domingo, xaneiro 15, 2012

En Ferrol como no resto das cidades da Galiza, a CIG mobilizou-se para rexeitar as medidas económicas do Goberno Español: “Coas políticas do PP: os pobres máis pobres e os ricos máis ricos” - Vídeo

Centos e centos de delegados e delegadas da Confederación Intersindical Galega saíron, o Xoves 12 de Xaneiro de 2012, á rúa en todo o país para amosar o seu rexeitamento ás medidas adoptadas polo Partido Popular nada máis acceder ao Goberno español porque volven cargar o peso da crise sobre a clase traballadora. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, fixo en Vigo un chamamento á mobilización para conquistar un modelo económico e social máis xusto e solidario e adiantou a posibilidade de convocar unha nova folga xeral antes do 10 de marzo, data na que se celebra o Día da Clase Obreira Galega.


A CIG celebrou hoxe unha nova xornada de análise e mobilización nas principais localidades do país. A primeira hora da mañá daban comezo as asembleas de delegados/as en Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vilagarcía nas que se abordaron as medidas económicas adoptadas polo Goberno español tras a chegada do PP e o efecto que terán sobre a clase traballadora. A mobilización máis numerosa foi a de Vigo, con preto de 500 persoas que marcharon dende Coia até a rúa Lalín e manifestación, entre as que se atopaba un grupo de traballadores/as do naval, que leron un manifesto ao remate da concentración fronte á delegación de Facenda reclamando apoio ás súas reivindicacións. En Santiago a xornada reivindicativa rematou coa ocupación simbólica da sede de Banesto.

En todas as localidades se repartiron billetes de 500 euros coa cara do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, nos que se podía ler “Coas políticas do PP: os pobres máis pobres e os ricos máis ricos” e "Contra a ditadura dos mercados, soberanía nacional”. O primeiro dos lemas figuraba tamén nas faixas.

O secretario xeral da central nacionalista indicou en Vigo que o cambio no Goberno do Estado español non supuxo unha mudanza nas políticas nin na grave situación que padecen os traballadores e traballadoras. Suso Seixo alertou que o recente anuncio da redución do déficit público en 40.000 millóns de euros anticipa “que aínda quedan por diante recortes moito máis duros”. Diante disto, quixo deixar moi claro que a única saída que lle queda á clase traballadora, á maioría social, é a mobilización. “As oligarquías económicas entenden a crise como un momento de debilidade dos traballadores/as e van intentar precarizar aínda máis as nosas condicións laborais”, advertiu.

En canto ás medidas adoptadas polo PP, o secretario xeral da CIG criticou que a primeira decisión fose a de reducir o gasto público. “Volverán subir o IRPF e tamén o IVE, o que vai afectar maioritariamente á clase traballadora, pero as grandes fortunas e os bancos non os van tocar”, censurou. Tamén cargou contra as últimas propostas da patronal, como a conxelación salarial, que suporá unha perda de poder adquisitivo se temos en conta o incremento dos prezos. “O seu obxectivo último é flexibilizar o mercado laboral e darlle prioridade aos convenios de empresa”. Seixo non se esqueceu tampouco do papel que están a xogar os sindicatos españois CCOO e UGT. “Con todo o que está a caer resulta difícil de entender a súa actitude, xa que non só non se mobilizan senón que están a dicir que hai posibilidade de acordo coa patronal”.

Máis recesión

No que respecta ás medidas que están a adoptar e propoñer os Gobernos, asegurou que non só non van favorecer a saída da crise senón que provocarán máis recesión. “O único que fan e darlles cartos e máis cartos públicos aos bancos, 500.000 millóns de euros non último meses, cando todos sabemos que nunca chegarán ás empresas nin ás familias”. Neste senso, lembrou que hai incluso premios Nobel en economía que sosteñen que a maior austeridade no gasto público maior recesión e que o que hai que facer é subirlles os impostos aos máis ricos e aumentar os salarios para fomentar o consumo, non baixalos como se pretende.

O máximo responsábel da CIG sostivo tamén que existen alternativas a todas estas políticas, “pero non dentro deste modelo económico capitalista neoliberal que só está ao servizo dunha minoría”. Entre elas, citou o fomento do investimento público, a subida de salarios para reactivar o consumo ou a creación dunha banca pública para achegar recursos a familias e empresas. “Faise imprescindíbel un reparto máis igualitario da riqueza e maior soberanía para que as nacións que formamos parte de Europa poidamos decidir as nosas políticas económicas e sobre os nosos sectores produtivos”.

Finalmente, lembrou que as mobilizacións de hoxe forman parte dunha campaña que a central desenvolverá nos vindeiros meses de cara a acumular forzas ante a celebración o vindeiro 10 de marzo do Día da Clase Obreira Galega. “Sen descartar a posibilidade de convocar unha folga xeral antes desa data porque os graves recortes que estamos a padecer vanse intensificar”.

Detalle da concentración de Ferrol no recinto da axencia tributaria.




http://youtu.be/67ZgIY7Oi9o


Enlace:
Galería de imaxes das mobilizacións na Galiza.

Fonte:  http://www.galizacig.com/
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon