sábado, maio 22, 2010

Ciclos perversos de desposesión


Por Xavier Vence Deza [*]
21.05.2010


Unha rápida observación da política fiscal nos últimos lustros pon ao descuberto a insidiosa perversión das políticas neoliberais e o seu carácter procíclico.

Primeiro, a constante redución dos impostos directos e progresivos como o patrimonio ou as rendas do capital e o acento cada vez maior nos impostos indirectos ligados ao consumo –como o IVE– acaban provocando un marcadísimo ritmo procíclico nos ingresos públicos; aínda que todos eles varían co ciclo económico, non cabe dúbida de que o consumo é o que acusa con máis virulencia as oscilacións. Segundo, a defensa neoliberal –cando menos en teoría– do equilibrio orzamentario ou do superavit é de facto a forma de frear e disciplinar o gasto público –en realidade o gasto social. O caso é que o saneamento e superávit das contas públicas acaba sendo utilizado para atender as demandas daqueles sectores que con máis rapidez experimentan os síntomas da crise e son quen conquerir dos gobernos urxentes plans de axuda.

Efectivamente, vimos como as institucións financeiras e as grandes corporacións foron as primeiras en reclamar auxilio, utilizando para iso todo o seu poder e capacidade de presión, seguindo a efectiva doutrina do shock. Hai dous anos os gobernos serían estigmatizados como irresponsábeis se non tiveran saído ao salvamento billonario do sistema financeiro especulativo, aclamado como alma imprescindible do sistema económico, facendo uso e abuso da confusión entre o papel do sistema financeiro en xeral e o seu concreto modelo actual. Outros sectores olipolísticos globais apuntáronse con avidez ao reparto do botín: o automóbil, o enerxético e o sector farmacéutico, por vías diferentes. Todos eles tiveron a habelencia de baleirar a caixa dos Estados, endilgar aos bancos centrais parte importante dos seus títulos de débeda lixo e conseguir unha xenerosa inxección de recursos monetarios a taxas de xuro nulas. Froito desa xenerosidade, o sistema bancario –salvo contadas excepcións– non deixou de repartir dividendos e bonus e segueu destinando os recursos aos mesmos negocios de sempre nos mercados financeiros, pero cortocircuitando de xeito drástico o crédito á economía productiva. Para cerrar o círculo da habelencia, converteron nun rendible nicho de negocio os mercados de débeda pública dos estados que previamente os socorreran.

Sen detérmonos en detalles, o certo é que aquela primeira socialización das perdas dos principais artífices das burbullas financeiras resultou relativamente fácil porque encontraron unhas contas públicas máis ou menos saneadas que lles permitiu aos gobernantes solícitos facer entrega xenerosa deses recursos de todos. A cousa ponse máis seria co deterioro das contas públicas; especialmente fulgurante, entre outras razóns, porque os estados foran reducindo aquelas fontes de ingresos que podían ser relativamente máis estabeis: patrimonios e rendas non salariais. Pero o ciclo remata cando os estados xa non teñen recursos abondo para seguir mantendo o seu funcionamento normal sobre a base da débeda asumida e emitida e teñen que dar o seguinte paso: a socialización efectiva dos custes das débedas contraídas, botandoa sobre as costas dos usuarios dos servizos públicos e os beneficiarios das prestacións sociais, ou como está a facer Zapatero a costa do empobrecemento dos traballadores e servidores públicos. Así se cerra o cículo da desposesión da sociedade en beneficio do 1% realmente rico. Neste contexto, chamarlle “reparto progresivo” da crise a unha redución dos salarios medianos maior que a dos salarios modestos pasará á antoloxía dos insultos á intelixencia do socialismo español.

Enfin, co que está a pasar descubrimos que o sistema fiscal que nos foron construíndo os neoliberiais non só é tremendamente inxusto senón que resulta claramente procíclico, agravador da magnitude das recesións, desarmando o potencial anticíclico que debería ter a política fiscal dos gobernos. Polo tanto, se non houber unha reforma a fondo da política impositiva recuperando os impostos que gravan capacidades de pago máis solventes e permanentes, coa efectiva regulación que impida a evasión fiscal, ou os Estados están condenados a entrar nunha espiral de completa supeditación aos mercados financeiros, deterioro da calidade dos seus servizos e merma da súa función redistribuidora e cohesionadora. Ese é de certo o horizonte cara o que cabalgan os neoliberais, parece que coa complicidade irreponsábel dunha esquerda gobernante capada e incapaz de dar un paso sen o placet de Botín.

xabier.vence@usc.es

Publicado en Xornal de Galicia

Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon