Por Manuel Rivas [*]
11.02.2012
Al Capone vai gañando en España no caso máis grave de corrupción. Polo menos, si non me engano nas contas, tres a cero. Al Capone non caeu en desgraza polas súas falcatruadas como gánster, para as que sempre atopou coartadas e testemuñas servizais, senón cando se demostrou un delito continuado de evasión de impostos. Malia as súas tapadeiras, o que o afundiu foi o traballo meticuloso, zurcindo sombras nos papeis, de axentes fiscais. Parte esencial na rexeneración que supuxo o New Deal foron as medidas para previr a corrupción rampante que arrastrou ao crash de 1929. Hai un detalle simbólico. Cando empezou a guerra, os servizos de seguridade da Casa Branca dispuxeron que o presidente Franklin Roosevelt debería viaxar nun vehículo de carrocería e cristais blindados. E atoparon un, ¡inexpugnable! O Cadillac Town Sedan incautado a Al Capone. Todo isto vén a conto por unha inquietude patriótica. Defendo o patriotismo fiscal. Xa ven, hai xente para todo. É máis, creo incompatible a condición de patriota e a de evasor de impostos, polo que me divirte moito o tronante españolismo de que fan gala os filibusteiros do escaqueo fiscal. O que xa divirte menos é este esperpento de ver como Al Capone parece ir gañando en España, no que se considera o caso máis grave de corrupción parapolítica. Primeiro, fulminaron ao xuíz que levantou a lebre. Logo, destinados ao limbo algúns dos mandos policiais que dirixiron as operacións. E agora, no noso peculiar Departamento do Tesouro, se descabeza a ONIF, a Oficina de Investigación da Fraude da Axencia Tributaria. Talvez a ferramenta máis eficaz dos servizos públicos nos últimos anos. Atallando de verdade a fraude, próximo aos cen mil millóns, non teriamos que estar falando de recortes en escolas e hospitais. Mais descabezou-se a loita antifraude. E a pregunta é: por que?
Nota.-
Onte 10 de Marzo de 2012, Manuel Rivas publicaba na columna do xornal "El País" este interesante artigo que agora desde Ártabra 21 reproducimos.
[*] Manuel Rivas Barrós, nado no barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957, é un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego. Así mesmo, dende o 31 de xullo de 2009 é académico da RAG [Galipedia].
____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon