mércores, outubro 20, 2010

"Coma nenos píos con disfrace de mártir", artigo censurado en Galicia-Hoxe por presións do Arzobispo de Santiago

Artigo censurado en Galicia-Hoxe
Xunto artigo publicado (coa foto que ilustraba o mesmo) no Galicia Hoxe (El Correo Gallego) que por presións do Arzobispo de Santiago foi retirado da páxina web deste xornal, xa que nom se enteraron a tempo da publicación en papel e nom poideron parar a edición, si que conqueriron censurar o arquivo de internet dos artigos, do que desapareceu este. Para a Editorial do xornal (xa sabemos o que é e a quen defende El Correo Gallego) o artigo xamais existiu. Constame que ao xornalista (magnifico articulista e con boisimos artigos que a pesar de estar feitos dende unha posición de esquerdas e nacionalista nunca antes fora censurado) estanlle mandando correos insultantes e de amenazas persoais. A igrexa catolica non permite lle toquen un pelo a "súa santidade" e os tempos da Inquisición seguen moi vivos para alguns. Si podes lee o artigo censurado e podes mandarlle un correo de animo e apoio a Fran.

franpl@galicia-hoxe.com

Si queres leer máis artigos de Fran P. Lorenzo podes facelo entrando na páxina de Galicia-Hoxe.com e indo ao seu blog "Vai de Blog ".

Contra a censura e a manipulación informativa.
Xoan Carlos Ansia
19 de Outubro de 2010


Coma nenos píos con disfrace de mártir


Por Fran P. Lorenzo

As minorías, sempre despreciadas por Feijóo, van sufragar cos seus cartos a diatriba papal

Despois de séculos de dominación, a Igrexa Católica aínda non se decatou de que o sincretismo relixioso que practica a galega xente non é un estrago calculado da súa doutrina apostólica e romana senón unha creación propia e singular deste pobo, unha máis. Santiago de Compostela é, nese sentido, un fecundo resultado da batalla histórica entre a ortodoxia vaticana e o paganismo local. Tamén o Camiño. Por iso todas as tentativas de reducir a espiritualidade dese roteiro á expresión unívoca dunha suprema fe en Deus son unha manobra avesa, calculada, para capitalizar un símbolo cultural e humano de Europa, patrimonio de todos así recoñecido. Neste sentido a visita do papa Bieito XVI a Compostela deixa fóra desta celebración aos milleiros de cidadáns que non profesan a relixión católica nin lle teñen lei a un dos patriarcas eclesiásticos que máis ten feito por estigmatizar e arredar do seo da Igrexa aos que non asumen a súa fundamentalista visión da fe e as súas teses retrógradas e lesivas, alérxicas ao tempo no que vivimos.

O desembarco papal non iría máis alá da descortesía política coas minorías que non o aturan a súa presenza se non fora porque esas minorías –máis ou menos masivas, pero sempre despreciadas por Núñez Feijóo– contribúen cos seus cartiños a sufragaren a inminente diatriba papal, disfrazada de mensaxe de amor.

O pasado domingo, nos diferentes oficios celebrados nas parroquias galegas, os cregos xa lle esixiron á freguesía o correspondente imposto revolucionario. A golpe de cepillo, como adoitan facer. Poida que a vontade das ovellas fora substraída polos seus pastores pero ese, sinceramente, non é problema dos que non pertencemos á secta; menos aínda daqueles que nin sequera aspiramos a mudar o eivado rumbo moral da institución. Se os practicantes queren poñer dez euros ou vinte do seu peto para avalaren a operación de márqueting da Xunta de Galicia e coroar un Xacobeo só grande en cifra de turistas, pois adiante. Pero non é admisíbel que ese saqueo millonario das arcas públicas se produza sin consulta previa, amparándose no suposto beneficio que lle reportará á cidade de Santiago a invasión das hordas católicas .

Haberá máis efectos colaterais no decorrer desta visita fetichista e pirotécnica do Papa. A suspensión do espazo civil, a clausura da libre circulación e o desenvolvemento dun estado de sitio efectivo, entre eles. Controis policiais, restrición do tráfico e rexistros domiciliares, incluídos, que afectarán singularmente a todas e todos aqueles cuxa vontade e albedrío van ser vulnerados en aras dun rédito político que, con iso contan os organizadores do sarao, beneficiará a todos os persoeiros que teñan acceso á fotografía oficial.

O alleamento da Igrexa Católica é un feito e velaquí temos un Goberno que subvenciona as proclamas delirantes e as bombas de racimo dialécticas da Conferencia Episcopal Española. Os bispos, os que concelebrarán a eucaristía express do Obradoiro, pedíanlle onte os cativos que na noite de Halloween –o Samaín céltico, a véspera de Todos os Santos– vistan precisamente de idem, de santos, e non de meigas, nin de zombies, nin de caveiras, para "estimular" a vida cristiá e loitar contra o profano desta celebración tan pouco pedagóxica. Propoño outros estilismos ben máis edificantes e píos: unha Santa Águeda cos peitos cortados encima dunha bandexa, unha virxe romana violada, un San Lourenzo con queimaduras de terceiro grao, ou un San Sebastián, cuberto de plasma e de saetas. Se é certo que o sangue dos mártires é semente da vida cristiá, non sei a que agardan eses pequenos para se sumaren á festa.

franpl@galicia-hoxe.com

Fonte: Vai de Blog

Enviado por:
xoan carlos ansia
-xancarlosansia@gmail.com-
19 de outubro de 2010 18:08

_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon