xoves, xullo 12, 2012

O BNG critica a política fraudulenta da Xunta con respecto ao novo Centro de Saúde de Ares

Tags


Ares, 11 de xullo de 2012. O BNG de Ares entende que o anuncio feito polo presidente da Xunta hai poucos días, no sentido de renunciar ao sistema de colaboración público-privada para a construción do novo Centro de Saúde de Ares, vén a demostrar a veracidade das críticas feitas pola nosa organización no 2010; no sentido de considerar que o sistema escollido daquela pola administración galega era un fraude que, ao final, non permitiría a execución do Centro.

Así foi que, logo de dous anos e de diversos intentos por parte da Xunta de licitación do Centro de Saúde, agora o Presidente Feijoo vén a manifestar que renuncia ao “sistema” previsto; e que vai proceder á nova licitación, agora seica por conta dos ingresos procedentes do que se vai cobrar polos medicamentos….Unha nova manobra para, no fondo, non asumir o que desde o BNG viñamos pedindo históricamente: que os investimentos para o novo Centro de Saúde de Ares tiñan que vir dos orzamentos da Xunta; tal e como aínda solicitamos nunha emenda presentada no parlamento galego no debate de finais do pasado ano.

O caso é que, desque en 2007 o pleno da corporación de Ares puxera a disposición os terreos para a construción do novo edificio, van cinco anos nos que á cidadanía de Ares se lle priva dun edificio acorde coas necesidades que prantexa a poboación do concello. Cinco anos de promesas, nos que mesmo se lle chegou a poñer data ao comezo e remate das obras (2008) para que hoxe nos atopemos coa enésima promesa que supón, en realidade, unha auténtica tomadura de pelo colectivo.

Unha situación que, por certo, tivo un certo grao de complicidade por parte do equipo de goberno xa que, no referido ano de 2010 fixo caso omiso ás consideracións feitas polo BNG no sentido de que o sistema escollido pola Xunta non garantía a construción do novo centro de saúde. Agora, coa evidencia desa realidade, o equipo de goberno semella tamén estar preocupado exclusivamente por “anunciar o anuncio” da Xunta, que por aclarar as razóns que motivaron a parálise do proxecto e, sobor de todo, concretar o xeito en que a Xunta tén pensado sacalo agora a licitación.

Así é que o BNG, ao marxe da interpelación que xá foi rexistrada no Parlamento Galego o pasado 3 de Xullo, vai presentar tamén unha batería de preguntas no próximo pleno ordinario do concello para saber se o grupo de goberno comparte esta actuación fraudulenta da Xunta e, sobre todo, se desde a institución municipal se vai pedir concrección dos investimentos públicos e prazos cos que a Xunta vai afrontar a construción do novo centro de saúde; que de ser unha demanda histórica ameaza con pasar a ser o conto de nunca acabar...


Web BNG Ferrolterra:

http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/ferrolterra/





Enviado por:

Novas BNG Comarca Ferrolterra
-sedenacional@bng-galiza.org-
20 de junho de 2012 03:04
_________________ _________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon