Convocada pola Ra!, Rede Galega Anticapitalista [http://redeanticapitalista.org], o 12 de decembro celebrarase o Día de Acción Global contra o Cambio Climático tamén en Santiago de Compostela. Haberá actos en máis dun cento de países [http://www.globalclimatecampaign.org].
Pedalada (e tamén camiñada) contra o cambio climático.
Saída as 12:00 dende a Alameda. Compostela.
Trae bucina, timbre, chifres . . .e a túa bicicleta decorada!
MANIFESTO
12 de decembro. Día de Acción Global contra a mudanza do clima
Mudemos o sistema, non o clima!
A mudanza climática é a cara máis preocupante dunha crise socioambiental global que afunde as súas raíces no produtivismo e no consumismo. Un problema cuxos principais responsábeis son os gobernos e as transnacionais dos países enriquecidos, xunto coas institucións internacionais do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do Comercio, mais que golpea primeiro e máis forte ás persoas máis pobres.
Queda xa pouco tempo para prevenirmos unha mudanza climática catastrófica. O Cumio do Clima de Copenhague non pode fracasar, malia os intentos de boicot dos EUA. É urxente acadar un acordo legalmente vinculante de redución das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes do cambio climático que substitúa o Protocolo de Quioto a partir de 2013. Pero non vale calquera acordo. Precisamos un que recoñeza a Débeda Climática dos países enriquecidos cos empobrecidos, causada polo seu exceso de emisións históricas e actuais desestabilizadoras do clima, débeda que fai parte da máis ampla Débeda Ecolóxica.
A Rede Anticapitalista únese desde Galiza á xornada global de mobilización contra a mudanza climática do 12 de decembro. Faino defendendo os tres “c” do principio da Xustiza Climática: contracción (redución) das emisións mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos e transnacionais que son responsábeis da crise climática aos que sufren as súas consecuencias.
A Rede Anticapitalista reivindica:
- Unha redución do 40% das emisións dos países desenvolvidos en 2020 a respecto dos niveis de 1990. Esta diminución deberá realizarse no territorio de cada país, sen recorrer aos mercados de carbono. Para metade de século a redución das emisións debería ser do 100%.
- A adopción por parte da Xunta e dos Concellos de planos para reducir drasticamente as emisións galegas de gases de invernadoiro. As nosas emisións por habitante de CO2 procedente da queima de combustíbeis fósiles son dúas veces e media superiores ás chinesas e multiplican case por nove as da India.
- Unha rápida e potente implementación de solucións apropiadas á crise climática, como o aforro enerxético; o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma descentralizada e respectuosa co territorio para substituír os combustíbeis fósiles; a promoción dos modos transporte sustentábel e a desincentivación dos que non o son; a soberanía alimentar e a agroecoloxía; ou o consumo responsábel. Rexeitamos solucións falsas e contraproducentes como a enerxía nuclear, os agrocombustíbeis ou as plantacións de eucalipto.
- O financiamento e a transferencia de tecnoloxía desde os países enriquecidos aos empobrecidos para que constrúan economías baixas en carbono, se adapten aos efectos negativos da mudanza climática que xa son inevitábeis e reduzan a deforestación.
MÁIS INFORMACIÓN:
- Lídia Senra, Sindicato Labrego Galego: 609 845 861
- Fernanda Couñago, Amarante-Setem: 660 233 481
Convoca: Rede Galega Anticapitalista
A Rede Galega Anticapitalista somos: Adega, Altermundo, Amarante, A Baiuca Vermelha, Asociación Cultural O Curruncho, Cemma, CGT-Pontevedra, CGT-Arousa Colectivo Ártabra 21, C.S. A Esmorga, Enxeñería Sen Fronteiras, A Gentalha do Pichel, Implicadas no Desenvolvemento, Médicos do Mundo, Marcha Mundial das Mulleres, Ospaaal, Foro de Inmigración, Panxea, Ais ‘O Peto’, Sindicato Labrego Galego, Sinerxia, STEG (Sindicato e Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza), Veciñ@s pola Tolerancia, Verdegaia, Véspera de Nada, Veterinarios sen Fronteiras, Whipala, A.C. Xermolos
Enviado por:
Altermundo
manoel@altermundo.org-
10 de dezembro de 2009 13:26
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon