O xoves terá lugar unha concentración de apoio ás 9.45 da mañá no Xulgado de Fontiñas e pola defensa da liberdade de expresión antes do xuízo de faltas que terá lugar contra unha fotógrafa que ademais gravou a cadea humana de Ceivar pola liberdade dos presos políticos o 24 de xullo de 2008.
A denuncia policial acusa falsamente á xornalista de berrar neste acto “policia asesina”, “torturadores” e “ETA matalos”, tentando reprimir a liberdade de información.
Pouco despois, unha unidade de "delictos tecnolóxicos" da Guardia Civil española retiña outro reporteiro logo de saír da súa propria casa e levávao ao cuartel de Pontevedra para declarar supostamente sobre un vídeo de debuxos animados alleo á produción do GzVídeos, interrogando ao activista sobre o equipo editorial, funcionamento do portal e toda unha serie de cuestións que demostraban que se tratou dunha coartada para recoller información e atemorizar ao compañeiro.
O martes 15 de setembro, a través do telefone, informaban a outra das nosas compañeiras de que se vai celebrar este xoves 17 de setembro ás 10.10 da mañá un xuízo de faltas na Sala de Vistas nº 2 do Xulgado de Compostela por unha denuncia da Policia sobre uns feitos que supostamente aconteceran no 24 de Xullo de 2008.
A denuncia policial recolle que a nosa compañeira fora identificada na Praza de Galiza ás 20 da tarde , lugar donde se concentraron diversos colectivos independentistas. Recóllese que "la reseñada durante el transcurso de la concentración profiere gritos tales como -policia asesina-, -ETA matalos-, -Torturadores-”, algo completamente falso e fora da realidade.
De feito, a nosa compañeira nesta data lembra que fora identificada na Praza de Galiza mentres estaba a realizar fotografias e videos, diante da pregunta dun antidisturbios de se "era da prensa”, polo que procedeu a ensinarlle a credencial de fotógrafa do Novas da Galiza, medio co que tamén colabora e no que publicou as fotografías realizadas nesta data.
Desde Gzvideos queremos denunciar este terceiro ataque que vimos de recibir, que entendemos só coa vontade de castigarnos economicamente e tentar que o traballo de crítica, de información de manifestacións, concentracións e difusión de actos que son sistematicamente silenciados polos medios empresariais sexa finalmente invisibilizado e calado a forza de sancións económicas e identificacións sistemáticas.
GzVideos naceu en Maio do 2008 como unha iniciativa indendente e non comercial, coa vontade de "constituír un espazo de encontro para a creación audiovisual que parte dos movementos sociais galegos, un campo onde conflúe o video-activismo e o debate xerados a partir da crítica á realidade galega". A plataforma gzvideos.info conta a día de hoxe con mais de 200 videos de produción propria e mais de 500 aportacións externas, converténdonos na principal xanela do xornalismo audiovisual galego na rede, dando cobertura a actos políticos e culturais, loitas sindicais, defensa do medio ambiente, xornadas, charlas, loita polos dereitos lgbt, contra o patriarcado, a prol da soberanía política do noso país e na denuncia da represión e violacións dos dereitos humanos mais elementais, algo que sen dúbida non debe resultar cómodo para quen pretende impor unha sociedade acrítica e pasiva, ademais de protagonizar a coacción e a represión.
Animamos a participar na concentración convocada ás portas do Xulgado de Fontiñas mañá ás 9:45 da mañá en solidariedade coa nosa compañeira e na defensa da liberdade de expresión, un concepto de dubidosa aplicación no Estado Español, onde a policía se adica a denunciar falsamente a reporteiros independentes co obxectivo de reprimir a liberdade de información.
De GzVideos ocuparémonos de dar difusión a este intento por suprimir a liberdade de expresión e de información, e tentaremos por todos os medios legais a exculpación da nosa compañeira. Non están a reprimir tan só ao GzVideos, se non a todo o que representa: están a tentar erradicar a difusión das actividades de dúcias de colectivos galegos e impor unha única maneira de pensar. Ainda así, seguiremos editando e difundindo vídeos. Hoxe mais do que nunca: apaga a TV e prende a túa mente!
Compostela, 16 de setembro de 2009
Zélia Garcia
16 de Setembro de 2009 16:41
________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon