemplan outras circunstancias sociais de colectivos máis desfavorecidos.
Tarifa máis vantaxosa para o consumidor: Non se sabe nestes momentos polas seguintes razóns:
  • As eléctricas que operen no mercado libre non deron a tarifa que ofertarán por quilovatio/hora. Algúns analistas informan que as eléctricas ofertarán un desconto dun 2% con respecto á tarifa regulada polo Goberno (non se explica xa que segundo eles a tarifa regulada actual é inferior nun 30% con respecto ao custo de xeración).
  • Por outra banda o Ministerio de Industria ten previsto levar a cabo outra subida na tarifa regulada a primeiros do mes de xullo. Algúns analistas sospeitan que poderías ser un incremento algo avultado para "animar" aos consumidores a optar polo mercado libre.
Conclusión: A falta de datos por parte do Ministerio de Industria a opción máis lóxica (e conservadora) é a de continuar coa Tarifa de Último Recurso (TUR) regulada polo goberno tal como informan as asociacións de consumidores. No suposto de non querer cambiar de empresa eléctrica, entón, NON SE FARÍA NADA. A empresa actual entendería que se opta pola tarifa TUR e pasaría a facturación á súa empresa filial comercializadora.

Os consumidores actuais que teñan un contrato cunha compañía eléctrica "pequena" deberán estar atentos por se esta empresa transfire o contrato a unha regulada polo goberno pero en base a "tarifa de mercado libre" e non de tipo TUR.

No entanto, sempre se podería cambiar de tarifa e de comercializadora cando se considere oportuno. Ata ao día seguinte do 1 de xullo. O mellor é ter paciencia e esperar que o mercado comece a ensinar as súas "cartas". Unha vez que se coñezan as tarifas ofertadas polas comercializadoras do mercado libre, poderá realizarse a comparativa e optar pola que interesa.

Enviado por:
Ferrol CAPE -ferrol.cape@gmail.com-
21 de junho de 2009 22:45

___________________

Máis Información na Rede
_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon