Por Fran P. Lorenzo [*]
15.07.2010
Como ao 80% dos súbditos da Coroa española, o gol de Iniesta na final do Mundial colleume diante da televisión. Éme difícil, confésoo, non sentir algo parecido á satisfacción cando un xogador admirábel coma el logra, para un equipo compacto e atractivo como o de España, un triunfo deportivo tan relevante, o Campionato do Mundo. O fútbol, tal como eu o entendo, opera o milagre de elidir certas fronteiras ideolóxicas e emocionais e rendelo a un á evidencia do bo xogo. Cando esa entrega momentánea ten lugar síntome un pouco como a Ninotchka de Lubitsch, a axente comunista –“A Garbo ri!”, rezaba a promoción daquela película– enviada a París para redimir os seus camaradas da depravación occidental, que acababa rendida ao engado do capitalismo e da alta costura.
Quitados eses meus mixiriqueiros reparos, o certo é que onde eu vin deporte, xogo, táctica, equipo e homes guapos, outros –os encargados de conformar o relato oficial desta merecida victoria– artellaron outra narración espuria, baseada en feitos reais pero en absoluto fiel ao que ocorreu en Soccer City e despois nas rúas de media España. Os feitos reais teñen moito que ver cun entusiasmo colectivo polo triunfo, máis ou menos teledirixido e explotado comercialmente até o paroxismo, mesmo con derivacións románticas. A narración colateral, pola contra, extrae flipantes conclusións político-territoriais relacionadas cun sometemento das nacións sen selección –Cataluña, Euscadi e Galicia– e un renacemento histórico da nación española cal Gato Félix –que diría Caneda–, o que me fai acordar aquel fervor popular polo ascenso da S.D. Compostela á Primera División. Á vista daquel despregamento de bandeiras azuis e brancas e dos berros de xúbilo que encheron a noite de Santiago, ninguén podería pensar que hoxe xa case nada resta daquel combinado nin dos seus seareiros. Así funciona o sentimento gregario e a solidariedade automática.
Claro que houbo estes días bandeiras de España, máis das que nunca vira. E claro que entre a chavalada –ignorante por desgraza do significado larvado de frases como “Arriba España!”– estendían a man nostálxicos do franquismo, embebidos desta súbita primavera rojigualda. Pero iso non explica, ao meu ver, máis que a nosa condición de masa actuante e movediza, a representación exponencial e ampliada do que, domingo tras domingo, acontece en todos os campos de fútbol.
A utilización avesa deste lóxico estourido popular –nun país no que o gran negocio do balompé marca os ritmos, os tempos e as axendas durante todo o ano– é o que revela, ao meu ver, o déficit de españolidade de España, unha eiva identitaria que os próceres da dereita patria queren paliar a toda costa. Holanda, os holandeses, aledaríanse polo triunfo de Holanda, non polo rexurdimento da nación holandesa. Brasil o mesmo. O mesmo Uruguai ou Alemaña. E desde logo en ningunha nación normalizada do mundo o triunfo dunha selección sería utilizado como coartada política para negar a diversidade e inocular na xente o ensoñamento da nación única, impermeábel e excluente, antes roja que rota, que aquí agoiran estes días os partidos maioritarios e os seus voceiros mediáticos.
Porque ventaba eu esa instrumentalización descarada é polo que o triunfo destes chavales non logrou acender o meu espírito como se supón que debera. Por iso ou porque a miña españolidade se expresa de maneira privilexiada no meu DNI e pouco máis. Ser galego, con todo, non me impide esta discreta alegría polos meus veciños, aínda que ninguén me convidara á súa festa.
franpl@galicia-hoxe.com
Fonte: Vai de Blog en Galicia Hoxe
[*] Fran P. Lorenzo
____________________
Outro artigo de Fran P. Lorenzo:
Soño da “Roja” e da España sen nación
_____________________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
xoves, xullo 15, 2010
A discreta alegría polo veciño español
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan xoves, xullo 15, 2010
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon