Por Jordi Miralles [*]
27.11.2010
As tradicións acaban sendo o produto dun cúmulo de intereses a miúdo xustapostos ou que mesmo colisionan entre eles. O chamado Nadal é para o mundo cristián a celebración do nacemento de Cristo. A data do 25 de decembro estableceu-se para aniquilar calquera vestixio das festas do solsticio de inverno ou de Saturno do mundo romano, que eran moi celebradas. Os ritos dunha determinada tradición é o primeiro que en calquera imposición cultural se prohibe ou se cambia. No mundo prerromano, a celebración da luz, tras o día mais curto do ano, era moi importante.
Non é de estrañar que a civilización vencedora sobrepuxera a súa principal festa a outras existentes. Hoxe, as corporacións empresariais engadiron ao Nadal relixioso a adoración consumista, levada ao paroxismo con prezados manxares, agasallos exquisitos, luces a esgallo. O Nadal occidental é o clímax no orgasmo consumista. No resto dos seres humanos, mesmo sen esa tradición, é motivo de imitación. Realmente, é difícil saírse do rito do natal se queremos vivilo de xeito austero.
As familias forxaron nestas datas un momento de encontro obrigado. A publicidade e o comercio deslumbran para que non deixemos de ve-lo nin un instante. O reclamo de Papa Noel ou dos Reis Magos educa as crianzas para o consumo ata morrer. Os concellos facilitan o adornado luminosos das rúas para que ninguén se esqueza. O mundo laboral, mesmo nas empresas de quendas continuadas, fai parar máquinas nestas datas. O quiosco onde merco a prensa, que está aberto todos os días, fecha polo Nadal e Ano Novo. O rito do Nadal comercial é a guinda anual na celebración da crise socio-ambiental fraguada no último século. A confusión de símbolos é absoluta. Mesmo a árbore exótica de Nadal mimetiza ritos ancestrais coa súa brillantez consumista. A árbore chea de luceciñas talada da mesma fraga antes, ou cultivada nun viveiro agora, entra en contradición coa tradición ancestral de preservar o espírito da árbore cando este está durminte.
Gustaríame poder vivir sen Nadal e sen consumo, se ben é case imposíbel resistirse, é moi necesario. Tratar de vivir o Nadal sen consumo require algo de imaxinación. Por exemplo, podemos retirarnos a lugares lonxe do punto de mira do imperio do consumo. Pódese suplir o encontro tradicional do Nadal por unha celebración o día final das vacacións, como a festa oficial da Epifania. O obxectivo é intentar subverter todos os ritos consumistas do Nadal. A árbore de Nadal pode ser un pequeno acivro, albedro, sanguiño, ou calquera arbusto autóctono dos nosos bosques que logo podamos plantar na fraga mediterránea mais achegada. Os agasallos, os mínimos imprescindíbeis e de comercio xusto ou de artesáns locais. As comidas de Nadal e Ano Novo, as mais frugais do ano. A noite de fin de ano, acampados ao ar libre sentindo o frío da noite baixo a escuridade das estrelas. A noite dos Reis Magos, unha oportunidade para iniciar a primeira lectura do ano. E así, cada quen pode imaxinar a súa propia desobediencia consumista. Hai que recuperar o espírito de recollemento que caracterizaba a celebración ancestral do solsticio de inverno.
[*] Jordi Miralles, é biólogo, traballa no ámbito da divulgación medio-ambiental, forma parte do padroado da Fundaciò Terra [www.ecoterra.org] e dirixe a web de ecoloxía práctica www.terra.org.
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon