Por Xosé María Dobarro Paz [*]
02.010.2011
A semana que se nos foi tróuxonos a nova das declaracións de Alessio Rastani e a polémica derivada delas. De primeiras –e non porque moitísima xente do común non estivésemos xa convencidos ou tivésemos fundadas sospeitas de que o que dixo Rastani tiña un moito (ou un todo) de verdade–, a prensa internacional deulle un lugar máis ou menos destacado á intervención na BBC do trader (axente de bolsa, charlatán, actor, vendedor de teletenda, provocador, histrión, inmoral, tolo... ou o que for, que de todo se dixo), destaque que de camiño se foi diluíndo, na procura de centrar a opinión dos lectores e/ou ouvintes nas investigacións que levou adiante e difundiu o conservador The Telegraph –o xornal británico máis vendido–, no sentido de descualificar o individuo e non as declaracións por el emitidas: “Para min a inversión é un hobby, non un negocio” ou “son un falabarato, gusto de chamar a atención, encántame falar en público e esa foi a razón de aceptar que a BBC me entrevistase”, din que lles manifestou Rastani. En calquera caso, o que hai que preguntarse é cómo ese “miñaxoia” que retrata The Telegraph chegou a ser entrevistado nun medio da importancia e a resonancia da BBC. ¿É tan doado que entrevisten a calquera? Pero, seica, non a tódolos medios lles fixo o mesmo tipo de confesións que ós sagaces reporteiros do Telegraph.
Nas diferentes declaracións, o axente de bolsa por conta propia reafirmouse rotundamente nas súas palabras, indicando que o que dixera era o que pensaba e o que quixera dicir.
Fixo, así mesmo, fincapé en que todo lle semellaba esaxerado: “Non teño nin idea de por que estou recibindo tanta atención. Pensei que todo o mundo sabía este tipo de cousas. Os grandes xogadores dos fondos gobernan o mundo, non creo que iso sexa unha noticia. O mundo non o rexen os líderes políticos senón Goldman Sachs”. Non perdamos de vista que este poderosísimo grupo de investimento tivo como empregados varios secretarios do tesouro dos USA, algún premio Nobel, algún primeiro ministro europeo... Tamén non deixemos de lado, ademais, que destacados xornalistas económicos opinaron que o que Alessio Rastani dixo en público é o que pensan e din en privado a práctica totalidade dos brokers e traders que coñecen: “Ós traders non nos preocupa que a economía se amañe. O noso traballo é gañar cartos con iso. Persoalmente, veño soñando con que chegase isto desde hai tres anos. Teño que confesalo. Vou para a cama tódolos días soñando con que haxa unha recesión, soñando cun momento como este”. Preocupante. Máis aínda se pensamos que se moita xente non actúa do mesmo xeito é porque non ten nin a oportunidade nin os medios para actuar deste nefasto xeito de gañar cartos. Estou convencido de que, por desgraza, hai moitas “persoas” así.
Como no mundo ten que haber de todo, un coñecido columnista de Intereconomía aproveitou a intervención de Rastani para frivolizar co tenebroso asunto: “Por fin o rojerío tiña o seu retrato-robot dos elusivos ?mercados? que tanto, ai, tanto dano estannos facendo”. “Os ‘mercados’ teñen nome, e chámanse Rastani”. Non é da mesma opinión o coñecido (e non só por ser fillo de) Álvaro Vargas Llosa, que titula “Se, Goldman Sachs goberna omundo” unha súa columna de “Hilo de Ariadna” onde di: "Alessio Rastani dixo cousas insoportablemente antipáticas sen ser, o que é aínda máis antipático, quen criamos que era. Pero as catro cousas que dixo son verdade". O dos aforros do persoal incluído: “Si, os aforros da xente están en pelotas: cando caen a Bolsa, os commodities e todo o demais incesantemente por incerteza política e financeira, e no único que parece investir o mundo son os bonos do Tesouro estadounidense, institución tecnicamente crebada, pode dicirse que os aforros están rozagantes?”
[*] Xosé María Dobarro Paz -Ferrol 1950, é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña, escritor e activista político de esquerdas.
Publicado no Diario de Ferrol .
________________
Polémica entrevista na BBC, onde o trader Alessio Rastani afirma que: "Non nos importa que arranxen a economía. O noso traballo é gañar diñeiro, e eu, levo 3 anos soñando con esta crise".
Fonte:
http://youtu.be/vt4d7EAlwCg
___________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon