Por Suso Díaz [*]
01.11.2011
O paro é o principal problema para a cidadanía segundo todas as enquisas. E non é de estrañar dado o alarmante número de persoas que se atopan nesta situación: segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre, 4.978.300 persoas, o que representa unha taxa de paro do 21,5%; é dicir, están paradas 1 de cada 5 persoas activas. No último ano o paro medrou en 403.600 persoas. O emprego caeu en 390.500 persoas: 277.000 asalariadas e 116.000 autónomos. En Galicia os datos son peores: hai 226.500 persoas paradas e, no último ano, o paro medrou en 31.300 persoas, un 16% fronte ao 8,8% do estado; o emprego caeu en 31.800 persoas, un 2,8% fronte ao 2,1% estatal.
Pois ben, malia aos datos de paro, que representan millóns de dramas persoais e familiares, aos gobernos non parece preocuparlles; se lles preocupara como a cidadanía instrumentarían políticas para resolvelo ou cando menos reducilo. Tamén nestes casos se establece unha grave asintonía entre os gobernantes e os gobernados e un desprestixio global da política.
Canto tempo hai que non escoitan a Zapatero falar do paro? Non me lembro: dende Maio de 2010, cando asumiu as teses neoliberais, a única prioridade política que ten é reducir o déficit e a débeda. Ata tal punto o paro non é a súa preocupación que os orzamentos de 2011 prevían rematar o ano cunha taxa do 19,3%. Pero a realidade vai ser peor; consecuencia das políticas aplicadas, o crecemento vai ser moito menor ao previsto e a taxa de paro, sendo realistas, superará o 21,5% actual e, por tanto, os cinco millóns de parados a finais de ano. Hoxe xa máis de 1,4 millóns de familias teñen a todos os seus membros no paro.
E que di Feijóo tendo en conta que, cal Superman, prometía superar a crise en 45 días? Non o sei. Coñecen vostedes algún plan da Xunta ou algo que se lle pareza para abordar o problema principal tamén de Galicia? Eu non. Por certo, a única vez que escoitei a Feijóo falar do paro foi no parlamento para dicir que non tiña competencias para resolvelo. E non é certo; sí ten competencias: o que non sei é si el e o seu goberno teñen competencia para aplicar as competencias. É obvio que o paro tampouco lle preocupa: Feijóo ostenta a triste honra de ser o presidente con máis parados da historia de Galicia, case 250.000 en Marzo de 2011. Claro que como inventor non ten prezo: despois de crear as fracasadas fundacións sanitarias ven de inventar, coa conselleira de Traballo, unha clave S-698, única no estado, para agochar determinados parados e así reducir o paro rexistrado real. Compórtase como un perfecto prestidixitador agochando a realidade para que non a coñeza a cidadanía poñendo en evidencia a transparencia real da “Democracia Feijoniana”.
E a CEOE que opina do paro? En realidade nada porque para a CEOE os parados son o exército de reserva que presionan á baixa os salarios e as condicións de traballo dos que teñen emprego e, para que enganarse, dende a súa óptica insolidaria cantos máis haxa mellor. Cales son as súas propostas para solucionar o paro? Pois as de sempre: precarizar máis o emprego e abaratar máis o despido; seguen co seu raca-raca á espera de que o PP gane as eleccións para ver cumpridos o seus obxectivos que en nada van favorecer a creación de emprego e menos o emprego estable. Así mentres ao principio da crise o axuste de plantillas se fixo sobre os e as temporais, despois da reforma laboral de 2010, que abaratou o despido, o axuste se realiza sobre as e os fixos: segundo a EPA, o emprego indefinido caeu, no último ano, en 277.000 persoas mentres que se mantivo estancado o emprego temporal. Miren: por moito que se abarate o despido os empresarios non van contratar máis traballadores; só os contratarán si son necesarios para a actividade da empresa. Os datos da EPA non fan máis que confirmalo: malia a que a reforma laboral abaratou o despido cae o emprego e aumenta o paro. Niso se quedan as teorías insolidarias e reaccionarias da CEOE.
A quen lle importa o paro? Quen fai propostas racionais e coherentes para solucionalo? En primeiro lugar, os sindicatos de clase –como é a súa obrigación– e, en segundo lugar, determinadas forzas políticas á esquerda do PSOE. Pero diso falamos noutra ocasión.
Publicado no "Diario de Ferrol".
[*] Suso Díaz, foi Secretario Xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia
[+ Info]
_________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon