xoves, xullo 12, 2012

Rajoy anuncia brutais recortes e medidas antipopulares


O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, debullou esta mañá no Congreso un amplo paquete de medidas con severos recortes para a clase obreira, en especial funcionarios, parados e dependentes e subidas de impostos para lograr un axuste de 65.000 millóns de euros nos próximos dous anos, segundo explicou o presidente. Este abanico de medidas representa o maior axuste desde o franquismo e cambiarán radicalmente o escenario económico e administrativo do país nos próximos anos. A elas súmanse os 27.000 millóns que incluían os orzamentos e as medidas adoptadas polo Goberno a finais de decembro. Tamén hai que considerar os máis de 18.000 millóns en diminución de gastos e subidas de ingresos postos en marcha polas comunidades autónomas. O anterior Executivo, liderado polo socialista José Luís Rodríguez Zapatero, xa recortou 15.000 millóns en dous anos.

Fontes do Goberno aseguran que estas medidas serán aprobadas no próximo Consello de Ministros, o venres, e que entrarán en vigor inmediatamente. A subida do IVE empezará a aplicarse "nos próximos días", indican desde fontes do Executivo. Para as compras xa realizadas, pero que aínda non se pagaron, será a data de emisión da factura a que fixe se se ve afectada polo aumento do imposto. As medidas que afectan aos funcionarios entrarán en vigor o luns.

Os Orzamentos de 2012 quedaron en papel mollado en menos de dúas semanas tras a batería de medidas avanzadas por Rajoy esta mañá. O Goberno levaba semanas estudando todas as posibilidades para recortar o gasto e subir impostos para equilibrar as contas públicas desbocadas “ata maio o déficit do Estado ascendía ao 3,41%, case todo o previsto para todo o ano”. Entre as medidas aprobadas hai un paquete de medidas que afecta á función pública. Rajoy anunciou que suprimirá a paga extraordinaria de Nadal para os funcionarios este ano. O presidente pediu que tamén sexa aplicada aos senadores e deputados. A medida suporá un aforro de preto de 5.000 millóns de euros.


Os funcionarios poderán recuperar parte desta paga a partir de 2015 pero non en metálico, senón a través dunha achega ao fondo de pensións. Está por determinar se esta medida de suspender a paga extra será aplicable tamén nos próximos dous anos.

O Goberno reducirá tamén os moscosos, os días de libre disposición, a pesar de que o ministro de Facenda asegurou o pasado luns que non se tocarían. Outra das medidas máis polémicas consiste na equiparación da situación de incapacidade temporal ás do resto de traballadores. Esta medida -segundo eles- serve tanto para reducir o gasto de persoal como para combater o absentismo dos traballadores públicos. Durante os primeiros días de baixa o Estado complementa o soldo dos traballadores ata o 100% do soldo a diferenza do sector privado que depende dos convenios de cada empresa.

O presidente tamén precisou que haberá un novo recorte nas partidas de gasto dos ministerios de 600 millóns de euros no que queda de 2012 para reducir subvencións, gastos correntes e transferencias. Ademais, avanzou que os Orzamentos de 2013 terán unha rebaixa do 20% na subvención para partidos políticos, sindicatos e organizacións empresariais que se engade ao recortado neste capítulo neste exercicio.

O Goberno tamén dá un forte machadazo ás prestacións sociais. “Racionalizarase o gasto no sistema de dependencia, revisando o baremo e as prestacións”. Ademais, suprimirá un gran número de bonificacións á contratación, salvo as relativas ao novo contrato para emprendedores ou a inserción laboral dos discapacitados.

Respecto das prestacións por desemprego, o Goberno rebaixa a contía da percepción por desemprego en 10 puntos a partir do sexto mes como desempregado: Os novos receptores verán reducida do 60% ao 50% da base reguladora. O presidente tamén avanzou que planea acelerar a aplicación de factor de sustentabilidade. É dicir, acelerarase o atraso da idade de xubilación e endurecerase o tratamento da xubilación anticipada.

No lado dos ingresos. Rajoy anunciou unha subida do IVE a pesar de que se opuxo ferreamente a adoptar esta decisión, e durante o goberno de Zapatero crearon unha polémica páxina web facendo campaña contra a subida do IVE que se prevía entón. Considera que subir este tributo cando cae o consumo detrae a economía. Finalmente, sobe o imposto. O tipo xeral pasa do 18% ao 21% e o tipo reducido do 8% ao 10%. Esta medida suporá un ingreso extra de máis de 6.000 millóns de euros, e empobrecer aínda máis á clase traballadora. A última subida do tributo, aprobada polo anterior goberno “socialista” en 2010 supuxo un ingreso extra de 5.500 millóns. O tipo reducido do IVE (10%) aplícase á maioría de produtos alimenticios, produtos sanitarios, transporte terrestre de viaxeiros e equipaxes e aéreo e marítimo e ao turismo en xeral que reclamara que non se subise o tributo. Tamén están suxeitos a este tipo reducido as entradas a espectáculos culturais (cines, teatros, circos, concertos, bibliotecas, museos, exposicións). Está por ver cando entra en vigor a medida e se finalmente haberá unha reforma na estrutura do imposto: é dicir pasar artigos gravados co tipo reducido (10%) ao tipo xeral (21%).

A subida dos impostos indirectos irá acompañado, segundo explicou o presidente, cunha rebaixa das cotizacións sociais de dous puntos ata 2014: un punto en 2013 e outro en 2014. Esta medida supón un alivio para os custos laborais dos empresarios que verán minorados os seus gastos.

Tamén se subirán os impostos vinculados co medioambiente -“quen contamina paga”, dixo Rajoy- e outros impostos indirectos como o do tabaco. O presidente avanzou unha nova medida sobre o imposto de Sociedades para modificar o pago fraccionado, a pesar de que nos orzamentos xerais presentados a finais de marzo xa se introduciron varias reformas sobre o tributo. Ademais, seguindo a recomendación da Comisión Europea o Goberno eliminará a dedución por compra de vivenda habitual a partir de 2013. Esta dedución no imposto sobre a renda supón unha carga para as arcas públicas do Estado de preto de 2.500 millóns. Pero como a medida non ten carácter retroactivo, non afecta aos que se beneficien xa dela só aos novos compradores, non terá un gran impacto nas contas públicas.

Respecto da reforma da Administración pública, o presidente do Goberno anunciou que reducirá un 30% o número de concelleiros dos Concellos en función dos tramos de poboación. Rajoy avanzou que nos próximos días presentará a reforma de racionalización e sustentabilidade da Administración local. “Delimitaranse competencias para solucionar o problema das competencias impropias para que os Concellos non poidan prestar servizos para os que non se contan co financiamento necesario e refórzase o papel das Deputacións co fin de centralizar a prestación de servizos”, indicou Rajoy, que cifra a medida en 3.500 millóns. No plan de estabilidade financeira 2012-2015 remitido polo Goberno a Bruxelas estima que a “racionalización do número de entidades locais e competencias impropias” suporía un aforro de preto doutros 10.500 millóns de euros. Ademais, o presidente manifestou que se reforzará o papel do interventor municipal e dos funcionarios con habilitación nacional. O Executivo tamén procederá a acelerar a eliminación de empresas públicas locais.

O presidente tamén aludiu ao esforzo que deben realizar as comunidades autónomas. E explicou que no Consello de Política Fiscal e Financeira que se celebra mañá as comunidades deberán aprobar o obxectivo de déficit para os dous próximos anos, examinarase o cumprimento dos plans de equilibrio -que conteñen axustes por 18.000 millóns para este ano- e poranse en marcha os hispanobonos, como popularmente se coñece ao mecanismo de asistencia financeira para que as comunidades poidan afrontar os vencementos da súa débeda bancaria e comercial. As comunidades que se acollan a esta medida terán que asumir novas condicións de consolidación fiscal (máis recortes e máis impostos) para as comunidades.

Rajoy precisou tamén que “levará a cabo un proceso de liberalización e, no seu caso, privatización dos servizos asociados ao transporte ferroviario, portuario e aeroportuario”. Fontes do Goberno explicaron que esta medida de levarse a cabo nas condicións previstas podería xerar un ingreso extra de 30.000 millóns de euros.

Para rematar, o presidente aludiu a un paquete regulatorio para avanzar na liberalización dos servizos profesionais e na clarificación da normativa para o sector enerxético que irá acompañado por un novo esquema de fiscalidade enerxética.

[Tirado de PRAVDA, traducido ao galego por FORXA!]

Fonte: http://revistaforxa.blogspot.com

Enviado por:
Forxa!! Construír o partido, preparar a revolución!!
-forxagz@gmail.com-
12 de julho de 2012 17:32

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon