[Para ampliar clicar acima da imaxe]
A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciou-se ditando Sentenza, a favor da veciñanza de Menáncaro, estimando o seu Recurso contra o vergoñento Acordo Plenario do Concello de Ferrol do 20 de Abril de 2007, no que se aprobou "definitivamente" o Plano de Sectorialización de Menáncaro, anulando deste xeito o ilegal acto administrativo por ser contrario a dereito.
Aínda que a Sentenza está datada no 5 de Novembro de 2009, non chegou ás partes afectadas até este 9 de Decembro.
Aínda que a Fraga de Menáncaro, xa estaba en trámites de protección definitiva pola acción e perseveranza da Comunidade Menáncaro, as entidades ecoloxistas [ADEGA, SGHN e VERDEGAIA] e a do Colectivo Ártabra 21, así como por vontade política do grupo que goberna no Concello de Ferrol [PSOE] co apoio dos grupos municipais do BNG e EU, esta Sentenza ven reforzar o obxectivo do Movimento Ecoloxista de protección integral da Fraga de Menáncaro.
Desde a Comunidade Menáncaro damos os parabéns a todas as persoas que loitaron pola Fraga e a toda a cidadanía de Ferrol, porque a conservación da Fraga de Menáncaro significa a protección dun dos patrimonios naturais máis singulares e importantes que temos no Concello.
Con este comunicado achegamos unha pequena Galería Fotográfica e un Vídeo onde se pode apreciar a inmensidade e o valor da Fraga no seu conxunto. Tamén achegamos enlace para poder baixar a copia da Sentenza.
Que é a Fraga de Menáncaro ?
A Fraga de Menáncaro está situada no val do río Aneiros ou río da Sardiña, na parroquia de Serantes, esta conforma un habitat natural de máis de 10 ha de superficie.
A Fraga de Menáncaro é unha das poucas manchas de bosque autóctono que se conserva no concello, xunto coa Fraga de Monte Fontelo (A Graña), Fraga da Pega e da Casa do Monte (Leixa) e o Acibreiral das Forxas (Covas), espazos naturais que tamén se deberían conservar e protexer. Un dos feitos que fai de Menáncaro unha zona cunha carballeira singular é a presencia de individuos centenarios de porte excepcional, base dun bosque maduro e de gran biodiversidade.
A Fraga é unha mostra de bosque potencial desenvolvido, prácticamente desaparecido noutras zonas de Ferrol. Un dos principais valores é a súa singularidade, dada a case ausencia de formacións de carballeiras en Ferrol. O habitat natural de Menáncaro, a protexer, está formado por un bosque ripario que ocupa as marxes do río, unha zona da carballeira que se imbrica coa aliseda riparia e zonas de prado húmido nas marxes do bosque ripario.
O seu bosque ripario de grande singularidade é valor foi parcialmente talado, de forma ilegal por dúas veces: a primeira vez en 2001, pola agora empresa promotora da urbanización SAT Agropino, de Amando Romero Castrillón; e a segunda vez por unha actuación de Fenosa, empresa coa que se chegou a un acordo para que fixera unha serie de actuacións, que xa están en marcha, para preservar a Fraga no seu conxunto.
Desde 1995, o movimento ecoloxista ven realizando actuacións co obxecto da protección da Fraga, denunciando actuacións ilegais, como vertedoiros incontrolados, apertura de camiños, talas ilegais, vertedura de entullos, ... Temos nos nosos Arquivos cantidade de propostas, denuncias, alegacións ao PXOM aprobado no 2000, cartas e outros documentos, cun só obxectivo final a protección da Fraga. Entrevistas, reunións, roldas de prensa, roteiros e mobilizacións, tamém nese camiño. Recursos, alegacións, denuncias e outras actuacións xudiciais e administrativas.
O anterior goberno conservador de PP e IF que levaba as rendas do Concello de Ferrol na pasada lexislatura, até Maio de 2007, aprobou un Plano de Sectorialización de Menáncaro que sometera a información pública unha vez publicado nos boletín oficiais o 22 de Xullo 2005. Foron case dous anos de trámites administrativos, recursos e alegacións que se combinaron coas accións de protesta e denuncia.
Queremos significar que un dos propietarios, coa parcela de maior superficie, desta Fraga é o Sr. Juan Fernández García do grupo municipal IF, que foi Tenente de Alcalde do Concello de Ferrol co goberno conservador bipartito [PP e IF] e que agora segue sendo concelleiro polo mesmo grupo. O que explica moitas das irracionais actuacións do propio goberno municipal.
En abril do ano 2007, cos grupos de PP e IF á fronte do goberno local e nun polémico pleno, no que a oposición se ausentou nun xesto de solidariedade, dado que o Alcalde impediu o acceso ao mesmo aos representantes veciñais e ecoloxistas, aprobouse o plan de sectorización de Menáncaro. O proxecto de urbanización incluía a construción de 69 chalés de luxo e un hotel no corazón da mesma Fraga. O goberno conservador capitaneados polo Alcade Sr. Juncal [PP] e sendo daquela concelleiro de Urbanismo o Sr. Evia [PP], aínda quen xestionara todo o Plano fora o Sr. Pita Romero [IF], encontra da vontade veciñal, dos argumentos ecoloxistas, dos informes reiterados de diferentes Direccións Xerais da Xunta de Galicia, e da propia normativa urbanística do Concello [PXOM] e Xunta [Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia] e no disposto no Catálogo Municipal de Bens Protexidos [Páx. 21 e 22].
Por último queremos destacar que desde o movimento ecoloxista e veciñal non só tivemos que loitar contra o goberno municipal conservador do bipartito PP-IF, senón que tamén tivemos enfronte ao Grupo Voz [Radio Voz e La Voz de Galicia], coas súas manipulacións e o seu posicionamento, en todo momento, a favor dos argumentos municipais e dos promotores urbanísticos.
Pola Comunidade Menáncaro
Ramón REGUEIRO SANTIAGO
Fraga de Menáncaro
Serantes - Quia 155
15405 Ferrol [GALIZA]
Blogs da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com/
http://fragademenancaro.blogspot.com/
http://menancaroexpress.blogspot.com/
Correio-e da Comunidade Menáncaro:
menancaro@gmail.com
- Enlace cos Arquivos Ártabros onde se pode baixar a Sentenza do TSXG 01131/2009 en formato -pdf-
Filme realizado pola SGHN e ADEGA, onde se pode apreciar a imensidade e o valor da fraga no seu conxunto. Filme realizado pouco despois de saberse que a Fraga de Menáncaro estaba ameazada por unha posibél especulación urbanística.
En formato mpg, cunha duración 6 minutos 43 segundos.
Editado por SGHN e ADEGA, Novembro 2005
Feito por Yosy (c)
[Fraga de Menáncaro, delimitado de xeito aproximado, o espazo natural a protexer]
Reportaxen fotográfica da Fraga de Menáncaro, de varias persoas integrantes das entidades que conforman a Comunidade Menáncaro [Reportaxen fotográfica que se pode ampliar acedendo ao blog da Comunidade http://menancaro.blogspot.com ].
_______________________
1 comentarios so far
Parabéns para todas as persoas que loitades pola carballeira de Menáncaro.
Un video realmente interesante.
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon