xoves, agosto 06, 2009

Fantasía española nun "couso" galego


Por Fran P. Lorenzo
06.08.2009

Hai quen leva moi mal esa integración disfuncional da vella Gallaecia no esceario panhispánico

O verán é, sen dubidalo, a leira máis produtiva de tópicos informativos. Con iso hai que vivir. Coas regatas, co desembarco en Palma da Casa Real, cos estilismos náuticos dun presidente da Deputación, coas soirées brancas de Eivisa, cos partes meteorolóxicos, cos festexos vilegos, cos eventos gastronómicos de a fartar e con ese horror anual das confrarías e ordes de capa e espada: un cutre resaibo decimonónico que converte os togados en émulos do ku kux klan ou dalgunha facción secreta, como a dos cabaleiros da Rosacruz; unha tediosa cerimonia do mal gusto que, misteriosamente, se vén dotando dunha aureola histórica e iniciática que aínda hoxe, despois de tantos anos como observador neutral, me resulta inexplicábel.

Pero falaba do ferragosto e dos seus lugares comúns. Advirto, e ao mellor ocórreme só a min, que a realidade deglutida e envasada que estes días presentan os telexornais bota fóra do seu simplista cálculo ao noso maltreito país, aka. (also known as) Galiza.

A ausencia de calor no aquén Miño, a inexistencia de chiringuitos ateigados, a constante ameaza da chuvia e a escaseza de fogos forestais de consideración dificilmente logran que nos vexamos reflectidos en titulares ou avances informativos do tipo "España se asa de calor", "España se quema", "Alerta por las altas temperaturas en media España"... Xa nunca é sinxelo recoñecerse na foto fixa que da Pel de Touro, nunca de vaca, publican decote as cadeas e os rotativos madrileños. Pero ese gap –ese escalonet que diría o agora xa moi honorábel Francisco Camps– vólvese un abismo de profundidade parella á da Foxa Atlántica neste tempo no que a realidade fica espida, sen máis adubíos nin teas, exposta na súa precariedade, en pelota picada.

Hai quen leva moi mal esa integración disfuncional da vella Gallaecia no escenario panhispánico (de dúbidas). O Partido Popular, por exemplo. Advírtoo con claridade nesa imaxe que, polas boas ou polas malas, é xa un clásico do estío galaico. A cúpula conservadora toma a Praza de Touros de Pontevedra, o couso galego por excelencia. Nese couso, –dobremente couso polo estraña que resulta a súa presenza no medio dunha trama urbana de noso– o foco está algo máis no tendido e algo menos na area. De feito, á tourada tamén asiste o ministro Pepe Blanco, amparado pola súa cuadrilla, que, de pé nas bancadas, sauda ao respectábel como se fora un matador: El Niño de Palas, o Blanquito de la Cruz, poño por caso.

Na bancada popular Rajoy, Alberto Núñez Feijóo (aka. Derrogator), Louzán, Figueroa, Ana Pastor, Alfonso Rueda ... Parece unha reunión da Executiva do PPdeG pero os seus rostros exhiben unha serenidade imprecisa, que nada ten que ver co desempeño das súas obrigas: anular concursos eólicos, tumbar a normalización da lingua galega ou defenestrar as Normas do Hábitat. Cando fan cousas desa caste o seu rostro é máis grave, máis técnico, cun aquel de responsábel autoridade.

Quen os mira neste couso do Lérez, no entanto, decátase axiña de que asisten a un ensoñamento. Moi probabelmente os seus ollos non reparan na faena de Castella ou de José Tomás. Falan entre eles, fuman puros, acomodan a súa blazer azul mentres respiran o aire cálido da tarde pontevedresa, transida polos clamores dun pasodobre e o berro agudo do toque de corneta. Galiza é inoportuna e arrecende máis á maré baixa que á flor da laranxeira, pero tanto ten. Aínda non sentiron unha palabra de galego en todo o día e os pendóns rojigualda acaban por confirmar a súa fantasía: "Chicos, chicas, ¿lo sentís como yo..? Estamos en España..!"

franpl@galicia-hoxe.com

Publicado en Galicia Hoxe
__________________

1 comentarios so far

Servenlle calquera tema do nacionalismo españolista. Este vai de CORNOS.

Polas vacas...Saúde


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon