mércores, agosto 05, 2009

Este Sábado 8 de Agosto "Feira Rural" en San Sadurniño: Unha aposta pola sustentabilidade

[Clicar acima da imaxe para ampliar - Mapa da localización da Feira - AGFA]

A Feira Rural de San Sadurniño inclúe un concurso de froita autóctona
En Pontedeume celébrase un concurso de froita autóctona en setembro

REDACCIÓN > FERROL
A Feira Rural nace coa intención de fomentar o desenvolvemento sostible, ó tempo que se potencian os recursos turísticos e de lecer na zona. O Concello, en colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA), organizou unha completa xornada de actividades.

A feira celebrarase este sábado na finca da Cortiña -entre a estrada Ferrol-Ortigueira e o río Xuvia, preto dos Xardíns do Pazo-. Xa o venres comezará a haber actividades na Casa da Cultura, cunha charla sobre a horta tradicional e outra sobre a compostaxe caseira. Comezarán ás 18.45 e ás 20.45 horas, respectivamente.

O programa do sábado inaugúrase ás dez da mañá coa apertura das exposicións permanentes e dos postos de entidades, empresas e particulares vencellados co medio rural e os produtos da horta. Ademais de mostras sobre as abellas ou sobre a froita autóctona, poderanse ver fotografías sobre a música tradicional na zona (resultado dun proxecto de investigación da asociación Berros do Castro), así como a construción do convento do Rosario.

Ás once da mañá celebrarase unha pequena representación teatral na que o persanxe da marquesa de San Sadurniño e un veciño escenificarán a inauguración dos xardíns do Pazo e farán un percorrido pola zona da feira. O Concello, no proceso de busca dunha carruaxe apropiada para o evento, atopou a que pertencía á propia marquesa e que garda en perfecto estado un veciño, logo de que os bens da finca fosen vendidos. Será esta precisamente a empregada para unha “visita” que comezará ás once da mañá.

Certame > Tamén pola mañá está prevista a celebración dun concurso de froita autóctona, para o que haberá que achegar variedades das hortas tradicionais das comarcas do Eume, Ferrol, Ortegal ou Betanzos. Desde onte está aberto o prazo para participar neste concurso (no Concello de San Sadurniño ou na web da AGFA, www.agfadoeume.org). Poderase cumplimentar a inscrición ata o propio sábado, ás once da mañá. Será entón cando o xurado percorra os postos para comprobar a calidade e a presentación dos lotes. A lectura do fallo e a entrega de premios farase á unha. Ademais da recompensa á participación (de vinte euros), recoñecerase o mellor conxunto de lotes, a mellor variedade e tamén a variedade en perigo de extinción. Outorgaranse 200 euros ó primeiro clasificado en cada categoría.

Os lotes premiados sortearanse pola tarde e os demais poderanse vender ós visitantes no propio recinto feiral.

Logo dun xantar a base de churrasco, pan e viño (por dez euros), poderase gozar coas actividades deportivas e de exhibición que se programan na feira e que, no caso da baixada libre en kayak polo río Xuvia, funcionarán xa desde as once da mañá. Para a tarde resérvase a demostración de doma de cabalo (ás catro), a de adestramento deportivo de cans (ás cinco) e a de coches e avionetas por radio-control (ás seis).

A música acompañará durante toda a xornada coa presenza da charanga Os Jalochos, os Festicultores e o grupo folclórico Berros do Castro.

Na primeira Feira Rural de San Sadurniño participan 41 organismos, incluíndos empresas produtoras, administracións públicas e asociacións culturais e de defensa do medio ambiente galego. (Adega, ..)

Enviado por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
4 de agosto de 2009 21:58

_______________

Publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol" o Martes 4 de Agosto de 2009
______________

Primeira Feira Rural 8 de Agosto de 2009
Un día antes o Venres 7 de Agosto na Casa da Cultura:
  • Ás 18:45 hrs - Charla: horta tradicional e fruticultura
  • Ás 20:45 hrs - Charla: compostaxe caseira
Fonte: agfadoeume.org
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon