martes, maio 18, 2010

O burato negro das finanzas neoliberais


Por Xavier Vence Deza
15.05.2010

O mundo financeiro é á economía o que os buratos negros nas modernas teorías da física. Os buratos negros son hiperconcentracións de masa de tal densidade que crean unha forza gravitatoria tan intensa que ningunha particula material, nin sequera os fotóns da luz poden escapar á súa atracción, o que lles permite capturar todo o que hai ao seu redor e ao mesmo tempo facérense invisibeis. Como se forman? Cando unha estrela xigante vermella perde toda a súa enerxía, a forza gravitatoria desta provoca unha hiperconcentración de toda a masa nun pequeno espacio, dexenerando nunha anana branca cuxo colapso dá lugar a un burato negro.

No noso caso, o que perdeu a súa enerxía foi a economía produtiva que empezou a render marxes de beneficios cada vez máis modestos que conduciron a unha progresiva concentración do capital nos principais sectores da economía. O petróleo, os minerais, a metalurxia, o automóbil, o aerospacial, os medicamentos, a comunicación, a edición, etc., acabaron concentradas nas mans duns poucos grandes grupos planetarios que dominan os respectivos mercados.

Desde hai moito tempo deixou de haber dinamismo investidor orientado á creación de novas capacidades produtivas neses sectores. Salvo nalgúns países emerxentes, a inmensa maioría dos movementos de capital son destinados a operacións corporativas, é dicir, compra-venda de empresas existentes para integrar nun grupo ou noutro. Trátase, polo tanto, dun tipo de investimento que non ten como obxecto producir riqueza nova senón cambiala de mans. É unha economía de rendistas que non crean riqueza senón que a capturan, participando como financiadores, intermediarios, asesores, etc. Ese é un dos negocios estrela do capitalismo neoliberal.

Outro gran eido de negocio nos últimos lustros foi a apertura do sector público ao negocio privado. Non é unha operación que xenere riqueza nova, tan só que o que antes xestionaba o sector público sen render beneficios pasa a ser xestionado polo sector privado, aproveitando o investimento público acumulado durante décadas; o sector privado redabiliza esas actividades sen realizar investimentos importantes e estirando a vida útil dos equipamentos previamente existentes.

Hoxe, un gran número de corporacións viven dos réditos desas privatizacións e unha porción dos dividendos repatidos responden ao que Harvey nomeou como “acumulación por desposesión”. Outra parte significativa vive da xestión privada do orzamento público: contratas de servizos e obras, concesións, asesorías, asistencias técnicas, hospitais concertados, colexios concertados, etc. Pero o negocio por excelencia neste modelo rendista é o financeiro. O seu motor non é o investimento en actividades produtivas ou o crédito ás empresas senón o propio negocio financeiro expandindo até o infinito o endebedamento de todos os axentes do sistema, creando produtos financeiros derivados cada vez máis sofisticados que permitían expandir de xeito ficticio a súa capacidade para endebedarse e prestar. A débeda é o seu motor e a súa fonte de enerxía.

O problema é que a débeda, como sabemos, é unha promesa, non unha realidade. Non crean enerxía tan só capturan toda a enerxía existente a conta desa débeda. Non invisten en actividades produtivas para crear riqueza, tan só crean produtos financeiros, títulos de papel, que lles permiten capturar a enerxía producida por outros. E a traxedia é que o sistema financeiro que coñecemos, con todo ese Moloch de grandes fondos de investimento, hedge funds, sociedades de investimento, etc., só pode seguir en pé na medida en que teñan a posibilidade de seguir movendo diñeiro especulativo nese tipo de negocios.

Polo tanto, dito en poucas palabras, ou se mudan as bases sobre as que se asenta o modelo rendista da economía financiarizada neoliberal ou toda a enerxía que entreguemos a ese Moloch, a ese burato negro, non servirá para nada. Quizais tan só para absorbernos cada vez con máis forza até o colapso total. Xa sabemos a debacle que as medidas do FMI provocaron en Latinoamerica e en todo o terceiro mundo nos anos oitenta e noventa; xa sabemos o colapso que estan a provocar nos países do Leste. Aceptar como años entrar nunha depresión sería unha irresponsabilidade imperdoable.

xabier.vence@usc.es
Publicado en Xornal de Galicia
Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon