"CRISE 2.0" é o título dun extenso e moi clarificador ensaio publicado no nº 72, xaneiro-febreiro 2012, da edición en español da New Left Review (novembro-decembro 2011 na edición orixinal inglesa), por Robin Blackburn, un dos máis prestixiosos colaboradores e membro do consello editorial da revista. Nunha primeira parte (I. Unha crise retroalimentada) analisa as 'medidas de resgate' aplicadas até agora tanto nos USA coma na 'Eurozona' e fai un lúcido "balance das múltiples afliccións do mundo da Crise 2.0, na que os governos, fogares e corporacións financeiras están a tentar aminoraren ou 'desalavancaren' as suas débedas": unha política da que "o resultado ten sido estancamento, desemprego, destrución do benestar e instalación nos governos de coalicións tecnocráticas carentes dun mandato eleitoral". Na segunda (II. Diagnósticos e remedios) pasa revista ás "respostas predominantes" convencionais, ás dalgunhas "voces disidentes" dentro do proprio stablishment (como a da chamada 'vía cara adiante'), e máis a algunha "máis radical", como a do 'salario mínimo global' proposta por Richard Duncan no seu libro do 2009 'The Corruption of Capitalism'. Finalmente, Blackburn formula as suas proprias propostas -sexan orixinais ou asumidas- a partir dunha toma de posición que fica esplicitada nas frases coas que remata a introdución do seu ensaio: "A medida que se profundice a crise, acentuaráse a necesidade e a urxencia de propostas construtivas para unha saída xenuina cara a esquerda. (...) Argumentarei que as estratexias de resistencia terán que defrontar as causas subxacentes da crise -sobrecapacidade global, demanda deficiente e criación anárquica de crédito- para seren eficaces. Propoño unha expansión xeralizada da demanda agregada global baseada na suba dos salarios nos países onde son máis baixos, o alivio da débeda nos países pobres e ricos, novos plans de protección social, e unha arquiteitura financeira orientada á utilidade pública".
Por consideralas de especial interese para nós, e maiormente no contexto circunstancial das agresións políticas que estamos a aturar dos actuais governos central e autonómico do PP, escolmamos e reproducimos a seguida as seccións III e IV, e máis o colofón, deste lúcido e criativo ensaio de Blackburn. (N. do T.).
III. AUDITORÍA DA DÉBEDA SOBERÁN.
A Crise 2.0 leva implicado descarregar as débedas contraídas polos bancos sobre os xubilados, estudantes, profesores, coidadores e desempregados ao capitularen os governos perante os posuidores de bonos e as axencias de calificación, resgatando íntegramente a algúns prestamistas que non o merecían. Recoñecer e reducir as perdas é unha parte esencial do proceso de recuperación, mais resulta preferíbel un proceso deliberado e selectivo a unha resposta ad hoc á crise, incluíndo unha auditoría da débeda pública que conducise a un repudio selectivo, eliminando enteiramente as "débedas odiosas" (adóitanse definir así as contraídas por un governo sen o consentemento dos seus cidadáns e con obxectivos que van contra os intereses diles, mentras que os acreedores si que son conscientes desas condicións). Unha auditoría permite documentar o proceso polo que aumentou a débeda, e identificar cáles acreedores están lexitimados para cobrar e cáles non. No 2007, o presidente ecuatoriano Correa nomeou unha comisión para que realizase unha auditoría integral da débeda pública (CAIC), formada por economistas internacionais e expertos legais, co fin de establecer a lexitimidade, legalidade e adecuación das negociacións e renegociacións das débedas ecuatoriáns (créditos concedidos a Ecuador) dende 1976. Atopáronse numerosas irregularidades e ilegalidades, algunhas das cales databan da renegociación establecida polo plan Brady de 1995. O governo de Correa, armado con esa auditoría, conseguíu rebaixar as débedas aos bancos estadounidenses de 3,2 miliardos de dólars a menos de 1.000 millóns.
Se outros países emprendesen análoga investigación, poderían descubrir presións indebidas, o soborno de funcionarios públicos e a corrupción de lexisladores (os préstamos 'de transición' impostos aos países europeus do leste a condición de privatizaren os seus sistemas de pensións poderían ser un bó exemplo). Poderían tamén descubrir débedas contraídas en termos tan onerosos que mesmo pagándoas varias veces non se darían saldado. Do mesmo xeito que a crise das 'hipotecas lixo' se viu moi intensificada polas práticas do "sistema bancario na sombra", as subseguintes crises de débeda soberán víronse exacerbadas por pasivos ocultos dos governos, nomeadamente os que disfroitaban de garantías "implícitas". En Les dettes illégitimes, o economista francés François Chesnais extende a noción de "débeda odiosa", argumentando que a débeda pública debera ser repudiada como ilexítima se foi contraída para realizar "doacións ao capital" -por exemplo, investimento público en activos de propriedade pública estatal como aliciente para a sua privatización, ou déficit fiscal resultante de baixos níveis de imposición directa, alí onde os ingresos por impostos foron sustituídos deliberadamente por débeda. O venerábel principio do "xubileo" consagrado na Biblia prescrebe a cancelación de tódalas débedas cada cincuenta anos. Porén, aínda fica marxe para a discriminación, poisque ás veces os ricos deben diñeiro aos pobres e son plenamente responsábeis de teren contraído certas débedas. Se Italia repudiase tódolos seus bonos, iso perxudicaría a moitos pequenos aforradores, dado que millóns deles posúen o 14% do total. Quen defenden solucións radicais deben tomar precaucións para non empurraren involuntariamente á pequena burguesía nos brazos dos fascistas (o repudio pode excluír, madia leva, a eses aforradores, aos fondos de pensións xenuinos e ás institucións de beneficencia).
Unha creba soberán que impuxese perdas aos grandes financeiros e non aos aforradores humildes podería ser unha opción axeitada nun caso coma o de Grecia. Grandes franxas da débeda grega deberían certamente seren entendidas como "odiosas" -por exemplo, os grandes créditos concedidos polos bancos franceses ao governo de Karamanlis entre 2005 e 2009 para finanzar a compra de avións de caza franceses, ou as grandes sumas gastadas na preparación dos Xogos Olímpicos do 2004. A creba soberán impón un alto prezo: aos países que atreizoan a confianza dos 'mercados' resúltalles difícil ou imposíbel durante certo tempo endebedárense de novo. A creba da Arxentina no 2001 paralisou a actividade económica: perdéronse moitos empregos, centos de empresas pecharon, e os aforros de milleiros de familias esvaíronse. Os intentos de utilizar o troco para resucitar a economía resultaron demasiado trambilicados e a miudo ineficaces. No entanto, o movemento dos piqueteros e unha vaga de ocupacións de fábricas permitiron a algunhas empresas sobrevivir até recibiren a axuda do governo de Kirchner no 2003. Arxentina demostrou que hai vida despois da creba, e tamén negociacións. Repudiou débedas por un total de 81 miliardos de dólars, e ao cabo dun tempo o seu governo, que arelaba recuperar as condicións comerciais normais, ofreceu aos seus acreedores 35 céntimos por dólar. A maioría dos acreedores do país, conscientes do feble estado da economía arxentina, aceptaron a oferta, malia ser moi severa esa rebaixa comparada con outras crebas. Após unha considerábel devaluación, o peso arxentino estabilizouse nun tipo de cámbio competitivo; as exportacións agrarias remontaron, e durante as presidencias de Néstor Kirchner e Cristina Fernández os ingresos e o emprego recuperáronse.
No caso de Grecia, a devaluación non sería posíbel, agás que o país optase por saír do euro e voltar ao dracma. Mais noutros aspectos xa está a sufrir a catástrofe que, segundo a doutrina convencional, lle ocasionaría o repudio da débeda. Os intentos de evitar a creba levan provocado xa un colapso económico, e o país leva fóra dos mercados internacionais de capitais dende a primavera do 2010. Un repudio parcial faría máis sostíbel a débeda restante, e Grecia podería seguir endebedándose internamente, como o facía até o 2001. Un comentarista [Stergios Skaperdas] ten sinalado: "Se Grecia tivese suspendido pagos a comenzos do 2010, a débeda grega tería sido sostíbel a longo prazo cunha rebaixa imposta aos posuidores de bonos considerábelmente menor do 50% do total adebedado. [...] En troques, o que fixo a troika foi fornecer a Grecia créditos para cubrir o seu déficit orzamentario sen crebar, a cámbio de recortes orzamentares cada pouco máis draconianos, aumentos de impostos e cambios institucionais de dubidoso valor [...]. O efecto desa política foi unha veloz espiral descendente da economía. E dado que a débeda segue a medrar e o país segue a se empobrecer cada vez máis, a débeda é cada vez menos sostíbel. A relación entre débeda e PIB pasou do 115 ao 160 % en menos de dous anos".
IV. UTILIDADE PÚBLICA.
Para solucionar os problema financeiros compriría abordar o establecemento de bancos e sistemas crediticios de utilidade pública alén dos centros nacionais, devolvendo recursos a cada localidade, por unha banda, e cooperando cos socios rexionais e globais pola outra. A propriedade pública básica é unha condición necesaria pero non suficiente, poisque as autoridades públicas podense ver tentadas aos seus proprios excesos especulativos. Un sistema financeiro de utilidade pública tería como núcleo bancos, axencias reguladoras e fondos sociais de propriedade e contabilidade pública. As axencias reguladoras deberían informar e daren poder aos cidadáns individuais e ás redes rexionais ou locais. Pola contra, o modelo neoliberal entrega bens e programas sociais públicos ás corporacións privadas e promove unha mercantilización xeral da sanidade, a educación, as pensións e o meio ambiente.
Ao tempo que se estimulan a propriedade social e as finanzas locais, compriría establecer salvagardas estritas para isolar a eses fondos fronte ás presións comerciais e especulativas. Os bancos e mútuas construtoras (sociedades de préstamos inmobiliarios) locais ou provinciais teñen demostrado que poden fornecer bós servizos a condición de impedirlles un "alavancamento" dende fóra, mentras que axiña se enguedellan en distintos problemas cando se ven "liberadas" -ou sexa, desreguladas ou privatizadas- e se lles permite actuar como bancos comerciais. As empresas industriais alemás, por exemplo, téñense beneficiado durante moito tempo dos Landesbanken de propriedade semipública do país; mais durante a última década, máis ou menos, algúns deles caíron na tentación de especularen con complexos derivados hipotecarios, e como consecuencia sufriron grandes perdas. Este fenómeno é outro exemplo dos perigos de desregular e semiprivatizar as redes de finanzamento público. Outros casos son as asociacións de crédito e aforro estadounidenses, Fannie Mae, moitas antigas mútuas británicas privatizadas, como o Trustee Savings Bank, e as caixas de aforro españolas. Todas elas funcionaran ben durante décadas como institucións de propriedade pública ben reguladas, e todas caíron en dificuldades desque se desregularon, privatizaron ou descentralizaron.
Os recursos e as empresas públicas débense reabastecer continuamente para non caíren baixo o abalón da acumulación privada. O economista sueco Rudolf Meidner propuxo en 1976, dende a Confederación Sindical Landsorganisationen i Sverige, o cobro dunha cuota anual ás principais corporacións, cada unha das cales debía emitir cada ano novas participacións equivalentes ao 20 % dos seus beneficios, que serían distribuídas nunha rede rexional de fondos sociais. Esa proposta ten a vantaxe de que recada unha parte do valor de tódalas participacións, inclusive as resgardadas en paraísos fiscais, e logo as recibidas pola rede de fondos sociais manteríanse a longo prazo, utilizando os dividendos que xerasen para obxectivos específicos como a provisión de pensións. En varios países -en particular Noruega, Australia e China- téñense criado fondos soberáns ou "fondos de futuro" que levan actuado como amortecedores durante a crise. Eses fondos pódense investir de varias maneiras -promovendo a capacidade produtiva, as vivendas sociais ou a proteción do meio ambiente- e con eles constituense activos a longo prazo utilizábeis en caso de acontecementos impredicíbeis (desastres naturais) ou predicibeis (envellecimento da povoación). Nalgúns países, fondos de xubilación e de pensións publicamente xestionados desempeñan tamén ese papel; os seus xestores invisten en desenvolvemento ou en infraestruturas sociais, pero son cada pouco máis conscientes de que deben fomentar a sustentabilidade meioambiental. Nos USA e na UE, en troques, os principios do libre mercado e os grupos de presión privados teñen provocado o retroceso dos programas de investimento público de longa duración.
Os defensores da empresa pública e da planificación social do século XXI teñen que redeseñalas para evitaren os seus fracasos históricos. Durante os últimos anos lévanse visto chamativos éxitos do desenvolvemento económico meiante patrocinio público, malia levaren aparellados algúns problemas serios. A industria nos Parques da Ciencia de Taiwan e a produción agrícola no cerrado semiboscoso do Brasil permitiron a eses países convirtírense nos principais fornecedores do mundo en varias das liñas de produción elexidas para o seu desenvolvemento por axencias públicas criadas hai duas ou tres décadas, utilizando estratéxicamente as subvencións públicas para criar entidades viábeis máis que para cubriren o déficit operativo. No caso brasileiro desempeñou un papel crucial a Empresa Brasileira de Pesquisa Agropecuária (EMBRAPA), que conseguíu reabilitar o solo do cerrado, outrora un terreo a monte cuberto de maleza. Certo é que, malia o seu éxito, os programas patrocinados públicamente no Brasil e en Taiwan suscitaron problemas meioambientais inaceptabeis, que porén non deberan ser insolúbeis se as autoridades públicas e as novas entidades produtivas tivesen que responder polo seu impacto ambiental perante as comunidades locais.
Infelizmente, o éxito de semellantes programas convírteos tamén en alvos cobizábeis para a privatización, e obsérvanse as crecentes manobras de diversas corporacións para se faceren cárrego deles. As demandas da economía do coñecemento levan favorecido a socialización dos custes da investigación, do que é un excelente exemplo a rede de investigación alemá Fraunhofer, cun persoal de 18.000 empregados e un orzamento anual de 1,65 miliardos de euros. Esa rede pública leva realizado unha contribución vital ao éxito das Mittelstand (ou medianas empresas) alemás. China ofrece exemplos tanto positivos coma negativos de empresariado estatal. A enorme escada da intervención de Pekin afectou á economía global, cousa que nunca se puidera dicir nen sequer da organización comercial máis podente. Na maioría dos países grandes ou medianos as autoridades públicas tamén teñen a vantaxe potencial do tamaño -unha consideración decisiva nunha crise tan fonda como ésta.
Os obxectivos de calquer programa novo de desenvolvemento deberan ser estimular o crecemento impulsado polo investimento, fomentar a sustentabilidade, dar azos á formación dos recursos humanos e proporcionar un aumento da produtividade. Con ese feixe de obxectivos trataríase de desmercantilizar importantes áreas da vida social, ofrecendo a todos e cada un libre acceso a unha educación e coidados sanitarios decentes, e máis a posibilidade de opinaren e decidiren en última instancia sobre o control dos recursos económicos. Un sistema financeiro de utilidade pública, valedor de redes de fondos sociais e sostido por elas, podería reconectar as finanzas co contexto social e democratizar o seu funcionamento. O modelo socialista tradicional de economía "nacionalizada" e planificada tivo algúns éxitos, e aínda se podería aproveitar nalgunhas áreas. Resulta razonábel que as redes ferroviarias, a enerxía eléctrica, as conducións de auga e outros monopolios naturais sexan de propriedade e xestión públicas, mais o modelo de economía 'de mando' ficou atrás. Se os mercados son axeitadamente controlados, regulados e socializados poden desempeñar aínda un papel útil e inclusive valioso. A propriedade social dos fondos de pensións -e máis a sua xestión con criterios de responsabilidade social- poden engadir unha dimensión extra a todo iso. Aos reguladores nacionais e internacionais resultaríalles difícil disporen de toda a información necesaria para supervisaren unha miríada de axentes económicos. Os investidores institucionais de propriedade pública poderían engadir outra caste de "regulación dende abaixo" para complementaren a "regulación dende arriba". Poderían, por exemplo, aproveitar os seus poderes como accionistas para fomentaren un salario mínimo no sector exportador dos países con baixo PIB per capita. O crédito público debera investir nunha economía verde e tentar reducir a dimensión da pobreza global e sufragar os custes do coidado dos anciáns. O desbarate e incertidume dos intercambios globais e dos fluxos de capital debe ser corrixida e regulada de xeito que a totalidade dos cidadáns e comunidades ás que atinxen dispoñan de información e poder ao respeito.
O programa que levo esbozado resulta en moitos sentidos antitético do que se asocia con Hayek, Friedman e a economía "de libre mercado"; pero inclusive esa escola ten aceptado a necesidade, en condicións estremas, dun estímulo financeiro, utilizando 'helicópteros' para verquer moreas de diñeiro en todas direicións. No entanto, na prática os 'helicópteros' só lles botan diñeiro aos bancos. Se emitir diñeiro é de interés público, por qué non debería recibilo todo o mundo?. Por qué non deberían os 'helicópteros' botar diñeiro aos pobres, ou a toda a povoación?. Nunha sociedade tan desigual como ésta, poñer diñeiro nas mans dos que máis o precisan sería a millor maneira de estimular a demanda. Ademáis da introdución dun salario mínimo nos sectores exportadores, o alivio da débeda aos fogares máis necesitados nos países capitalistas avanzados sería non só valioso en si mesmo, senón que contribuiría tamén a xerar unha meirande demanda agregada e unha perspectiva de crecemento xeral. O actual exceso da débeda dos fogares induce estancamento. O economista australiano Steve Keen propón unha estratexia radical de destrución da débeda: "os governos deberían dar á xentes unha cota igual de diñeiro. os que teñen débedas estarían obrigados a pagalas e os que non as teñen poderían gastar o diñeiro como quixesen. O resultado sería un nível de débeda máis baixo e maior capacidade de gasto". Unha estratexia aínda máis radical consistiría simplesmente en cancelar tódalas débedas, ou todas aquelas que non sobardasen determinado nível, pero os máis austeros poderían estar en desacordo e os bancos sufrirían unha pancada. A prima cívica paritaria de Keen sería benvida por todos como unha maneira positiva de reducir a débeda que atranca a recuperación.
Como espricaba o "inspector xeral" do TARP [Troubled Asset Relief Programme, ou 'programa de alivio de activos en dificultades', criado nos USA en 2008] Neil Barofsky, un resgate "dende abaixo" que reducise as cárregas dos pobres e mal pagados tería sido máis eficaz -e máis axeitado para a utilidade pública- ca os resgates amistosos dos bancos "dende arriba". Os programas de alivio da débeda tamén deberían abranguer aos debedores de créditos estudantís. Na Gran Bretaña prevése que a débeda dos estudantes acade os 70 miliardos de libras no 2015, e aínda é máis xigantesca nos EEUU, onde axiña acadará o nível de un billón de dólars -só un chisco por debaixo da débeda total das tarxetas de crédito. Seguindo o esprito da finanzarización, convídase aos estudantes e graduados con débedas a xestionalas nunha variedade moi complexa de fórmulas, mais aqueles que fagan unha escolla desafortunada poderánse atopar sometidos a un afogo financeiro: no 2009, cáseque o 9 % deles tiñan varios pagos atrasados, con consecuencias funestas para a sua calificación de crédito. A necesidade de pagaren esas débedas distorsiona as opcións que afrontan os estudantes e ten un efecto de freo sobre a demanda.
Cómprenos reconstruir un concepto do público que, malia non estar esclusivamente definido pola propriedade pública, deixe espazo abondo para ela, para a regulación nacional, a redistribución de ingresos, e uns servizos sociais decentes, como corresponde ao século XXI, época do capitalismo globalizado e a economía do coñecemento. Dende o ponto de vista do conxunto da humanidade, unha "industria nacionalizada" representa un interés parcial; cando inviste no estranxeiro, o equilibrio do interés público tería que dividirse entre cando menos dous "públicos" e a miudo moitos máis, do mesmo xeito que dentro de cada país compre acadar un equilibrio entre os intereses dos empregados dunha empresa estatal por unha banda e os do conxunto dos cidadáns pola outra. O "interés público" ficaría millor determinado por unha multiplicidade de institucións e práticas que ofrecese una amplo acceso á información, o debate e a decisión. Entramentras os Estados disfroiten de soberanía, desempeñarán un rol vital chave en facilitaren -ou denegaren- tal responsabilidade democrática e en afrontaren o desafío da crise. Se os resgates esixen grandes cantidades de diñeiro público, como xa ficou ben claro, daquela calquer resultado positivo debería incrementar o potencial das institucións públicas, do mesmo xeito que o gran fondo de pensións noruegués é un legado do resgate dos bancos do país polo governo en 1988.
[....]
Veño de situar a crise no contexto dos desequilibrios e a desigualdade, e de propór unha vía de desenvolvemento baseada nun salario vital, boas condicións de traballo, educación para todos, un nível decente de atención sanitaria, igualdade de xénero e elevada capacidade laboral. O impulso necesario á demanda tería que vir non só de salarios máis altos, senón tamén de investimentos en infraestruturas e tecnoloxías verdes, así como no finanzamento de pensións decentes, coidados sanitarios, educación e sistemas de benestar. No que atinxe aos governos e ás empresas, o obxectivo debera ser seguiren a "autoestrada" da vantaxe competitiva baseada en millorar os níveis existentes de educación, capacidade e protección social, e fuxiren dos "camiños viciñais" que basean a vantaxe competitiva no traballo escravo, as diferencias de xénero e o rebaixe dos custes sociais.
Este enfoque tenta humanizar a cadea global de transaccións mercantís utilizando acordos internacionais, a lexislación nacional, "códigos de conduta" multiaxente, dereitos laborais e negociación colectiva, representación da comunidade, regras de transparencia e compromisos éticos dos axentes empresariais e financeiros. A produción e venda de mercadorías supón a reprodución da forza de traballo, e o traballo asalariado combínase con traballos de mantemento non pagados. O apoio aos traballadores que se encarregan dese mantemento non pagado empata coa necesidade de asegurar unhas condicións de traballo decentes. Finalmente, os acordos económicos deberían pretender algo semellante ao pleno emprego, e que o crecemento económico non se basee no destrago ou ruína dos recursos do planeta.
Semellante estratexia está nidiamente moi lonxe das axendas dos Estados e das clases políticas que agora governan o mundo; mais as suas actuacións só conseguiron até agora profundizar e perpetuar a crise. Se agora empiorase, cunha nova recesión ou algo pior nas economías do Atlántico e un golpe de freos en China, pode esborrallarse todo. En tal caso -e, de feito, en calquera perspectiva a longo prazo- resulta vital que se elaboren dende agora mesmo propostas construtivas para unha saída xenuina da crise cara a esquerda.
Traducido por Xosé M. Beiras.
Fonte: encontroirmandinho.org
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon