- Prolingua nace “para defender o galego como se fose a propia vida”
- 250 persoas participaron na asemblea fundacional “dos que teñen a razón porque non menten”
Escritores como Xosé Luís Méndez Ferrin, Miguel Anxo Fernán Vello, Agustín Fernández Paz ou Xavier P. Docampo, editores como Manuel Bragado ou profesores como Francisco Fernández Rei participaron –entre moitos outros– nun acto no que tamén estivo presente Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e no que se puido ver representación das tres forzas parlamentarias, malia que non precisamente das súas liñas oficiais. Rafael Cuíña, do PP e un dos máis aplaudidos, os referentes do BNG durante moitos anos Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras ... e Xosé Luís Rodríguez Pardo, histórico do PSOE galego, acudiron á asemblea. Precisamente, este último tomou a palabra para lembrar os tempos da transición, cando tamén foi “necesaria” a reivindicación do uso e promoción da lingua e entón afirmou dende a emotividade: “Pensar no galego e pensar na miña vida, por iso pido que o defendamos como se fose a nosa propia vida”.
Posteriormente falou Rafael, o fillo do falecido Xosé Cuíña, que declarou o seu “firme compromiso contra as teses obscenas de Galicia Bilingüe e contra toda esa obsesión contra o galego dos que teñen un forte complexo de inferioridade”. “Xente do meu entorno díxome que facía aquí rodeado de roxos perigosos. Eu díxenlles que roxos haberá, pero os perigosos son outros”, engadiu nunha clara referencia á súa militancia popular. De feito nin o PP nin ningunha outra forza política foi nomeada durante a xuntanza, nun xesto que forma parte do ideario da asociación. Pero loxicamente houbo referencias críticas. As máis correron a cargo de Agustín Fernández Paz. El explicou unha marca fundamental para entender Prolingua: “Somos apartidistas, pero fondamente políticos”.
Si se escoitaron mensaxes para Galicia Bilingüe e todos os seus “respaldos económicos, mediáticos e políticos”. “Nós temos a razón porque non mentimos, como fan eles”, comparou Xavier P. Docampo, que puxo como exemplo da marxinación do galego unha lembranza da súa mocidade que considerou completamente actual: “Hai anos, vin como La Voz de Galicia publicaba en castelán a noticia da morte de Cabanillas. Aí decateime de moitas cousas, todas en clave de inxustizas coa nosa lingua”.
Pero foi Fernández Paz o que enviou as maiores cargas de profundidade no seu discurso. Denunciou os ataques ao galego “do Goberno saído das últimas eleccións” e tamén protestou pola “pobre política de comunicación da anterior Xunta á hora de explicar o decreto do galego no ensino”. Dende ese punto solicitou “rebeldía” e tamén a firmeza de Rosa Parks, a estadounidense de raza negra que se plantou ante a segregación negándose a ceder a súa praza no autobús a un branco e cuxa frase adoptou aos galegofalantes: “Estamos fartos de ceder e ceder”. Porén, a súa chamada combinouse tamén cun fundamental apunte táctico: “Debemos actuar en positivo”. Esa luva recolleuna ao rematar o acto Manuel Bragado: “A sociedade admira aos que aman e nós temos esa forza”.
Fonte: xornal.com
Se queres asinar o manifesto, escríbe un correo-e indicando o teu nome, apelidos e profesión ao enderezo de contacto:
prolinguagalega@gmail.com
Prolingua: Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega
Web oficial da Plataforma:
http://prolinguagalega.org/
_____________________
Noticia relacionada:
No xornal Galicia Hoxe
[FOTO: ramón escuredo]
Nace outra plataforma a prol do galego
Referendada con preto de mil sinaturas, onte presentouse en Compostela ProLingua, unha plataforma de carácter social en defensa do galego e contra os ataques da Xunta ó idioma propio. O escritor Xabier P. Docampo acompañado, entre outros, dos tamén escritores Agustín Fernández Paz e Mercedes Queixas, do profesor Quique Costas, do académico Francisco Fernández Rei ou mesmo do empresario Rafael Cuíña, militante do PP, sinalou como unha das súas prioridades “que non se tome ningunha decisión contra a lexislación lingüística actual” que o propio presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo está a poñer en cuestión [+info]V. OLIVEIRA
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon