venres, xullo 17, 2009

O movimento social e veciñal da cidade e o Regulamento de Participación Cidadá de Ferrol

O pasado 9 deste mes de Xullo, un Pleno Extraordinario aprobaba o Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol. Este Regulamento foi consensuado co movimento veciñal e social da cidade. despois de moitas sesións de traballo, por fin o Regulkamento veu a luz e oassou a pleno para a súa aprobación definitiva, a falta de concretizar os organismos e actuacións que o propio Regulamento dispon constituir e facer. No transcurso do proceso o Grupo de Análise e Proposta, tivo un importante papel do cal vimos dando conta neste sitio do CA21. É por iso polo que dúas persoas no nome do Grupo, foron as encarregadas de falar no pleno no nome do movimento veciñal e social da cidade. A continuación transcribimos as súas intervencións.


Intervención no Pleno do 9 de Xullo de 2009 do Grupo de Análise e Proposta

[Primeira parte -Lida por Xosé Miguel López Pérez]

Sr Alcalde, señoras concelleiras, señores concelleiros, compañeiros e compañeiras do tecido asociativo, veciñas e veciños de Ferrol, ¡ Boas tardes ¡.

Dirixímonos a este Pleno do Concello de Ferrol e a toda a cidade no nome do Grupo de Análise e Proposta que está formado por varias entidades asociativas: veciñais, sociais, sociosanitarias, culturais, ecoloxistas, de comercio xusto e algúns cidadás a título individual, que fomos quen elaboramos o Regulamento que hoxe se pretende aprobar.

O 27 de outubro do 2008 interviñamos noutro Pleno Extraordinario neste mesmo salón en representación dunha parte moi importante do tecido asociativo da cidade para demandarlle ó Alcalde e a tódolos grupos municipais que non permitisen que Ferrol se quedase sen Participación Cidadá e que amosasen un apoio decidido ó proceso iniciado por D. Javier Galán no mes de maio do 2008 e continuado por D. Manuel Santiago, proceso participativo como nunca antes tiña sucedido na nosa cidade.

Demandabamos que os partidos políticos cumprisen as súas promesas electorais de gobernar para as cidadás e os cidadáns e sobre todo de gobernar coas cidadás e os cidadás.

Diciamos que nós tamén formamos parte da cidade e colaboramos día a día na construcción da mesma, no noso tempo libre, restando das nosas afeccións e roubándollo ás nosa familias, con moito esforzo e de maneira gratuíta, como non pode ser doutro xeito.

Hoxe, aínda que con máis atraso do desexado, estamos no camiño de que o que entonces demandabamos comece a ser unha realidade. Hoxe e un día moi importante para a cidade de Ferrol na súa aposta pola democracia participativa, xa que a democracia ou é participativa ou non é democracia. Hoxe vaise aprobar, de maneira inicial, a posta en marcha dun proceso de participación por parte da cidadanía de Ferrol na toma de decisións e na execución das mesmas como nunca se tiña producido e como non existe noutro Concello de Galicia.

A participación cidadá é absolutamente necesaria para construír a democracia. Por eso resulta fundamental para favorecer o control dos e das gobernantes, para transmitir mellor as preferencias da cidadanía, suaviza-los conflictos, favorecer os acordos e o consenso e facer menos custosa a toma de decisións políticas.

A Participación fomenta un tipo de cidadanía máis interesada en informarse dos asuntos políticos, por cooperar coas demais persoas e asociacións, que é máis respectuosa cos que son e cos que pensan diferente, o que reforza os vínculos sociais entre as persoas e favorece a compresión intercultural.

Coa aportación de homes e mulleres ós asuntos públicos dase un salto cualitativo da Democracia Representativa á Democracia Participativa, establécese un diálogo político que non pode afectar unicamente as relacións entre partidos, senón que se constrúen novas canles de comunicación entre os representantes políticos, democraticamente elixidos, e a base da sociedade civil.

É un feito incontestable que a democracia participativa real aumenta a eficacia das decisións e mellora a participación cidadá e non só non dificulta senón que facilita a xestión municipal e a fai moito máis transparente e facilita a percepción cidadá sobre as políticas públicas.

O Regulamento de Participación Cidadá revela o compromiso do Concello de Ferrol, desexamos que de tódolos grupos municipais, diante da cidadanía para fomenta-la participación democrática e a transparencia na toma de decisións e na execución dos asuntos públicos locais, segundo o ordenamento constitucional e conforme á Carta Europea de Salvagarda dos Dereitos Humanos ás cidades.

Haberá que dedicarlle os Orzamentos necesarios para a súa posta en marcha, se non se quere que sexa so un documento escrito. É preciso dedicarlle importantes partidas económicas que non se deben considerar nunca un gasto, senón un investimento moi rendible.

A Participación Cidadá non é por tanto unha concesión graciosa á cidadanía por parte dos partidos políticos senón que é un dereito das persoas.

O impulso da participación cidadá en Ferrol non é só unha obriga do Goberno Local, senón que tamén deben implicarse tódolos poderes políticos que interveñen no territorio, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, aínda que o Concello debe liderar o proceso.

Débense crear foros onde se poidan formar a políticos, funcionarios e dirixentes asociativos en materias de Participación Cidadá e de Orzamentos Participativos.

Este era un compromiso adquirido desde o pasado ano que demandamos o seu cumprimento.

Débese ter unha perspectiva ampla nos procesos de participación para incorporar a todas as persoas que teñen interese na cidade. Por exemplo : Alguén dubida do interese dun comerciante no funcionamento dos servizos do barrio onde desenvolve a súa actividade? Ou do interese do profesional do ensino que traballa con rapaces e rapazas. Non pode opinar sobre a mellora urbanística do barrio no que se atopa a escola na que imparte docencia?

Desde o mes de maio do 2008 estivemos nun proceso que, despois do día de hoxe, xa non vai ter volta atrás: O de Participación Cidadá, tanto de maneira individual como de maneira colectiva a través das case 300 asociacións rexistradas no Concello de Ferrol.

Participación na toma de decisións e na execución das mesmas en tódalas áreas de goberno e sobre todo tipo de problemas e de definición de políticas.

Non é doado botar a andar os procesos participativos o camiño está cheo de obstáculos, hai políticos que non os asumen de bo grao porque lles parece que perden poder de decisión, hai entidades que non os aceptan porque pensan que perden poder de influencia no Goberno Municipal e na vida política local, e hai cidadáns que desconfían de que eses procesos de participación teñan algún resultado positivo e dubidan de que non sexan máis que poses electorais.

Tamén hai algúns funcionarios, que recelan por entender que perden poder e capacidade de influencia no Concello.

Durante moitos meses un grupo aproximado de 20 entidades de todo tipo e algunha persoa a título individual, elaboramos un novo regulamento de Participación Cidadá que foi validado por máis de 70 asociacións de todo Ferrol nun Foro Cívico celebrado no campus de Esteiro.

Nese Foro Cívico tamén se aprobou a necesidade de que no Concello de Ferrol se puxese en marcha unha experiencia piloto en canto a Orzamentos Participativos. Esa demanda do Foro Cívico vai ser unha realidade neste ano 2009 cunha partida inicial de 350.000 euros que chegarán no conxunto dos orzamentos do 2009 e 2010 a dous millóns de euros.

Fomos capaces de consensuar que esa experiencia piloto se desenvolvese este ano nas parroquias rurais de San Xurxo e Doniños e nas urbanas de San Xoán, San Pablo e Santa Mariña o que non foi máis que unha nova demostración da madurez do tecido asociativo de Ferrol que soubo poñer por diante o intereses colectivos diante dos particulares, aínda que defender os particulares, dada a necesidade que tódalas parroquias e barrios teñen, tamén tiña xustificación.

A xenerosidade o consenso e a altura de miras foi unha constante o longo deste proceso de elaboración do regulamento, un proceso de participación como nunca se tiña dado antes en Ferrol, se cadra esa é a definición máis axeitada: Defensa dos intereses xerais fronte ós particulares, compromiso de traballo e consenso para chegar a acordos.

Por riba das cores políticas e dos diferentes xeitos de ve-la vida, sen grandes controversias e con moita ilusión fomos capaces de chegar a acordos.

O Regulamento estivo paralizado durante meses polo Secretario do Concello de Ferrol, nunha actitude, para nós, pouco entendible.

Aínda que tamén puidera ser que o Sr. Secretario quixese ter tódalas garantías xurídicas de que o Regulamento cumpría coa Lei, cousa que para nós non ofrecía dúbida ningunha.

Finalmente e por dúas veces o informe da Federación de Municipios e Provincias deunos a razón e outros secretarios municipais, como a de Vitoria, tamén nos deu a razón.

Estamos seguros que o Sr. Secretario poñerá o mesmo celo na elaboración de informes cando se trate de actuacións urbanísticas en prazas públicas ou cando se trate de procesos de persoal ou selectivos. Non temos ningunha dúbida de que o Sr Secretario poñerá o mesmo empeño para garantir a seguridade xurídica do Concello de Ferrol neses casos, estamos completamente certos.

O Regulamento de Participación Cidadá será unha realidade a partir de hoxe, porqué estamos convencidos que tódolos Grupos Municipais van emitir o seu voto favorable, e será a ferramenta coa que unha cidadanía mellor informada, máis consciente, máis preocupada e máis implicada nos problemas da cidade, poida traballar na elaboración de propostas e na busca de solucións ós problemas de Ferrol.

Hoxe coa aprobación inicial deste Regulamento a cidade de Ferrol ponse no primeiro lugar de Galicia en materia participativa, non nos cansamos de repetilo, e ese é un mérito que pertence a toda a sociedade ferrolá, ó seu tecido asociativo e, desexámolo de verdade, a todo o Pleno do Concello de Ferrol de xeito unánime.

Hoxe non é o remate do Proceso, hoxe é unha etapa máis que continuará co desenvolvemento de todo o Regulamento de Participación Cidadá e dos organismos que nel se recollen, para o que, repetimos, se precisan recursos económicos.

[Primeira parte -Lida por Xosé Miguel López Pérez]


[Segunda Parte - Lida por Xosé Manuel Sanxoán Caamaño]

O presente Regulamento de Participación Cidadá se caracteriza por:
  • Dar relevancia á estructuración territorial da participación.
  • Integrar nas estructuras territoriais de participación a tódolos sectores cidadáns que teñen influencia nun espazo concreto.
  • Complementar os ámbitos de participación territorial con estructuras de carácter sectorial que conecten parcialmente distintos territorios.
  • Aplicar mecanismos de participación cidadá a tódolos ámbitos da realidade local.
  • Dar o maior grado de autonomía ós espazos de participación marcando diferencias coas accións políticas dos partidos.
  • Respectar ós ámbitos propios da sociedade civil evitando que os órganos de participación cidadá solapen a súa actuación.
Neste Regulamento atopamos algúns organismos que agora citamos:
  • A Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións. Para a defensa dos dereitos da cidadanía, o Pleno creará a Comisión de de queixa e reclamacións integrada por concelleiros e concelleiras de tódolos grupos municipais, de xeito proporcional. Correspóndelle á citada Comisión defender os dereitos da cidadanía nas súas relacións coa administración local, supervisar a actuación desta, propoñer accións de mellora e informar das queixas de conformidade co exposto neste Regulamento
  • As Asembleas de Barrio. Onde poderán participar tódalas entidades e persoas dese ámbito formulando propostas e que constitúen o espazo propio para o desenvolvemento do desenvolvemento dos orzamentos participativos.
  • Os consellos sectoriais. Nos que se poidan definir e executar as políticas dun sector determinado como, como por exemplo o Turismo. Cando definimos os Planes turísticos da cidade e a súa promoción no exterior, non poden ser só as entidades que teñen interese económicos no Turismo as que definan ese Plan. O tecido asociativo, representado nese Consello Sectorial xoga un papel fundamental e desprovisto de intereses económicos.
  • Os Foros Cívicos. Órganos de reflexión e debate de formulación de propostas e control da execución das mesmas.
  • O Consello da Veciñanza. Que é o órgano no que conflúen o resto de órganos de participación do Concello.
  • O Dereito á intervención nos Plenos e nas Comisións Informativas.
Ademais dunha importante figura, que foi o motivo dunha controversia infundada, que se incorpora neste Regulamento de Participación Cidadá:
  • O Valedor Veciñal. Unha institución que ten como obxectivo ser a canle de diálogo, estudio e seguimento dos problemas que viven ás cidadás e os cidadáns fronte ó Concello e que será elixido de maioría cualificada do Pleno do Concello de Ferrol.

Como xa dixemos antes este Regulamento é o máis progresista e máis avanzado de Galicia ata o momento.

O longo proceso de elaboración do Regulamento de Participación Cidadá, obtivemos outro resultado moi importante ou quizais o máis importante: O coñecemento e a comunicación entre moitas entidades que non tiñamos relación e que mesmo nin sabiamos da existencia unhas de outras. Este proceso permitiu facerse visibles a moitas delas, que nos puidésemos comunicar, entender e tomar acordos de maneira sinxela, e demostrou que temos máis cousas en común que diferencias. Permitiu constatar que, en contra do que se poida pensar, temos un tecido asociativo amplo, variado e sobre todo activo, comparable o de calquera cidade de Galicia.

Este tecido asociativo so ten un grave problema: Precisa de renovación e incorporación de novos efectivos que teñan gañas e sobre todo ilusión. A Participación Cidadá e a posta en marcha dos Orzamentos Participativos axudará posiblemente a esa renovación.

A partir de agora as cidadás e os cidadáns de Ferrol , terán máis dereitos que votar cada catro anos, serán, se queren, os protagonistas ¡ Non hai volta atrás, xa non se pode parar a participación cidadá !.

No pasado ano 2008 tamén se puxeron en marcha as subvencións para o tecido asociativo veciñal para actos culturais con cargo á Concellería de Participación Cidadá: DEMANDAMOS que de maneira inmediata se poñan en marcha neste ano 2009 do que xa levamos consumidos seis meses.

Desde a aprobación do Regulamento de Participación Cidadá o Grupo de Análise e Proposta pasamos, de maneira provisional, a ser a Comisión de Seguimento da Aplicación do citado Regulamento. Seremos os garantes do seu cumprimento.

A participación cidadá non é un fin en si mesma senón que é un medio para conseguir un obxectivo e ese obxectivo é o que temos que definir de maneira colectiva.

Puidemos escoitar hai poucos días na presentación do Urban, como tanto en Pamplona, en Valladolid ou Xixón a participación do tecido asociativo na elaboración de proxectos e no control da súa execución non só foi necesaria, senón que cando esta participación se producía os resultados eran moito máis satisfactorios que cando as Administracións actuaban soas. Teñamos en conta ós que van máis adiantados que nós, fagámoslles caso e, do mesmo xeito que eles fixeron, abramos a participación no Urban a máis entidades que as veciñais e a máis colectivos que os dos propios barrios afectados.

As políticas de promoción da Participación cidadá non deberían de ser obxecto de loita política partidaria, xa que nese caso difícil atopar gobernos con suficiente audacia para propoñer innovacións se o prezo debe ter inmediata traducción electoral.

Debe formalizarse un acordo solemne do Pleno Municipal no que tódolos partidos que teñen representación no Concello se comprometen a apostar pola Participación Cidadá e a deseñar procesos e instrumentos de participación facendo seguimento da súa eficacia e da súa eficiencia e todos xuntos aprender dos acertos e dos erro compartindo os éxitos ou os fracasos.

O éxito ou o fracaso da Participación Cidadá deben ser de toda a cidade e nunca dunhas determinadas opcións políticas.

O compromiso coa participación cidadá é un compromiso de todos e todas os cidadás e as cidadás e todo o tecido asociativo de Ferrol estamos dispostos a asumilo e lle pedimos ós partidos políticos que camiñen con nós e fagamos o camiño xuntos . O resultado será máis positivo para a cidade.

¡ Moitas grazas no nome do Grupo de Análise e Proposta. !

Ferrol a 9 de xullo de 2009.

[Segunda Parte - Lida por Xosé Manuel Sanxoán Caamaño]

Nota.- Este documento e as persoas que actúan como portavoces do Grupo de Análise e Proposta (Xosé Manuel Sanxoán Caamaño e Xosé Miguel López Pérez ), foron consensuados na xuntanza do GAP mantida o luns día 6 de xullo ás 20:30 horas nos locais da Asociación Veciñal de Esteiro “Fontelonga”.

Enviado por:
Asociacion Veciñal Fontelonga -avvfontelonga@mundo-r.com- 16 de julho de 2009 18:31

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon