luns, outubro 15, 2012

Xoves 18 ás 12 horas, concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza contra a represión exercida contra o compañeiro Pintos, portavoz comarcal da CIG, durante unha acción protesta convocada polo Comité de Empresa de Navantia



CONVOCADA CONCENTRACIÓN PROTESTA UNITARIA

O VINDEIRO XOVES DÍA 18 DE OUTUBRO ÁS 12 HORAS  

DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALIZA EN FERROL



Reproducimos a continuación o artigo publicado uns díás atrás en Artabra21:

A CIG repulsa a represión e torturas da policía contra o compañeiro Pintos e os intentos do PP de criminalizar a loita sindical - Ante o anuncio do Partido Popular de que denunciará á central, o Secretario Xeral advirte que se lle dará a resposta acaída - Vídeo de interese onde Pintos fala da súa detención e do maltrato policial recibido na comisaría de Ferrol



A CIG denuncia a carga policial e a detención e torturas padecidas polo compañeiro Xesús A. López Pintos, responsábel da central sindical na comarca de Ferrol. A este respecto, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, manifestaba ás portas dos xulgados de Ferrol que estas actitudes, veñen demostrar a política represiva da que se vale o PP para acalar e reprimir todas aquelas voces que se levantan contra as súas medidas antisociais e antiobreiras.



Para conseguir este obxectivo, denunciou, “o Partido Popular recorre a todos os medios: criminalización da mobilización social, uso da represión e brutalidade dos elementos máis fascistas da policía, manipulación na prensa ou a utilización dos xuíces afíns para tentar desprestixiar calquera oposición activa”.

O secretario xeral da CIG foi especialmente contundente denunciando a detención de Pintos e as torturas ás que foi sometido na comisaría. “Esta situación empeza a lembrar a épocas do franquismo” advertiu.

O compañeiro Pintos permaneceu esposado máis de dúas horas. Tempo no que, a cada pouco, padeceu os golpes dun policía cunha luva de coiro, na cara e no corpo, mentres o insultaba e ameazaba, tanto a el como á central sindical. Estes feitos xa foron todos denunciados diante do xuíz, ao que se lle reclamou que abra unha investigación para depurar responsabilidades.

Ante o anuncio do Partido Popular de que denunciará á CIG diante da Xunta electoral, Seixo explicou que a asesoría xurídica da central estudará os termos de dita demanda e dará todas as respostas necesarias contra este novo intento de criminalización do sindicalismo nacionalista. Matizou ademais, que a protesta realizada en Ferrol non foi convocada pola CIG, senón que estaba convocada polo Comité de Navantia, no marco do calendario de mobilizacións que dende hai máis de un ano veñen desenvolvendo para reclamar carga de traballo para o sector e a construción do dique flotante.

Na CIG xa estamos afeitos ás persecucións e ás represións por parte do PP. Por iso tampouco nos estraña que intente agora culpabilizar á CIG. Pero isto non nos vai facer calar nin nos vai atemorizar. A CIG seguirá dando a batalla en todas as frontes e contra o conxunto de políticas antisociais e de recortes do PP”.

6 de Outubro de 2012

Fonte: Avantar


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon