mércores, xullo 07, 2021

Xitanas e Xitanos, referentes e de Ferrol: Sergio, Silvana, Adrián e Andrea rompen estereotipos


A falta de referentes e de recursos fai que moitas das persoas de etnia xitana non teñan nada fácil o proxectar un futuro diferente; pero estes catro mozas e mozos ferrolanos están un pouco máis preto de cumprir os seus soños grazas ao seu esforzo e ao respaldo da Fundación Secretariado Xitano (FSG) e da Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol.

Durante este curso 2020-2021, púxose en marcha en Programa Promociona, unha iniciativa orientada ao alumnado xitano que estea cursando estudos postobrigatorios, unha preparación académica á que non moitos chegan ao finalizar a obrigatoria ESO ou cumprir unha determinada idade.

Valoran desde a entidade que estes catro alumnos que participaron -Sergio, Silvana, Adrián e Andrea- convertéronse á súa vez en "referentes para os demais mozos e mozas dos Programas Educativos da FSG, un exemplo de esforzo e motivación desde o primeiro día de curso".

Sergio J. B. ten 20 anos e vive en Caranza. Non puidera acceder á Universidade ao terminar Bachillerato, así que se matriculou no Ciclo Superior de Educación Infantil, que terminou cunha nota de 8,92. En setembro empezará o Grado de Educación Primaria na UDC e traballará este verán nos campamentos urbanos de Ferrol.

Sergio converteuse no primeiro xitano universitario apoiado pola FSG en Ferrol. Silvana J. J., pola súa banda, ten 17 anos e vive en Caranza. Este curso empezou o Bacharelato e finalizou en primeiro curso con boas cualificacións, así que en setembro comezará 2º coa idea de superalo e tamén acceder á Universidade.

Adrián R. S. ten 20 anos e tamén vive no barrio de Caranza. Terminou o Ciclo Medio de Carpintería e Moble e fixo as súas prácticas nunha empresa que o contratou para o seu persoal. Andrea B. L., de 18 anos e de Recimil, superou o primeiro curso do Ciclo Medio de Actividades Comerciais e prepárase para o seguinte.

Desde a Fundación Secretariado Xitano de Ferrol queren destacar o "o seu gran esforzo por superar problemas e obstáculos, tanto no ámbito social como académico, sendo un exemplo para o alumnado do resto dos nosos programas" e animan a mozos e mozas a "seguir rompendo estereotipos".

Fonte: Ferrol360 - Mércores 7 xullo 2021 - 12:00 - Licenza Creative Commons.

Fotos: Sergio, Silvana, Adrián e Andrea en imaxes cedidas a Ferrol360 pola FSG.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon