luns, setembro 28, 2009

"Autoritas ou potestas?", un artigo de Manuel Dios a mantenta do debate sobre a autoridade do profesorado


En relación co debate sobre a autoridade do profesorado

Por Manuel Dios Diz [*]
28.09.2009

Resulta imposible resumir nun artigo todo o que suscita un debate sobre a autoridade do profesorado que, polo demais, non é novo. Habería que enmarcalo nunha reflexión máis global sobre a sociedade, sobre o fracaso (social e escolar), sobre o rol que xogamos cada quen, e de maneira máis particular, sobre a propia comunidade educativa que xa non se circunscribe ós pais e ás nais, ós docentes e ó alumnado, porque hoxe, como sabemos, existen novos axentes, algúns moi activos e poderosos, na transmisión de valores (positivos ou negativos) como son, por exemplo, os iguais, os media ou a publicidade. Con todo aportarei algunha reflexión.

A escola, o instituto que coñecemos e lembramos os adultos, digamos de mediana idade, moi pouco ten que ver cos actuais. Basta escoitar os comentarios dalgunhas personalidades públicas nestes días para decatarse do lonxe que están da realidade educativa actual. Entre outras cousas, porque a sociedade cambiou extraordinariamente e de maneira moi rápida, como nós mesmos, e porque agora van ó instituto tódolos alumnos e alumnas, non unha minoría seleccionada, como noutras épocas. Falamos da totalidade dos rapaces e rapazas en idade escolar, é dicir, dos que queren estudar, dos que valoran o esforzo e o saber, dos que proveñen de ambientes económicos e culturais acomodados, e daqueles que viven en familias desestructuradas, xunto cos que obxectan, os que asisten por obrigación, os que arrastran carencias relevantes (afectivas, económicas, culturais …), e os superprotexidos, os da chave, os emperadores, os amos, os que viven a violencia (de xénero e outras) como modelos, os hiperactivos, os que teñen dificultades, os que aborrecen da imaxe que a escola lles devolve de si mesmos … todos e todas sen excepción, especialmente na escola pública. Isto, simplemente isto, cambiou por completo os colexios e os institutos. E moitas persoas seguen sen comprendelo, moito menos asumilo.

Si algo compartimos é que non debemos lexislar a golpe de titular nin tampouco en función da alarma social xerada. Non parece o máis sensato. A educación manexa (ou debe manexar) tempos moi distintos dos que utiliza o xornalismo ou a política. O profesorado traballa con persoas concretas, con ritmos e necesidades distintas, non en función de intereses económicos, mercados, ventas, beneficios, audiencias… ou votos. Por iso o tempo educativo non ten nada que ver coa fugacidade do tempo televisivo, radiofónico ou electoral.

Analizar a situación, coñecer o que acontece no sistema educativo, facer un bo diagnóstico, resulta imprescindible para atopar vías de mellora da calidade, da convivencia, dos resultados académicos, do clima escolar. E isto non ten nada que ver coas ocorrencias, nin co alarmismo, nin tampouco co pensamento maniqueo, co branco e o negro, o todo ou o nada, tan frecuente nos titulares e nas declaracións. A educación significa aprender a dirixir con sentido a propia vida, en palabras de D. Francisco Giner de los Ríos, e implica non so información senón tamén coñecemento, contraste, reflexión, elaboración… en definitiva, fuxir do pensamento maniqueo, da simplicidade, das receitas máxicas, das causas únicas, das ocorrencias, diga quen as diga. E por iso resulta tan frustrante, tan difícil, querer matizar, especialmente, nos medios de comunicación, porque en moitas ocasións, un titular repetido mil e unha veces, a todas horas, en tódalas cadeas, desbarata miles de esforzos porque, ó final, o que escoitamos é o enorme estrondo da árbore que cae mentres que ignoramos o son da herba que medra cada día… as malas noticias son as únicas noticias e isto da unha visión parcial ou falseada da realidade.

Non podemos solventar os temas a golpe de frase enxeñosa, crernos de verdade que a conflitividade escolar pode resolverse con tarimas, recuperando o tratamento de vostede, ou con galóns máis ou menos chamativos impostos pola autoridade política de turno. As cousas, por desgraza, non son tan simples, e eles o saben.

Ademais, non é verdade que a gran maioría do profesorado non teña autoridade ou que decline dela. Tampouco que o alumnado en xeral non respete ós seus profesores, que sexa violento ou borracho, inconsciente ou irresponsable como tantas veces se reitera. Ou que as nais e os pais pasen da educación dos seus fillos e fillas. E que os institutos sexan territorio comanche. Non é certo. Nada máis lonxe da realidade. Temos que fuxir das xeralizacións, das atribucións globais de responsabilidade, de confundir unha parte co todo, por moi rechamante que sexa, e analizar polo miúdo o que sucede, con rigor, sen prexuízos, distinguindo a palla do grao, identificando ben os problemas, asumindo que todos e todas temos porcións de razón e de culpa, e debemos ser parte da solución.

Non podemos seguir trasladando ós demais as causas dos males que percibimos no sistema educativo, que si os pais, que si os profes, que si os rapaces, que si a administración, que si os media… non basta con repetir que para educar a un neno fai falla a tribo enteira, senón crelo de verdade e obrar en consecuencia. E temos instrumentos para facelo. Mellorables, sen dúbida. Existen, desde hai anos, en todo o Estado, nas CC.AA, plans integrais de mellora da convivencia escolar, observatorios, protocolos, departamentos de orientación, equipos de mediación e tratamento de conflitos… o que sorprende é que esta realidade, a maioritaria convivencia escolar nos miles de centros educativos, non resulte visible, atractiva, interesante, recoñecible, avaliable. Isto provoca grandes doses de frustración nos educadores e nas educadoras, nas miles de persoas que se esforzan cada día, a pe de aula, por mellorar o clima escolar, por ilusionar ó seu alumnado, por facerlles ver que a educación, a cultura, o traballo ben feito, son útiles, contra todo o ambiente social e as mensaxes constantes que reciben, a cotío, en senso contrario, a fama, o éxito, o minuto de gloria, o triunfo sen esforzo, o diñeiro a mans cheas, e modelos e referentes tan edificantes como Belén Esteban ou a Campanario… mañá e tarde, a todas horas…

O ministro Angel Gabilondo, cunha traxectoria profesional dedicada á reflexión filosófica, á metafísica, está moi lonxe, ó meu parecer, do pensamento maniqueo, das solucións máxicas, das ocorrencias, e quere, como tantos docentes, un pacto de estado pola educación, que fermosa utopía, apelando á tribo enteira para cambiar o noso sistema educativo que, como non, necesita mellorar, e quere facelo con tódalas mans, con acordos, con diálogo, con consenso, pero probablemente fracase, porque os tempos educativos non son os políticos e as grandes necesidades significan tamén grandes recursos, e en épocas de crise, xa se sabe, o máis efectista resulta sacarse unha gorra da manga e impoñer a autoridade por lei.

Con moita frecuencia confundimos a auctoritas coa potestas que tan ben distinguían os romanos. A primeira ten que ver coa autoridade moral que temos que gañar cada día coa nosa profesionalidade, co bo exemplo, co respecto, coa dedicación, co cariño, cos afectos e os sentimentos, coa persuasión e a convicción, co diálogo, coa comunicación, con xenerosidade, cos nosos coñecementos, experiencia, comportamentos e condutas, sabendo e preparando a materia… esta ascendencia moral non se compra no supermercado, nin se compra nin se vende, apréndese e constrúese cada día, con moito esforzo, con ilusión, con vocación, con amor por este fermoso oficio, o de ensinar, aprender e compartir cultura, saber e sabedoría… mentres que a potestas, polo contrario, consiste nun conxunto de facultades públicas que son outorgadas, desde fora, a unha persoa de acordo cunhas formalidades ben definidas, trátase dun poder que non emana da condición persoal do titular, senón que está relacionada coa forza e a imposición coercitiva, con aquilo que Maquiavelo dicía: o príncipe debe infundir temor e impoñerse pola forza da espada… por iso, o debate sobre a autoridade debera ser moral, ético, profesional, humanista, educativo…, non simplemente administrativo ou xurídico, nin vingativo, o desquite do ’68, en palabras de Sarkozy, ou de tantos e tantas que añoran un pasado que xa está escrito…

Sinceramente estou convencido de que a maioría do profesorado ten autoridade suficiente, capacidade de persuadir e de convencer, auctoritas. E o sistema educativo, como o xurídico, a fiscalía, conta con lexislación e sentencias que protexen e respaldan ó profesorado. Os propios centros escolares teñen, ademais, recursos e mecanismos variados, plans, equipos, protocolos que permiten resolver os conflitos razoablemente ben, sen caer no victimismo, polo que non necesita investirse de potestas pública, mellor dito, que alguén externo ó propio sistema a impoña, porque, entre outras cousas, sen auctoritas non hai potestas por moito que alguén se empeñe en converternos en axentes da autoridade pública… as cousas son moito máis complexas.

Por certo, en moitos centros educativos hai docentes sen autoridade moral. Todos o sabemos. Algúns reciben moito máis respecto do seu alumnado do que merecen. É un dicir. Como existen pais e nais con moi pouca ascendencia sobre a súa prole. E médicos incompetentes, e xornalistas, e mestres… o que ten que ver coa formación inicial e permanente, co acceso, con desempeñar ou non o oficio que se quere, que se ama… pero isto merecería outro artigo.

Unha pregunta impertinente: como pais e nais, como avós e abóas, como titores e titoras, como políticos, como… temos auctoritas ??, nola gañamos cada día cos nosos comportamentos e condutas ?, ou habería que impoñérnola tamén por lei ?? ...

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, forma parte do Observatorio Galego da Convivencia Escolar e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz. FUNDACION CULTURA DE PAZ


Enviado por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
28 de setembro de 2009 13:13
__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon