Este artigo sinala os paralelismos existentes entre a situación en Alemaña nos anos 1931 e 1932 (cando as políticas de austeridade impostas polo goberno alemán causaron unha gran depresión, causa do nazismo) e a existente hoxe en moitos países da Eurozona como Grecia e Portugal, resultado da aplicación das mesmas políticas de austeridade esixidas agora polo goberno alemán da chanceler Angela Merkel.
20.12.2011
O goberno alemán está propondo (en realidade impondo) políticas de austeridade a todos os países da Eurozona, forzándolles a que recorten dun xeito moi marcado o seu gasto público, incluíndo o gasto público social. A Sra. Angela Merkel cre erroneamente que tales políticas axudarán aos países de tal zona monetaria a saír da súa enorme recesión. A evidencia histórica, incluída a existente no propio pasado de Alemaña, mostra o profundamente equivocada que está Angela Merkel. Nun interesante artigo, o politólogo e economista alemán Fabian Lindner ("European Austerity. Is this 1931 all over again?") detalla a xénese do nazismo en Alemaña, mostrando os preocupantes paralelismos entre a situación actual en gran parte dos países da Eurozona e a existente nos anos vinte e trinta do século pasado en Alemaña e en Europa. Fabian Lindner sinala que a economía alemá colapsouse en 1931 como resultado das políticas de gran austeridade realizadas polo goberno alemán. Como agora, o dogma oficial afirmara que había que recortar o déficit do Estado como condición indispensable para permitir a recuperación económica. O chanceler Heinrich Brüning, sabendo o impopular de tales medidas de austeridade, que incluían reducións salariais (tanto no sector público como privado), gobernou por decreto, saltándose o Parlamento Alemán.
Alemaña tiña unha enorme débeda pública, que debía sobre todo a Francia e Gran Bretaña, como reparacións aos vencedores na I Guerra Mundial, onde fora derrotada. Para pagar a súa débeda pública, Alemaña tivo que pedir diñeiro, sobre todo de EEUU, que esixía ser pagado en dólares. E para pagar esta débeda, Brüning reduciu o 30% do gasto público, afectando sobre todo aos salarios públicos e á Seguridade Social. Como consecuencia, o PIB baixou un 8% en 1931 e un 33% en 1932, causando un enorme crecemento do desemprego, que alcanzou o 30%. A xente entrou en pánico e o diñeiro depositado nos bancos deixou o país rapidamente (os parecidos coa situación actual de Grecia son enormes). O sistema bancario colapsouse, e o crédito desapareceu. Dous anos máis tarde, Hitler saíu elixido no Parlamento alemán que suprimiu máis tarde. Hitler seguiu políticas keynesianas (keynesianismo militar) que sacou Alemaña da depresión.
Os paralelismos entre a Alemaña dos anos trinta e o que está ocorrendo en Grecia, Portugal e pronto en España e Italia, son preocupantemente altos. É un profundo erro que o goberno alemán estea impondo aquelas políticas de austeridade a estes países. Foi precisamente a parálise económica dos anos 1931 e 1932, creada polas políticas de austeridade, a que determinou o triunfo (electoral) do nazismo.
Unha última apostila. Logo da segunda derrota, a II Guerra Mundial, Alemaña tiña unha enorme débeda, de novo cos países vencedores do conflito. Os aliados perdoáronlle a metade da débeda. Sen esta medida, Alemaña non se recuperaría. Tan pouca memoria ten a Sra. Merkel?
Artígo publicado por Vicenç Navarro no diario dixital EL PLURAL, 19 de decembro de 2011
Fonte: http://www.vnavarro.org/?p=6701
[*] Vicenç Navarro, naceu en Barcelona o 1937 e licenciouse en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Barcelona en 1962. Exiliouse de España no mesmo ano pola súa loita anti-franquista, pasando por universidades de Suecia (Uppsala e Estocolmo), onde estudou Economía Política; Gran Bretaña (London School of Economics, Oxford e Edimburgo), onde estudou Políticas Públicas e Sociais; e EEUU (Johns Hopkins University), onde se doctoró en Políticas Públicas e Sociais o 1967. Alí tamén foi nomeado profesor e posteriormente catedrático de Políticas Sanitarias e Sociais, Políticas Públicas e Estudos Políticos desde o ano 1977 [Máis información na wikipedia].
Web oficial do profesor Vicenç Navarro:
vnavarro.org
_____________
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon