luns, outubro 24, 2011

O colapso silenciado da sanidade pública galega, ... Por Fran P. Lorenzo

Por Fran P. Lorenzo [*]
24.11.2011


Este outono apocalíptico e tropical, no que todo amosa sinais de acabamento, ha pasar á historia inmediata deste país pola milagreira desaparición da administración pública. Diría máis, polo calculado colapso do público, do que era de todas e todos: o ensino, a sanidade, os medios de comunicación… A Xunta de Galicia ampara esa operación, nun triste arremedo da realidade política de Bélxica, onde tras meses de baleiro gobernamental os cidadáns asumen xa a posibilidade certa de viviren sen seren administrados por ninguén.

En realidade, a principal virtude deste Goberno de Feijóo vén sendo a de aplicarlle a sordina a todo o que fai mal (ou que non fai), e magnificar e solemnizar aquilo que ninguén lle pediu nin lle esixiu facer. Feijóo&Co. sepultan ou banalizan o importante e ao tempo privilexian a anécdota, enxálzana, convértena nun caso, nunha teima. Exemplos hai a mancheas. Pero nos últimos meses só fago reparar no catastrófico estado da sanidade en Galicia, na creba da sanidade pública galega, Pilar Farjas mediante.

Isto non hai xa quen o diga senón é na rúa ou na barra dos bares. Porque os medios públicos non fornecen información ‘negativa’ da administración galega e os poucos medios privados que restan teñen que cadrar os seus ingresos publicitarios coa súa exigua vontade informativa. Esta última, non fai falta que o diga, é a que sempre sae mal parada do confronto.

O que podemos ler nos xornais bascula entre a propaganda oficial e o retrato amábel da situación: novos avances científicos, médicos eminentes, novas terapias, novos hospitais, redución das listas de espera e, bueno, algunha queixa que outra, poucas… Pero esa non é a realidade. A xente sábeo porque o sofre. Porque a precarización é tan extrema que alarma aos propios profesionais sanitarios, xa de seu precarizados por contrato. Porque nos centros de día ou no PAC non hai apósitos, nin luvas, nin mascariñas, nin material en ocasións básico para o traballo diario. Porque as empresas farmacéuticas están xa a coutar o subministro aos centros públicos. Porque non hai ambulancias e se recortan medicamentos. Porque se multiplica o tempo para as intervencións cirúrxicas e porque as urxencias están desbordadas pola falta de persoal. A privatización é unha realidade: estanse a derivar pacientes a centros privados, co gasto que isto conleva, para limpar as listas de espera, quérense privatizar os servizos de alta tecnoloxía, como radioloxía, laboratorios… externalizando funcións, e estase impulsando a presenza do capital privado nos hospitais, como no que se constrúe en Vigo, desvirtuando o sistema público, e convertendo os centros sanitarios non tanto en lugares para curar e asistir senón en empresas que xeran beneficios para petos tamén privados e que se rexen por criterios de rendibilidade económica.

Estes días calquera que abra un xornal pode ver, a toda plana, esa campaña contra o consumo de alcol entre os menores da Xunta de Galicia. Unha masa de replicantes toma a praza da Estrela de Vigo, armados con luvas (das que non hai xa nos hospitais) e cadansúa bolsa de plástico, e recollen os restos do botellón. Logo coas saquetas ateigadas de vasos de plástico e vidros rotos compoñen, sobre o chan vomitado e pegañento, o lema que se pode ler nunha toma aérea: "O alcohol estraga os teus soños". Nos anuncios para a prensa unha moza escarranchada e semiinconsciente ve como o seu soño de ser bailarina fica esluído no güisquicola ou no kalimotxo que aínda verque dun vaso ao seu carón. Tamén hai outra rapariga que quería ser milica (por aquilo de non incorrer no sexismo) e ve alonxarse a súa xura de bandeira no medio dun bretemoso coma etílico. O importante desta campaña non é tanto a súa escasa incidencia no público obxectivo, ou o seu tópico xeito de representar a mocidade. Son cartos, moitos cartos en época de queda publicitaria, que ingresan os medios de comunicación. Cartos que compran silencios e maquillan aínda máis os sinais desta catástrofe en cámara lenta. E un detalle máis. Nin SERGAS, nin Xunta de Galicia. Algo que aínda non conseguín saber o que é e que reza: Sanidade Pública de Galicia. O lema dunha entidade inexistente, un subterfuxio, imaxino, para remarcar a condición pública dun sistema sanitario que cada día é máis privado e máis precario. Unha maneira de sepultar a realidade, silenciala ou recreala: as principais accións de goberno deste monopartito mentireiro e privatizador de Núñez Feijóo.

Para máis información e accións vindeiras, consultar a web da plataforma http://www.sos-sanidadepublica.org/

Fonte: http://unpaisenlata.wordpress.com/2011/10/13/o-colapso-silenciado-da-sanidade-publica-galega/

[*] Fran P. Lorenzo (Vigo, 1973). Xornalista.
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon