Por Xavier Vence Deza [*]
18.09.2009
A socialdemocracia da terceira vía está atrapada nunha trampa mortal. A carreira cara un centro situado realmente moi a dereita fíxolles perder a alma e esfarelou todo un imaxinario e un argumentario en base ao que amplos sectores progresistas eran quen de pensar a economía e a sociedade nunhas claves diferentes ás da dereita. Ao asumir o estreito marco do pensamento único autocondénase a discutir sempre no marco dialéctico e argumental da dereita. O problema non é filosófico senón práctico: sen saír desa gaiola están condenados a ser derrotados por esa dereita máis auténtica e críbel; sobre todo en momentos críticos, como estes. E iso é o que estamos vendo diante dos nosos ollos aquí en Europa.
Resulta patético ver a Zapatero defender a súa reforma fiscal no hemiciclo fachendeando de ter levado a cabo unha reducción de impostos maior que o PP; máis aínda, exhibindo como mérito ter suprimido o imposto do patrimonio, baixado o tipo máximo do IRPF até o 43%, reducido o imposto de sociedades, o gravame sobre as plusvalías e rendas do capital ou reducido a tributación das sociedades de inversión.
É descorazonador ver que é incapaz de poñer sobre a mesa argumentos sobre a necesidade dunha reforma fiscal que recupere un carácter progresivo para o sistema tributario; incapaz de mostrar que unha das causas esenciais da crise actual reside na crecente polarización da renda e a riqueza; que sen corrixir esa tendencia non hai saída firme a esta crise; que agrandando o foxo entre ricos e pobres non hai percorrido para a economía productiva, porque faltará unha demanda solvente e sostíbel; que os impostos non só son necesarios para aumentar os ingresos públicos e paliar o déficit senón que son o instrumento para reducir esas desigualdades galopantes.
Preso do ideario da dereita só pode xustificar o aumento de impostos en base ao argumento do inxente déficit público. Se a única razón é recadar máis, entón a receita lévao polo camiño de subir xustamente os impostos máis regresivos (IVE e impostos especiais), como lle piden os bancos, as caixas e todos os voceiros da dereita económica. Non pode un reclamarse dun discurso progresista e seguir afondando na regresividade fiscal, cargar os novos impostos nos lombos das clases modestas que son os que viñeron perdendo ao longo dos últimos lustros. Non é a vía de saída da crise e, ademais, politicamente carga contra a súa base social que, con razón, renegará dese tipo de subida de impostos e carga de argumentos falaciosos á dereita.
Con ese tipo de argumentos e con esa executoria ¿que parte da sociedade agarda convencer?. ¿Como vai chegar ao corazón das clases populares ou das clases medias con eses argumentos?. E as clases acomodadas e os seus creadores de opinión teñen claro que iso fánllelo mellor os seus. Nin os “quintáscolumnistas” lle quedarán agradecidos pola súa xenerosidade, como lle acaban de avisar. ¿Terán os socialdemócratas a valentía de saír da gaiola de ouro da dereita?. Benvindos serían.
Publicado no "Xornal de Galicia"
[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro, 1961) é catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
_______________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
sábado, setembro 19, 2009
Zapatero engaiolado
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan sábado, setembro 19, 2009
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon