#acampada no CEIP San Xoán de Filgueira
A mobilización social, a denuncia, a protesta, ... a vontade de loita da comunidade educativa do colexio conseguiu paralizar os recortes de profesorado no CEIP San Xoán de Filgueira. Mais había algo que aínda tiña máis forza e ese algo era ter a razón, que se fixera xustiza.
A Xunta de Galicia a través da súa Consellería de Educación pretende aplicar as súas políticas neoliberais contra o ensino público, máis recortes e baixar a calidade. Toda Galiza está afectada por esta política, de feito están convocadas mobilizacións unitarias, en defensa do ensino público, para o mes de Setembro.
O acto da confraternización que tivo lugar onte no recinto do colexio, converteu-se nun acto de celebración por acadar os obxectivos da loita. Mais tod@s sabemos que a ameaza segue aí. Non van parar até que consigamos unha grande mobilización social que lles diga basta! outras políticas económicas e sociais, son posíbeis e necesarias.
Pola importancia do asunto transcribimos a nova publicada no xornal comarcal "Diario de Ferrol".
O San Xoán de Filgueira pon fin ó peche tras chegar a un acordo coa Xunta
m.f.g. > ferrol -09.07.2011
Despois de máis dunha semana de peche, o conflito no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de San Xoán de Filgueira chegou a unha solución. Os representantes do centro mantiveron na tarde de onte un encontro coa xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, quen lles asegurou que o número de profesores previsto para o vindeiro curso permitirá manter o proxecto educativo que se viña desenvolvendo.
A directora do colexio, Marián López, afirmou que a reunión foi “longa pero satisfactoria”. “Pensamos que co compromiso de manter o número de agrupamentos e unidades coas que traballamos este ano poderemos seguir co noso proxecto educativo”, indicou. “Foi unha semana dura e longa, pero tivo os seus froitos”, engadiu.
O número de profesores non é aínda definitivo, pero o centro espera poder contar cun aumento de docentes grazas ós contratos programa ós que concorre para o vindeiro ano, que agarda que sexan concedidos.
Por parte da Consellería de Educación, sinalouse que o número de profesionais definitivos que lle corresponde á escola por alumnado non implica en ningún caso que non se podan atender as necesidades particulares do centro. Estas teranse en conta no proceso de asignación de docentes provisionais.
As movilizacións no centro de San Xoán comezaron o pasado día 30, cando se iniciou o peche nas instalacións. A comunidade educativa protestaba polo anuncio de reducir ata sete mestres para o vindeiro curso, coa conseguinte perda de aulas e reagrupamento dos alumnos.
O centro presenta particularidades importantes, coma un 30% de alumnado de etnia xitana, un 11% de procedencia inmigrante e preto da metade en situación de exclusión social. Pese a estes condicionantes, o nivel de absentismo era tan só do 2%, e a labor educativa desenvolvida nas súas aulas foi recoñecida con premios coma o Nacional de Boas Prácticas.
O centro mantén a convocatoria de xantar solidario prevista para hoxe, que trala resolución de onte terá un carácter de celebración e servirá para poñer fin ó peche. A comida empezará ás dúas da tarde.
Enlaces relacionados de novas anteriores en Ártabra 21:
Continua o peche en defensa do ensino público e de calidade - Contra os recortes da Xunta de Galicia - #acampada no CEIP San Xoán de Filgueira - Este Sábado 9 de Xullo: Xantar de Confraternización e Solidario, e unha Tarde de Música e Reivindicación
#acampada no CEIP San Xoán de Filgueira, contra os recortes da Consellería ao colexio público - Concentración o Luns 4 de Xullo ás 12 do mediodía diante do Centro
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon