Véspera de nada "Blog Archive" Entrevista con Martiño Noriega, o primeiro alcalde galego en tomar medidas contra o Teito do Petróleo
Hai un par de semanas dabamos a boa nova da primeira resolución municipal que recoñece oficialmente en Galiza a existencia do problema do Teito do Petróleo e abre o camiño para afrontalo desde abaixo, con medidas de ámbito local. Hoxe publicamos unha breve entrevista que vimos de realizar con Martiño Noriega, o xoven alcalde do concello de Teo:
VdN: A práctica totalidade dos concellos, gobernos autonómicos e o estatal nin tan sequera recoñecen a ameaza do Teito do Petróleo. Como é que Teo, un pequeno concello, non soamente coñece o problema senón que recoñece publicamente a súa gravidade e dá o primeiro paso para afrontalo?
MN: O Concello de Teo é consciente da ameaza do teito do petróleo porque ten un ollar crítico co modelo social que nestes intres é o que marca a pauta mais sobre todo porque intenta escoitar ás redes cidadáns que teñen cousas que decir. Evidentemente sería complexo impulsar estas iniciativas sen unha rede cidadán (da cal esta asociación forma parte) que exercera un traballo de concienciación.VdN:Que repercusión espera que teña no recoñecemento do Teito por parte doutras administracións a resolución que Teo vén de aprobar?
MN: Teo é un Concello de 18000 cidadáns que exerce con modestia o seu rol no municipalismo galego. Agardamos que esta iniciativa que se ven de aprobar axude a sensibilizar ás distintas administracións dunha problemática real como é esta e aporte un efecto catalizador na toma de posición doutros concellos semellantes.VdN:Por que pensa que levamos tanto retraso en Galiza con respecto a outros lugares do mundo na concienciación e acción sobre a cuestión do petróleo?
MN: Unha posibilidade é afirmar que aquí en Galiza as políticas de planificación non cotizan nas bolsas de valores sendo un país que resposta cando se fala xa de feitos consumados, mais coido, que esta falta de sensibilización pódese exportar ao conxunto do estado español non sendo Galiza unha excepción.VdN:O oposición amosou un grande escepticismo diante da utilidade práctica que vaia saír da resolución aprobada. Que se pensa facer desde o concello para evitar que quede en “papel mollado” e nunha declaración exclusivamente simbólica?
MN: O escepticismo da oposición en todo o que atinxe ao grupo de goberno é algo habitual que nós respeitamos. Coido que a declaración foi un punto de partida e que agora toca colaborar activamente cos movimentos sociais. O Concello ten que saber que agora toca neste tema acompañar e non tutelar, tentación que as veces e común denominador das administracións.VdN: Que datas manexa o concello para poñer en práctica o aprobado? Cando se poñerá en marcha o Comité Técnico sobre o Teito do Petróleo?
MN: Agardo que no outono o Concello colabore cunhas xornadas de concienciación de este e outros temas promovidas por tecido asociativo municipal e aínda que aprendín a non dar moitas datas sería desexable que o comité estivera constituido antes de rematar o ano.VdN: Algúns membros da oposición criticaron que se propuxese este tema cando hai problemas máis graves para os veciños de Teo. Evidentemente non son conscientes da gravidade que supón o Teito do Petróleo, un feito que ha marcar un punto de inflexión na historia da Humanidade, segundo a maioría dos expertos na materia. Como pensa traballar o concello para trasmitir o verdadeiro alcance da cuestión aos outros grupos políticos, as empresas e aos cidadáns? Como van lograr a trasversalidade e consenso necesarios para loitar contra un problema destas dimensións?
MN: A diversidade dos problemas municipais non nos debe levar á omisión en asuntos de concienciación. A transversalidade é o desexable como guía de traballo mais o prioritario nestes intres é comenzar a camiñar.VdN: Como visualiza Teo nun futuro sen petróleo o seu alcalde?
MN: Non chego a tanto mais visualizo un Concello que recorte o gasto en petróleo e derivados, que promova campañas de concienciación cidadán, que poida defender un transporte público autonómico digno e que aposte polo emprego de enerxías alternativas.VdN: Coida que se pode falar de que Teo iniciou con esta resolución o seu camiño (algúns chámanlle “transición”) cara un futuro sen petróleo?
MN: Coido que Teo puxo unha primeira pedra da casa e agardo que non corra a sorte doutras primeiras pedras que foron inaguradas polas administracións e que agora están comidas polas silveiras.VdN:Grazas.
A histórica resolución sobre o Teito do Petróleo pódese descargar do web oficial do concello de Teo.
-Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen Petróleo-
http://www.VesperaDeNada.org
Os economistas operaban sobre a base da súa propia relixión ? unha fe absoluta e inconmovible no Divos-Mercado; na lei da oferta e a demanda. Pensaron que se o petróleo empezaba a acabarse, o prezo subiría, ofrecendo incentivos á investigación de enerxías alternativas. Pero os economistas nunca se tomaron a molestia de reflexionar a fondo. Se o fixeron, déronse conta de que a reconversión total da infraestrutura enerxética dunha sociedade necesitaría décadas (...) (Carta desde o futuro, 2101)
·····································
http://www.redeanticapitalista.org
Enviado por:
Manuel Casal Lodeiro (VEspera de Nada)
vesperadenada@redegalega.org-
7 de setembro de 2009 20:44
_______________________________
_______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon