mércores, setembro 02, 2009

Verán 2009: o pregón das desgrazas ferrolás

Na noite do 31 de agosto, unha espectacular traca de petardería puxo broche de fume e ruído a unhas festas que comezaran, ao contraxeito, da forma máis explosiva que un poida imaxinar. Vaia por diante non cremos na mala fe do excelente actor Javier Gutiérrez, que se viu, desde o seu ferrolanidade na diáspora profesional, atrapado nun renuncio ás mínimas leis da lóxica, o bo gusto e aínda a vergoña propia e allea.

O affaire da planta de gas de Mugardos, sempre de candente actualidade no seu estado permanente de ameaza para a vida de miles de ferroláns, e non en menor medida de pasaporte ao paro de tantas familias da mar que dependen do pan que amasan desde a ría, tamén ameazada de morte por contaminación, supón, como recoñecía recentemente Pachi Vázquez, aspirante a ser, desde o PSOE, unha razoable alternativa á dereita da componenda e o privilexio, serio motivo de preocupación para calquera cidadán responsable. Cando vemos un tema tan doloroso, motivo de enfrontamento e de polémica, introducido a modo de caramelo envelenado ou mensaxe subliminar, na mensaxe festiva dunha cidade en forma de camiseta a lucir polo pregoeiro de honra, ao socaire dun apoiable racinguismo, a moitos dos ferroláns que abarrotabamos a Praza de Armas, fíxonos pensar, unha vez máis, en que se nos estaba tratando, inutilmente, de manipular: estamos coa categoría profesional de Javier Gutiérrez, estamos co Racing de Ferrol, pero o noso sentido da xustiza e a razón, lévanos a situarnos en contra dos plans de Reganosa de manter unha situación anómala, reiteradamente denunciada nos tribunais.

Os víctores e aplausos ao home e ao equipo verde non incluían á empresa responsable da negra e ilegal ameaza.

"A camiseta da discordia", entregada polo Sr. Alcalde a Javier Gutiérrez, e non só a el, para ser lucida como mensaxe desde a cidade de Ferrol, supón un moi lamentable e fraudulento trapicheo cos fondos e as formas: non o pensamos elegante nin ético nin decente. Propaganda caciquil disfrazada de cordeiro verde.

Deixemos a festa, a arte e o deporte na paz do xogo limpo, Sr. Alcalde. Non faltan en Ferrol motivos para sentirnos todos xuntos orgullosos, satisfeitos e felices. A planta de gas é unha mancha negra nalgunhas conciencias e noutras unha bandeira de enganche para unha unión en busca de Xustiza.

Planta de gas, fóra da ría. E das camisetas, convertidas en motivo de abuso e manipulación.

Fuco Buxán
Asociación Cultural

--
fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es


Enviado por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
2 de setembro de 2009 18:42

______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon