Por Xavier Vence Deza
12.05.2010
Equivócase a dereita europea, equivócase Zapatero, equivócase Rajoy. Nin o plan europeo de apoio ao euro garante a súa estabilidade nin as medidas de axuste impostas van favorecer a recuperación.
Os fondos de 750.000 millóns de euros virtuais non representan un instrumento suficiente para corrixir a febleza estrutural dunha moeda que non ten un apoio político e fiscal suficientemente sólido; sobre todo cando á heteroxeneidade interna de sempre se lle engade agora unha tendencia abertamente diverxente entre os países nucleares e os chamados PIGS, abocados algúns deles a unha prolongada depresión.
O período das políticas de cohesión e converxencia abre paso a unha política de diverxencia ditada por unha dereita que renunciou hai tempo a avanzar na europa social e política e opta pola estratexia de sálvese quen poida. A estratexia de depreciación de facto do euro é funcional ao capital das potencias máis exportadoras como Alemaña, Holanda, Bélxica ou Francia pero debilita especialmente os países con défict comercial e con alto endebedamento.
Por outra parte, as condicións do axuste drástico, con criterios regresivos, impostas pola dereita europea no marco do Ecofin, conducen de xeito case inexorábel a Grecia, España e Portugal a un escenario de drástica contración da actividade económica: a redución do gasto público e a redución do ingreso das familias que, xunto co aumento do IVE, lastrarán o consumo e o investimento durante longo tempo. Polo tanto, o conxunto das medidas adoptadas non nos encamiñan cara unha recuperación económica senón que, polo contrario, dannos todos os boletos para sumirnos nunha profunda e prolongada depresión.
Desde o punto de vista social e de distribución da renda, os efectos das medidas de axuste anunciadas son fortemente regresivas. O custe do axuste déitase nas costas dos traballadores do sector público e dos pensionistas.
Como diciamos o pasado sábado, postos a facer reducións de gasto importantes e menos dañinos para a maioría da poboación poderiamos facer un drástico recorte do gasto militar –que absorbe case o 5% do gasto público total– e, desde logo, retirar as tropas inmediatamente de Afganistán. Supoño que a chamada de Obama a Zapatero o pasado luns ten algo que ver co medo a que Zapatero tomase esa medida tan de caixón, habida conta da situación na que estamos. O certo é que nin se menciona como posibilidade. Igualmente procedería deshabilitar os fondos do FROB que pexan enormemente a nosa débeda pública e responden a un proxecto político de fusión forzosa das caixas que é moi cuestionado. Ou as axudas á Igrexa católica.
Pero o que resulta máis escandaloso é que entre as medidas de Zapatero para reducir o déficit non haxa ningunha que implique aumentar os ingresos mediante impostos aos sectores sociais e económicos que teñen capacidade de pago. Nin imposto de gandes fortunas, nin imposto aos bonus e altísimos ingresos, nin eliminación das bonificacións ás Sicav e fondos de investimento especualtivo, etc.
En fin, axustar o déficit pola vía do gasto a costa das rendas salariais e pensionistas é a definitiva socialización dos custes da burbulla especulativa neoliberal e o último que podía agardarse dun goberno que se declara socialdemócrata. A dereita económica está contenta –pero non aínda abondo satisfeita– e a dereita política ten servida en bandexa a oportunidade para facer toda a demagoxia imaxinábel. Pero o peor de todo é que eses sacrificios sociais non traerán a recuperación económica senón unha profunda depresión e, de seguro, unha grande conflitivade social.
xabier.vence@usc.es
Publicado en Xornal de Galicia
Outros artigos en xornal.com
[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon