Por Manuel Mera [*]
04.03.2010
Os xornais reproducían o 26 de marzo de 1972 a publicación no Boletín Oficial do Decreto sobre militarización de Bazán, o acordo tomouse na reunión do Consello de Ministros. Esta decisión extraordinaria da ditadura franquista era a resposta ás mobilizacións e protestas dos traballadores do estaleiro, daquela a empresa máis importante do país, pedindo un convenio que abranguese só a factoría de Ferrol, para conseguir así mellores condicións laborais.
Despois do peche patronal de Bazán, o dez de marzo, a agresión do réxime contra a manifestación de catro mil operarios polas rúas da cidade causou dous mortos e ducias de feridos. A solidariedade alargouse ao resto das empresas da bisbarra e nos días seguintes a Vigo, A Coruña, e á Universidade de Compostela. Segundo o xornal Die Welt de Alemaña “foron detidas na comarca de Ferrol 169 persoas, 130 serán sancionados, 45 detidos serán xulgados,... e uns 200 pasaron á clandestinidade”. Malia a dura represión, e unha derrota conxuntural, o movemento obreiro galego saíu de 1972 moi fortalecido, como se reflectiu durante as seguintes décadas. Por iso o dez de marzo, Día da Clase Obreira Galega, non é só unha data que lembra a barbarie, senón que ademais reivindica a conciencia de clase, e a capacidade para superar atrancos e eivas.
Aquela loita valente é un exemplo necesario a seguir pola clase traballadora, e outros sectores populares tamén afectados pola “crise”, xa que estamos neste intre diante dun forte ataque a moitos dereitos conseguidos con décadas de loita e sacrificio. Neste camiño están ás manifestacións convocadas pola CIG para o vindeiro 10 de marzo en toda a nación, esixindo: apoio á economía produtiva e sostíbel, máis e mellor emprego e pensións dignas, oposición á diminución e privatización dos servizos e prestacións públicas.
[*] Manuel Mera Sánchez, Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
_________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon