luns, marzo 26, 2012

Apoio da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol á Folga Xeral do dia 29 de Marzo

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol (integrada en SOS- Sanidade Publica) adhírese á Folga Xeral, convocada polo conxunto dos sindicatos, polos EFECTOS NEGATIVOS DA REFORMA LABORAL SOBRE A SAÚDE.

Tamén participaremos nas dúas manifestacións que na comarca de Ferrol se van celebrar ese dia, lamentando que non se faga unha manifestación unitaria. As 12 horas estaremos no Inferniño na Manifestación de CCOO, UGT e USTG e os acompañaremos ata o Café Avenida, para logo, diante do Edificio da Xunta agardar pola convocada pola CIG e acompañalos ata a Praza de Armas.

A reforma laboral aprobada polo Goberno terá efectos moi significativos para a Saúde dos traballadores. A reforma modifíca o articulo 52.b do Estatuto dos Traballadores de maneira que permite o despedimento de aqueles traballadores que teñan ausencias entre o 20 ao 25% da xornada laboral, incluíndo nas mesmas ás baixas por enfermidade común de duración inferior aos 20 días, sen ter en conta a taxa de absentismo da empresa (tal e como sucedía ata agora en que se necesitaba que esta fose superior ao 2,5%).


Que significa esta modificación?

Que un traballador cunha xornada de 40 horas semanais pode ser despedido se esta 8 días de baixa en 2 meses.

Que efectos ten sobre a saúde esta situación?
  • Haberá unha diminución do número de baixas por enfermidade, sobre todo por procesos agudos, en que os propios traballadores serán os que non queiran unha baixa a pesar de estar enfermos, fenómeno este que xa se detectou nos últimos anos, debido ao aumento do paro.
  • Como as enfermidades non diminuirán, e máis que probable que as persoas que estean enfermas continúen traballando cos efectos que iso leva asociados: Diminución da capacidade de traballo, problemas na baixa do rendemento e/ou na calidade da produción.
  • Un aumento da accidentabilidade porque traballadores coas súas capacidades físicas diminuídas teñen unha maior propensión a padecer accidentes laborais.
  • A presenza de traballadores con enfermidades infecto-contagiosas nas empresas serán un risco para a propagación das mesmas na contorna laboral, e nos casos en que os traballadores teñen atención directa aos cidadáns converteranse nun foco de diseminación e contaxio da enfermidade.

Deixando de lado o que significa de perdida de dereitos dos traballadores, esta reforma implica tamén un risco para a saúde dos mesmos directamente e para o conxunto da poboación dun xeito indirecto, xa que vulnera algunhas das leis sobre saúde pública (Lei Xeral de Sanidade, Lei Xeral de Saúde Pública) e o articulo 43 da Constitución que garante o dereito á protección da saúde.

Asdo./Xosé Miguel López e Lois Méndez portoces da Pdspf.

Para contactar coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Área Sanitaria de Ferrol:

plataformadspferrol@gmail.com
http://plataformadspferrol.blogspot.com/

No local social da Asociación Veciñal de Esteiro
Rúa Fernando VI, Bloque I baixo.
Ferrol 15403 - Telef. 981933223.

PARÉMOSLLES OS PES XA, AGORA !!
NON ESPEREMOS A QUE DESMONTEN A SANIDADE PÚBLICA !!
NON AO PECHE DO CONSULTORIO !!
POR UNHA SANIDADE PÚBLICA, UNIVERSAL E GRATUITA !!

Sos Sanidade Pública

Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol


Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
26 de março de 2012 18:47
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon