O pasado 8 de Abril celebrou-se o 'Día Internacional do pobo Xitano', desde Ártabra 21, non podemos deixar esta data no esquecemento meiático e social. É por iso polo que reproducimos o escrito do movimento Unión Romaní, como un contributo máis á xustiza, á igualdade e fraternidade, todos eles como valores, principios e dereitos, destacados e fundamentais entre os pobos e entre as persoas. Unha cultura de Paz a construír e difundir, por un outro mundo posíbel e necesario.
8 de abril.
DIA INTERNACIONAL DO POBO XITANO
Cando a memoria fai do pasado un tempo presente
A sorte, a providencia, o destino ou como se lle queira chamar fixo que eu estivese presente en Londres a semana do 8 de abril de 1971. Desde entón choveu moito. pasaron 41 anos. Eu era case un rapaz, como adoita dicirse. E a miña viaxe a Londres, nas postrimerías do franquismo, supuxo o meu bautizo ao coñecemento da realidade xitana mundial da que ata entón tan só tiña moi vagos coñecementos.
Xitanos e xitanas procedentes de 25 países dímonos cita en Londres. Eu acudín sen coñecer a ninguén e sen ter moi clara a idea de que se ía a tratar naquela reunión. E a miña primeira sorpresa foi comprobar que aquelas xornadas foran convocadas, programadas e dirixidas polos propios xitanos. Nin un só gachó (payo) interveu nos debates nin condicionou en absoluto os acordos que alí se tomaron. Os recordos veñen á miña memoria coa mesma forza con que aparezo nas fotografías que acompañan a este comentario e que me foron regaladas o ano pasado no Reino Unido.
O 8 de abril de 1971 eu sabía que no mundo viviamos máis xitanos que os que eu coñecía en Andalucía, pero non os vira nunca. O 8 de abril de 1971 oín falar por primeira vez en romanò. Na miña casa a miña familia chapurreaba o caló. Non era igual aínda sendo o mesmo. E puiden comprobar, marabillado, como xitanos que vivían tralo telón de aceiro, ─xitanos que xamais soñasen con que as autoridades comunistas dos seus países lles autorizasen para saír ao mundo capitalista─ entendíanse perfectamente con outros xitanos chegados de Francia, da antiga Yugoslavia, ou da temida Alemania. O 8 de abril de 1971 conmocionáronse os meus entretelas cando sentín na miña pel os bicos cálidos de tantos xitanos que me abrazaban emocionados por atopar ao fillo perdido, ao irmán descoñecido que viña da vella España onde ─eles sabíano─ vivían centenares de miles de xitanos illados do conxunto do seu pobo esparcido por millóns por todo o mundo.
O 8 de abril de 1971 sentinme máis libre que nunca. Participei na votación que institucionalizou a nosa bandeira e entón entendín a liberación que supón ter por teito o azul do ceo e por chan o verde dos campos. Entón comprendín con absoluta claridade por que o meu avó Agapito sempre nos desexaba saúde e liberdade.
O 8 de abril de 1971 vin por primeira vez unha balalaica. E escoitei o seu son en mans de Jarko Jovanovic. A súa melodía se lle uníu a música suave, triste e melancólica duns violíns, e mentres das cordo da balalaica saltaban as notas enfurecidas imitando o chisporrotear das chamas asasinas que acabaron coas vidas de tantos inocentes nos campos nazis, os violíns coa súa doce melodía, abrían os ríos de bágoas con que enxugábamos o recordo de tantos anciáns inxustamente gaseados, de decenas de miles de nenos masacrados e de centenares de miles de homes e mulleres que, na flor da vida, xamais puideron entender por que lles espían antes de introducilos nas cámaras de gas. E así naceu o Gelem, gelem.
O 8 de abril de 1971, como un caravel reventón, apareceu na vella Europa o xerme dunha conciencia colectiva adormentada durante tantos séculos. Xitanos e xitanas de 25 estados residentes nos países comunistas do frío sempiterno ou na xeografía tantas veces deshumanizada do máis feroz capitalismo, puxemos por encima de calquera ideoloxía o respecto pola nosa común condición de xitanos. E entón algúns entendemos que eramos un Pobo que soubera conservar leis e costumes que debían ser defendidas. O respecto aos maiores, a autoridade indiscutida dos anciáns, o valor da palabra dada, a veneración suprema da familia é expresión palpable da nosa máxima institución e o amor supremo e insubornábel á liberdade.
Hoxe non nos parece que sexa o día para falar das nosas miserias. Da marxinación que sufrimos ou dos ataques racistas que padecemos. Para denunciar esa situación temos todos os días do ano e así o facemos. O 8 de abril é o Día Internacional do Pobo Xitano e ten unha vocación de fraternidade e respecto para todo o mundo. E así como neste día os xitanos e as xitanas do planeta achéganse aos ríos para depositar sobre as súas augas as velas do recordo e as flores da liberdade, nelas está o símbolo do noso desexo de convivir co resto dos cidadáns en paz e harmonía, porque unha celebración que encerra o recordo aos antepasados e o amor á liberdade debería ser patrimonio de toda a humanidade.
Juan de Deus Ramírez Heredia
Presidente de Unión Romani
Avogado e xornalista
http://www.unionromani.org/
u-romani@pangea.org
As que seguen, son catro imaxes dun indubidábel valor histórico.
Enviado por:
-lupeces@gmail.com-
13 de abril de 2012 06:20http://lupeces.blogspot.com.es/
_________________ _____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon