A central advirte que o pacto non terá repercusións na xeración de emprego e a saída á crise e demanda unha reforma da política fiscal e incrementar o investimento público.
A CIG considera un exercicio de cinismo e un gran engano á cidadanía a posta en escena este mediodía da sinatura do “Acordo económico e social para o crecemento, o emprego e a garantía das pensións”. Para a central sindical este acordo, que contempla as propostas saídas do goberno e a patronal, supón unha clara entrega do sindicalismo estatal ao poder, mais non terá repercusións relevantes nin na saída á crise nin na xeración de emprego.
[11-02-02 Sinatura pacto social
Escenificación na Moncloa da sinatura do acordo]
Escenificación na Moncloa da sinatura do acordo]
Para a CIG resulta insultante que se pretenda vender esta sinatura hoxe escenificada na Moncloa como unha medida que vai favorecer aos parados/as e pensionistas, cando o acordo se caracteriza por plasmar as propostas defendidas polo goberno e a patronal. “Curiosamente un pacto destas características, supostamente en contra da crise e para crear emprego, non toca aspectos fundamentais para encetar un cambio de modelo”, denuncia o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo.
A este respecto, subliña que todas aquelas materias que supoñen cuestionar as políticas económicas, sociais e laborais postas en marcha e que beneficiarían á clase traballadora queda á marxe deste acordo. “Estamos ante un pacto que é unha entrega clara do sindicalismo estatal ao poder e que en nada favorece á clase traballadora, nin á creación de emprego nin á saída da situación de crise económica”, denuncia.
En canto ás cuestións recollidas no documento, Seixo criticou os dous aspectos estrela das políticas activas de emprego: o contrato a tempo parcial bonificado para menores de 30 anos e as axudas vinculadas á formación para @s parad@s que esgotaron as prestacións.
No primeiro punto, a CIG entende que esta bonificación supón un novo mecanismo destinado a facilitar man de obra barata para a patronal. Xa que se o empresariado precisa de contratar traballadores ou traballadoras, por lóxica ía realizar igual este tipo de contratos que non tiñan por que estar subvencionados nin ser a tempo parcial.
No relativo á axuda do 75% do IPREM para parados de longa duración que esgotaron as prestacións, a obriga de participar en cursos de formación limitará o acceso ás mesmas. Na práctica, con esta medida as organizacións sindicais españolas aceptaron a desaparición da axuda dos 426 euros a cambio de asumir unha prestación vinculada á realización de cursos de formación, que á súa vez dependerá de que a propia administración oferte os citados cursos.
Negociación colectiva
A nivel da negociación colectiva, aínda que o acordo só recolle unha breve declaración, tócanse aspectos que para a CIG resultan preocupantes, como o mantemento do cumprimento do acordo estatal de negociación colectiva (2010-2012), asinado a principios do ano pasado, que estabelece un incremento salarial máximo do 1% para 2010. Tendo en conta que o IPC situouse no 3%, nestes momentos, os traballadores e as traballadoras xa está perdendo poder adquisitivo nos salarios.
Outro aspecto abordado no acordo refírese á reforma da estrutura da negociación colectiva, facendo referencia ás necesidades de potenciar os convenios de empresa, seguindo o modelo que pretende a patronal: grandes convenios estatais e convenios de empresa, co obxectivo de ir pouco a pouco eliminando contido a negociación provincial.
En canto á reforma laboral e a función pública, o acordo apenas di nada, mentres que no apartado de política industrial, enerxética e innovación, a CIG considera que se trata de “mera literatura”.
As reformas necesarias que non se tocan no pacto
Para a CIG, en contra das medidas de recortes que se están adoptando, resulta fundamental abordar de xeito urxente unha reforma da política fiscal, para crear unha fiscalidade verdadeiramente progresiva, na que as rendas máis altas paguen maiores impostos e se recupere o gravame sobre o patrimonio; implementar medidas contra a fraude fiscal ou eliminar os paraísos fiscais, co obxecto de garantir ingresos ao estado. Estas cuestións, non obstante, non son tratadas neste acordo.
Ao igual que tampouco se abordou a problemática da reestruturación do sector financeiro, de capital relevancia nun momento no que as políticas do goberno diríxense á privatización das caixas; non se toca a necesidade de potenciar unha banca pública, nin de incrementar o gasto social e o investimento público de carácter produtivo. Medidas estas que redundarían nunha mellora para a maioría social.
Fonte: Avantar
________________________
Texto Integro do Acordo Social e Económico -en formato PDF.
____________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon