Por Manoel Santos [*]
18.01.2010
Mentres Haití chora, albíscanse demasiados intereses, como indicaba Klein, de quen ve nos desastres da xente oportunidades de negocio. Haití non precisa máis ocupación militar, como propuxo Zapatero, senón unha verdadeira misión de solidariedade.
"Debemos ter totalmente claro que esta traxedia -que é en parte natural e en parte non- non debe, baixo ningunha circunstancia, usarse para: un, endebedar aínda máis a Haití, e dous, impulsar políticas corporativistas impopulares en favor das nosas empresas. Non é unha teoría da conspiración. Fixérono unha e outra vez". Son palabras de Naomi Klein no programa Democracy Now!, de Amy Goodman.
En efecto, a terríbel traxedia que esnaquizou Haití está causada por un desastre de orixe natural, un gravísimo terremoto. Mais é evidente que as descomunais dimensións da desfeita -50.000 ou máis mortes- non teñen nada que ver con ese "castigo divino" que "sempre se ceba nos máis pobres", como tenden a argumentar analistas e xornalistas corporativos, e si coa situación de extrema vulnerabilidade que vive esa media illa caribeña.
Cómpre salientar primeiramente que a presenza da Misión da ONU para a Estabilización de Haití (Minustah) dende hai cinco anos e medio, con 7.300 cascos azuis, 2.000 policías e 500 funcionarios internacionais, non parece que tivera efecto ningún sobre a mellora das condicións de vida dos haitianos e haitianas, mais si foi eficaz para a estabilidade das transnacionais que instalan alí maquiladoras e explotan os recursos naturais illáns.
Feitos constatábeis son a redución da esperanza de vida -de 52,6 anos a 49,1 entre 2002 e 2005- ou que o 80% da poboación segue a vivir por baixo do limiar da pobreza e está desempregada. Amais, o 75% das casas, que seguen a ser de madeira ou lata, carecen de saneamento, non hai servizos de recolleita de lixo, soamente o 24% dos partos son atendidos por médicos e, o que é clave na devastación do sismo, só o 2-3% da terra ten algún tipo de cuberta forestal, polo que non ten sostén e a erosión reduce decisivamente a capacidade de produción de alimentos dunha poboación que medra de continuo.
[Para ampliar clicar acima da imaxe]
Se a isto engadimos as políticas neoliberais practicadas na rexión, primeiro co endebedamento co FMI propiciado nos ano 80 por Duvalier e despois coa intervención dos Estados Unidos en 1994 e as políticas de axustamento estrutural e liberalización comercial, concluiremos que moitos deses 50.000 mortos están no debe do Imperio do Mercado. De feito, Haití ponse sempre como exemplo do efecto aniquilador destas políticas. En 1970 producía o 90% da súa demanda alimentaria, sendo autosuficiente en arroz. Hoxe importa preto do 55% dos alimentos e é o principal importador de arroz estadounidense.
Mentres Haití chora, albíscanse demasiados intereses, como indicaba Klein, de quen ve nos desastres da xente oportunidades de negocio. Haití non precisa máis ocupación militar, como propuxo Zapatero, senón unha verdadeira misión de solidariedade. Precisa a anulación da débeda ilexítima que aínda se lle está a cobrar. Precisa axuda real, e non máis préstamos do FMI ou do Banco Mundial, e precisa reparación, do destruído por suposto, mais tamén das débedas históricas -sociais e ecolóxicas- que o mundo ten coa primeira nación negra, libre, da historia da humanidade.
Publicado en Altermundo.org
[*] Manoel Santos [1969], é o Director e fundador de Altermundo. Biólogo e escritor. Activista ecolóxista. Dirixe o suplemento mensal altermundista do xornal Galicia Hoxe, membro da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, ... [Ler Máis]
________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon