Por Luís Álvarez Pousa [*]
09.04.2010
Hai un especial interés en desmontar a estratexia do caracol coa que a dirección do PP tenta sobrevoar o caso Gürtel. Para iso, ningún argumento máis certeiro que o de probar o financiamento irregular do partido. En efecto, se a trama de corrupción chegase ata as adegas da organización, o discurso victimista no que se moven as Cospedal, Aguirre e Barberá, ademais de Rajoy, Feijóo e González Pons, caería polo seu peso. Non é así. Por máis que sigan empeñados en negar a conexión entre o partido e a trama que capitaneaba Francisco Correa, a realidade en forma de sumario evidencia probas sobradas da súa existencia, cando menos en catro comunidades autónomas con gobernos conservadores: Valencia, Madrid, Castilla/León e Galicia. Recitando coma papagaios a guía de instrucións autoconmiserativas, para calmar a riada de alertas xeradas polo relato que convirte aos socialistas de Filesa -a gran corrupción política dos anos 80- en meros aprendices de bruxo, ensaian o seu propio harakiri.
Porén, aínda que non tivésemos esa confirmación, para nada diminuirían o alcance e a gravidade do sucedido. É todo tan escandaloso -polo estatus institucional e/ou organizacional dos imputados-, e tamén tan alucinante -como queda de manifesto no relato que o sumario ofrece en forma de folletón político/gangsteril- que, aínda non tendo como teñen os brazos autonómicos do PP unha directísima complicidade coa rede Gürtel, en nada cambiaría a natureza amoral e delitiva dos feitos. Cantos, imputados ou non, protagonizan esta comedia dramática están cortados por un mesmo patrón: creéndose escollidos polo destino uns, e especialmente dotados outros en razón dos xenes familiares e de clase -facendo boa a teoría de Fraga para xustificar as contratacións que sempre realizou Baltar para a Deputación entre as familias do PP ourensán para a Deputación-, buscan sen importar os medios niveis de riqueza que os convirtan, social e politicamente falando, en inmortais.
Non son francotiradores, como insisten en facernos crer os dirixentes do PP. Pola contra, son persoas instaladas no seu organigrama de poder, como é o caso do tesoreiro Bárcenas, e nas institucións das que se sirven para o seu proveito particular facilitándolle aos da trama que materialicen o súa ben planificada rede de corrupción. Perguntándonos, iso sí, como é posible que tantas persoas se lucrasen durante tantos anos delitivos sen que ninguén do seu entorno o advertira -por caso, Rajoy, malia pasar por diante do seus despacho as millonadas coas que segundo o sumario Correa premiaba a eficacia do seu tesoreiro; por caso, Fraga, que se beneficiou as campañas pagadas con diñeiro negro entre os anos 1996 e 1999-. Recramar contundencia, como fai Feijóo, é a futuro. Iso queda para os xuíces. Antes deberan el e Rajoy asumir o presente. Que é tanto como defenestrar aos que están xudicialmente acorralados, so pena de que pensemos que non o fai por medo, no caso de Rajoy, e abrir unha investigación sobre as finanzas do PPdG entre o 96 e o 99, no caso de Feijóo. Todo menos esconderse ambos baixo a coraza do caracol.
[*] Luís Álvarez Pousa -lapousa@temposnovos.net- é xornalista, profesor de universidade, escritor, ... e director da Revista Tempos Novos. O Autor na Galipedia - O Autor na web do Colexio profesional de Xornalistas .
__________________
Enlace de interese:
O xornal estatal "Publico", edita a Gürtelpedia - Os termos claves do maior escándalo de corrupción no PP, da A á Z. E un especial con toda a documentación sobre a trama corrupta do Partido Popular -PP-
___________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon