sábado, outubro 29, 2011

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores denuncia a promoción da "Síndrome de Alienación Parental - SAP" nun curso universitario

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores denuncia a promoción da SAP nun curso universitario

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) quere facer pública a súa total desaprobación dos contidos do curso “A custodia compartida en Galiza, enfoque multidisciplinar”, que ten lugar en Lugo do 22 ao 29 de outubro de 2011, ao abeiro da Universidade de Santiago de Compostela.

AGAMME quere dar a coñecer a súa postura fronte á Síndrome de Alienación Parental (SAP), que estará presente transversalmente no citado curso da USC e está a utilizarse en Galiza e no Estado español como arma de violencia de xénero e contra os dereitos á infancia e adolescencia. Estamos a falar dunha teoría pseudocientífica, a SAP, que presupón a programación ou lavado de cerebro dun proxenitor sobre o neno ou a nena, co fin de denigrar e aldraxar o outro proxenitor e así xustificar a resistencia do/a neno/a a manter unha relación con este último. Nos últimos anos no Estado español fóronse infiltrando nas sentenzas xudiciais baixo a suposto sinatura científica da SAP argumentos para cambios de custodia ou outras accións legais de enorme repercusión para o/a neno/a e a familia.

A nula pertinencia da SAP foi corroborada por organismos como o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, do Consello Xeral do Poder Xudicial, ou a Asociación Española de Neuropsiquiatría, que a califican de falsa. Tamén ten sido rexeitada por institucións internacionais como a Asociación Americana de Psiquiatría (APA) ou a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Con estas premisas a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores non pode menos que desaprobar e rexeitar de xeito tallante a celebración dun curso da universidade pública galega no que se difunden ao público en xeral e aos futuros profesionais do país en particular, contidos como os anteriormente citados.

Adxuntamos en pdf 3 documentos relevantes no que diversas institucións públicas do país rexeitan a utilización da SAP.

1) Posicionamento da Asociación Espola de Neuropsiquiatría.
A Asociación Española de Neuropsiquiatría fai a seguinte declaración en contra do uso clínico e legal da chamada Síndrome de Alienación Parental.

2) Posicionamento do Consello Xeral do Poder Xudicial [Ver páxinas 128 e seguintes do Documento]
Guía de Criterios de Actuación Xudicial Fronte á Violencia de Xénero.

3) Posicionamento do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.
Informe do Grupo de Traballo de Investigación sobre a Suposta Síndrome de Alienación Parental -SAP.

Máis información en info@agamme.org ou no teléfono 636142012.

Enlace coa web oficial da:
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME)

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
28 de outubro de 2011 16:01
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon