domingo, abril 24, 2011

Sen panos quentes, ... por Luís Álvarez Pousa

Por Luís Alvarez Pousa [*]
24.04.2011

Hai que dicilo con todas as letras. Vendo como, pese a viviren coa soga ao pescozo, nada impide que as poboacións dos países máis castigados polos efectos da crise sigan perdendo pé e dignidade, non cabe outra alternativa que recoñecer o fracaso de economistas e políticos. Os primeiros, porque xa quedaron sen argumentos, e perderon a autoridade que se lles supuña á hora non só de detectaren as causas que acabaron producindo a que é, sen dúbida, a tormenta perfecta, senón tamén e sobre todo á hora de iluminar vías a contracorrente de todo o que se nos vén impoñendo como inevitable. Os segundos, porque caeron na trampa que lles tendeu o sistema, asumindo pasivamente esa falacia.

Chegados aquí, non caben panos quentes. Sabemos que os argumentos económicos son insuficientes para comprendermos o que realmente está pasando. E o que aínda é máis dooroso. Sabemos que os argumentos políticos non serven para comprendermos outra cousa que non sexa a que se esconde no máis cruel dos enganos ideolóxicos: facernos pensar e actuar como se non houbera outra alternativa que a dictada polos mercados. Como se non houbera outra alternativa ao sistema. Cando o que realmente sucede ao cederlle o control dos nosos impostos e a perda das nosas conquistas sociais, do xa de por si enfeblecido estado de benestar, é que se consolida, corrixíndoo sen máis. Lonxe de meter en cintura o modelo do novo capitalismo, polo que se veu rexindo sen apenas marcos reguladores a economía de mercado, esa en cuxo ventre se xestou a criatura da crise, o que fan é alimentalo para mellorar o seu dominio e a súa eficiencia.

É na quebra moral da economía de mercado, e nos desequilibrios e desigualdades que todo iso veu provocando, onde é preciso localizar as raíces do mal que non atan, expolian e deshumanizan. Xa vén de atrás. De cando nos anos oitenta do século pasado se lle abriron as comportas ao capitalismo especulativo, e quedamos tódolos mortais baixo o síndrome do éxito fácil. O que deu cos anos nun modelo de sociedade, e de economía, sen fundamentos éticos. De onde derivan consecuencias que incrementan a desigualdade, a explotación, a economía especulativa, o fraude e a corrupción.

E o que aínda é máis grave. Lexitimándoo todo a política. ¿Como non ver todo isto detrás da sumisa aceptación coa que os gobernos democráticos, e os arrogantes economistas que os asesoran e apoian, lles rinden pleitesía aos insaciables mercados financeiros, e á súa enganosa ideoloxía, traizoando por partida dobre a cantos os elixiron e son os que finalmente pagan a factura? ¿Como non velo detrás da prepotencia coa que se manifestan os axentes institucionais e políticos da trama Gürtel, cando non se cortan un pelo dicindo abertamente que buscan nas urnas do 22-M a absolución que nunca merecerían nos tribunais? Co agravante de que, por terse implantado tamén na conciencia da xente a idea dunha economía sen límites morais e da inexistencia de políticas alternativas, un non se atreva a predicir que fracasen no intento. Iso si, reforzando a crecente ingobernabilidade das nosas sociedades democráticas.

Domingo, 24 de Abril de 2011

Publicado no "Galo no Tellado", Diario de Ferrol.

[*] Luís Álvarez Pousa -lapousa@temposnovos.net- é xornalista, profesor de universidade, escritor, ... e director da Revista Tempos Novos. O Autor na Galipedia - O Autor na web do Colexio profesional de Xornalistas .
__________________

Enlaces de interese:

O xornal estatal "Publico", edita a Gürtelpedia - Os termos claves do maior escándalo de corrupción no PP, da A á Z. E un especial con toda a documentación sobre a trama corrupta do Partido Popular -PP-
___________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon