¿Que fai Feijoó, ademáis de lle levar flores de defunto a Alfonso Daniel e encriptar o xesto diante do seu panteón?
Por Fran P. Lorenzo
30.07.2009
Cando sinto falar a Feijóo das "catrocentas medidas" (ulas?) dos seus cen primeiros días de goberno non podo evitar unha asociación instantánea con esa película de Truffaut, Os catrocentos golpes, que no seu título orixinal, Le Quatre Cents Coups, alude á expresión francesa homónima –algo así como facer as de Dios– pero tamén á cantidade de sopapos que, ao longo da película, leva o seu protagonista Antoine Doinel no transcurso dunha infancia nin tenra nin doce. Catrocentos golpes, pois, catrocentas medidas... Uns máis fortes ca outros. Lapotes cosméticos, que magoan o xusto e deixan unha pouca sombra na zona agredida; e lapotes siderais, bombásticos, con toda a man aberta, como os que arrebolan o presidente e os seus ghostwriters en calquera evento solemne no que a súa vacua perversidade desideoloxizante –ou estremadamente ideoloxizada, tanto ten– é requirida. Como ocorreu dediante do cadaleito de Castelao.
Nada máis fóra da miña intención que santificar a figura do rianxeiro. Por moitas razóns. Só que ese apropiamento –que non é novo no seo do PP, pero si máis aveso, máis cabroncete– é mesmo doloroso. Porque cando o PP transmuta as palabras de Castelao noutra cousa calquera –cando revira o recto sentido dun discurso de Castelao no exilio, a Alba de Groria–, está mandándolle outro golpe-medida-sopapo non só ao amplo sector da maltreita masa social que tivo a ousadía de non votalo a el, a Feijóo, senón que, de paso, tamén lle manda un violento recado á Hestoria deste país.
¿Que fai Núñez Feijóo, ademais de levarlle flores de defunto a Alfonso Daniel e encriptar o xesto diante do seu Panteón? Pois nin máis nin menos que desmontar, con teimosa mala baba, a encarnación, case relixiosa, do pensamento nacionalista; desactivar o mito; tirarlle as saias ao Santo, nunha palabra, e ridiculizar as súas partes á vista dos que pasan. Roerlle nas verbas a Castelao –pringalo no medio do discurso conservador rexionalista da filial galaica de Gürtel & Cia.–, indigna a esa colectividade de resistentes que non arela, para o futuro deste país, a condición de sucursal madrileña no recanto noroeste: sen lingua nin cultura, sen nación, sen pasado e sen futuro.
Acabo de escribir resistentes e reparo no pouco que lle aquela a Feijóo ese termo. Xa o dixo o presidente na clausura dos actos conmemorativos do 25 aniversario do Consello da Cultura Galega: non é momento para a "resistencia cívica". Tal declaración, chantada no seo dun parlamento memorábel, emulou a sonora excrecencia que interrompe unha soirée de damas cardadas e perfumadas. Obviamente todas as señoras sentiron o cheiro pero, educación obriga, non ergueron a voz para sinalar o culpábel. E mesmo aplaudiron a grosería.
Por manter algo desa hipócrita e democrática contención do CCG, evitarei falar de resistencia. Falarei mellor de resiliencia. A resiliencia é un termo da psicoloxía clínica referido á capacidade dunha persoa ou dun grupo para seguir proxectándose no futuro a pesar de acontecementos desestabilizadores, de condicións de vida difíciles e de traumas por veces graves. Nos resilientes, o trauma, o shock, a desgraza, esperta recursos de resposta latentes ou insospeitados. Non sei se é correcto falar de ascese, pero, en calquera caso, a resiliencia implica a superación de probas para volver outro do abismo, máis forte, máis grande, mellor... A Cincenta do conto, Oliver Twist, a Cosette d’Os Miserábeis, Scarlett –M. coñécea ben– e o Antoine Doinel d’Os Catrocentos Golpes. Esa é a estirpe dos resilientes e dáme que, en diante, con Feijóo á cabeza, tamén será a nosa estirpe, a dos resilientes galegos..
franpl@galicia-hoxe.com
Publicado en Galicia Hoxe
_____________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
venres, xullo 31, 2009
Núñez Feijóo e os catrocentos golpes
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan venres, xullo 31, 2009
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon