sábado, outubro 29, 2011

A Inciativa BenComún promove un Encontro Social Aberto este Sábado 5 de Novembro en Teo


Desde a Iniciativa BenComún, facemos un chamamento para realizarmos conxuntamente un encontro presencial do movemento social galego que permita o coñecemento e o recoñecemento mutuos entre as organizacións que levan anos vertebrando ese espazo da sociedade civil e aquelas que emerxen en torno ao movemento que se inicia o 15-M. O inicio dun proceso de confluencia programática básica fronte á ofensiva neoliberal-conservadora, ben como a articulación de fórmulas de coordinación, serían outros obxectivos esenciais que xustifican a conveniencia dun encontro deste tipo.

A nosa é unha proposta aberta e que pretende abarcar toda a pluralidade que existe no ámbito dos movementos sociais en Galicia. No anexo enviamos un borrador no que se concretan algunhas ideas, para que sirva de punto de partida, pero o importante é que este evento o construamos coa implicación e a participación de todas e todos. A data que lanzamos é a do sábado 5 de novembro no lugar dos Tilos (concello de Teo).

Desexamos contar coa vosa participación e coa dos colectivos, plataformas, asociacións e/ou organizacións dos que tomades parte. A participación que pedimos pódese dar a varios niveis, aínda que obviamente o ideal é abarcalos todos:
1. Realizar un chamamento público á participación no foro.
2. Mobilizar a militancia/afiliación/base social respectiva para que participe.
3. Crear e xestionar unha web específica.
4. Enviar textos, proxectos e propostas para a súa discusión no foro.
5. Colaborar na organización e na loxística do evento.
6. Difundir a convocatoria (web, blogs, boletíns, redes sociais…).
7. Fornecer contactos doutras persoas/entidades interesadas en participar.
8. Tocar os contactos nos medios de comunicación para despertar o seu interese e aumentar a cobertura informativa.
9. Todos os demais xeitos que se vos ocorran.

Recordade que hoxe venres 29 de outubro ás 19,00 horas na cafeteria Mandel de A Coruña constituese nunha xuntanza aberta a comisión organizadora deste Encontro Social coa presenza de distintos colectivos.

Tamén informamosvos de que ponse en marcha o sitio http://facendoredes.wordpress.com onde iranse subindo as novas do encontro.

Tamén informamosvos que estamos a organizar unha ludoteca para os pais e nais que teñan que acudir con rapaces (para elo é importante que confirmedes asistencia e se algúns podedes botar unha man na atención as cativas e cativos).

Documentación do Encontro:
ENCONTRO SOCIAL GALEGO - PROPOSTA DE CELEBRACIÓN DUN FORO ABERTO DE DEBATE SOBRE O MOVEMENTO 15-M E ESQUERDA SOCIAL GALEGA

Por agora, estes son os colectivos cos que xa fixemos contacto ou contamos facelo nos próximos días:

* Colectivos vinculados ao 15-M nas oito principais cidades galegas: Democracia Real Xa, ATTAC, Estado do Malestar, Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Asembleas de Parados, acampadas...
* Iniciativas transversais de esquerdas: Mesas de Converxencia, Namentras...
* Organizacións sindicais: CCOO, CIG, SLG, STEG, UXT...
* ONGs: CGONGDs, Amarante, Verdegaia, Marcha Mundial das Mulleres, Altermundo, Amnistía Internacional, Cruz Vermella, Greenpeace, Human Rights Watch, Cáritas, Intermón Oxfam, Medicos Mundi, Reporteiros sen Fronteiras, PreSOS...
* Colectivos ligados á educación: SGEP, NEG, AS-PG, Nova Luce (UdC), Universidade Aberta (USC), Alternativa Aberta (Uvigo), Movemento Estudantil Universitario, Liga Estudantil Universitaria, Comités...
* Comunidades web, de software libre e de activismo tecnolóxico: AGaSoL, Trasno, G11n, GLUG, Ghandalf, Hacktivistas, Cabozo, Latri.ca, Chuza, Blogaliza...
* Plataformas en defensa da lingua galega: Ciberirmandade, AGAL, A Mesa, Prolingua, Galego Patrimonio da Humanidade, Galego Sempre Mais...
* Colexios oficiais: de arquitectura, enxeñaría, economía, avogacía, traballo social, xornalismo...
* Asociacións da diáspora galega: Fillos.org, Alba de Groria...
* Centros sociais
* Cooperativas de consumo
* Federacións de AA.VV. das cidades
* Asociacións culturais de referencia
* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública
* FACUA
* IGADI
* AELG

Desculpade se esquecemos dalgunha e, por favor, animádevos a completar a lista. Unha soa observación: debido ao momento de precampaña electoral na cal xa estamos inmersos, preferimos on convidar organizacións políticas, aínda que maís adiante podería ser convinte contarmos con elas.

Mapa -Situación do lugar d'Os Tilos no concello de Teo:


Visualizar o mapa ampliado



BenComún
iniciativa trasversal cidadá
Desde a indignación preparando o futuro
+ info:
http://bencomun.org

contacto:
692 21 21 66 (Xoán Hermida González)
619 30 92 30 (Marcos Pérez Pena)

Enviado por:

xesus manuel diaz suarez
-xesusmanuel@gmail.com-
28 de outubro de 2011 17:55
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon