xoves, agosto 20, 2009

O "bipartito foi covarde cando gobernou por non tirar abaixo o proxecto [Cidade da Cultura], o PP non ten eses complexos para tirar todo o deles ..."

O "bipartito foi covarde cando gobernou por non tirar abaixo o proxecto [Cidade da Cultura], o PP non ten eses complexos para tirar todo o deles abaixo, eólicas, galescolas ..."

Xan Carlos Ansia: “O Audi de Touriño vale o mesmo que catro baldosas da Cidade da Cultura

O bipartito tivo complexos á hora de parar o Gaiás cando o PP nunca os ten e agora tira con todo o deles”, asegura o portavoz da plataforma "Cultura si; Mausoleo non"
Rodri Suárez 20/08/2009

Dende hai uns anos, as posturas contrarias tanto á construción como aos usos dados á Cidade da Cultura teñen o seu principal altofalante na plataforma ‘Cultura si; Mausoleo non”, da que Xan Carlos Ansia é o seu voceiro.


A Cidade da Cultura ou a polémica de nunca acabar?

Semella que non acaba nunca pero nós estamos onde sempre. Seguimos denunciando o proxecto, ese despilfarro sen xustificación que o PP ideou e o bipartito non se atreveu ben a paralizar ou ben a redefinir para reconvertelo en algo coherente e así continuamos, co mamotreto dando gastos, feito un burato sen fondo que vai a peor. Cada vez enterámonos de máis cousas e poucas positivas. Cada vez é máis evidente o que nós pensamos respecto a que certas actuacións deberían ter algunha repercusión legal. Un proxecto xa de por si caro pero que custaba 100 millóns de euros agora conta cun presuposto que ascende a 500. Isto á forza ten que ser constitutivo de delito.


O proxecto do Gaiás foi unha mala idea de partida ou estivo mal xestionada e iso converteuna no problema que agora semella que é?

Foi unha mala idea de partida, innecesaria posto que nin os galegos nin os composteláns tiñamos esa prioridade, hai outras necesidades culturais en Galicia, hai unha rede social escasa, castros abandonados, igrexas románicas deixadas á súa sorte, ese é o patrimonio que deberíamos poñer en valor en vez de erguer un mamotreto sen sentido. Se as autoridades queren fomentar a cultura aí teñen o patrimonio abandonado, en cada vila todos coñecemos algo que merece a pena coidar, en Compostela mesmo contamos con algún castelo sen escavar. O patrimonio leva anos aí, hai que poñelo en valor, cuidalo e conservalo, esa é a necesidade cultural básica.


O proxecto naceu dun Goberno popular pero curiosamente quen tirou réditos políticos dos problemas da Cidade da Cultura foi o PP.

Nós dixemos que bipartito foi covarde cando gobernou por non tirar abaixo o proxecto, o PP non ten eses complexos para tirar todo o deles abaixo, eólicas, galescolas... A nosa iniciativa cidadá naceu cando chegan aqueles dos que esperamos o contrario do PP pero continúan coa súa obra. O PP cometeu un pecado orixinal, pero os outros participaron del. Houbo unha comisión, unha denuncia xudicial da que saberemos cando interese politicamente, non cando ten que ser porque dentro de 20 anos de nada valerá xulgar a Fraga ou a Pérez Varela. É agora cando queremos saber que se fai cos cartos, que foi desas fundacións, para que serviron aqueles comités de sabios que custaron cartos pero semella que para pouco máis achegaron. E outras cousas, iso que dixeron de facer un teleférico, logo a pinacoteca... todo isto é inxustificable. Semella que os políticos perderon o sentido común. Pensar que só o manteñemento vai custar 60 millóns de euros anuais é moi forte.


Pero os responsables do proxecto foron os que se beneficiaron das súas críticas ...

Eu persoalmente levo no nacionalismo dende os quince anos, pero o Bloque abandonou unha das liñas basicas polas que chegou á Xunta. Eu creo que o bipartito perdeu por facer en certos ámbitos o mesmo que os anteriores... algúns votantes sentímonos defraudados. Agora, xa se verá como o BNG tarda ben pouco en volver a posicionarse en contra da Cidade da Cultura.


É viable falar agora de poñer fin ás obras, que xa están algo avanzadas?

Hai dous edificios sen iniciar...ós dicimos que por que pecharse en que sexan para pinacotecas ou non sei que? hai edificios en Santiago que naceron para unha cousa e agora son outra: igrexas que funcionan como museos ou facultades, o mesmo Parlamento foi antes un hospital... porque hai que obstinarse co Palacio da Ópera ou tal museo? hai que aproveitalo o mellor posible, incluso agora para que se vexa como está, non se pode nin ver, nin os xubilados poden disfrutar destas obras, o Gaiás leva nove anos na clandestinidade. E non valen demagoxias agora coa austeridade, porque o famoso Audi de Touriño vale o mesmo que catro baldosas destas que van poñer alí.


E unha cuestión que afecta a toda Galicia, a máis cidades que a Compostela?

Compete a toda Galicia. En Ourense ou en Vigo hai edificios históricos no centro que caen a cachos. Non pode ir todo o orzamento da Consellería de Cultura nun só proxecto nin se poden afundir cartos no Porto exterior da Coruña ou no Gaiás e que logo non haxa mascarillas para a Gripe A.

Publicado no Xornal de Galicia

Enviado por:
cultura si mausoleo non
-culturasimausoleonon@gmail.com-
20 de agosto de 2009 10:52

______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon