sábado, decembro 08, 2012

Comunicado de Alternativa Galega de Esquerda denunciando extorsión e chantaxe por parte de Edgewater Exploration LTD en Cabana de Bergantiños


Os propietarios dos terreos onde se pretende realizar un proxecto de extracción de ouro están a recibir unha carta da empresa Mineira Corcoesto S.L (*) instándoos a vender os terreos por 1,2 euros/m2, e ameazándoos con que se non o fan así antes de fin de ano, comezaría o proceso expropiatorio e obterían prezos máis baixos.

AGE considera moi grave estas actitudes e critica que dende a Xunta de Galicia se avale este tipo de proxectos, tolerando pasivamente que unha sociedade de capital estranxeiro practique a extorsión e a chantaxe a través de cartas intimidatorias intolerables.

1.- AGE manifesta que a misiva é un cúmulo de falsidades, dende a valoración do terreo, até o feito de que xa sexa inminente o proceso expropiatorio, que non o é, e que en caso de expropiarse os prezos sexan os que di a empresa.

En primeiro lugar, a valoración que oferta a empresa é mesmo inferior aos valores de mercado que a propia Xunta ten aprobado (Orde do 28/12/2011, de valores de prezos medios de mercado; DOG do 29/12/2011).

En segundo lugar, o que silencia a empresa é que pretende aplicar en Galiza a mesma táctica que empregou en Asturias, ao querer mercar agora a prezo baixo para que dispois, no proceso expropiatorio, se tomen como referencia comparativa de prezos de mercado os valores fixados nos contratos de compra-venta asinados antes de comezar as expropiacións, co cal non só se pagaría un prezo ridículo agora senón que iso perxudicaria aos que non vendan agora e sexan expropiados dispois.
En terceiro lugar, a mina tramítase como proxecto industrial estratéxico (DOG 02/05/2012) pero aínda non está aprobado como tal polo Consello da Xunta, polo cal mentres a Xunta non aprobe definitivamente o proxecto, a empresa non pode expropiar. ¿Ou é que a empresa xa sabe que a Xunta vaille aprobar o proxecto desestimando as alegacións presentadas ?.

2.- AGE considera que as prácticas da empresa e a pasividade da Xunta son especialmente graves cando se trata dun proxecto cun enorme impacto medio-ambiental (**) que, de aprobarse, teria consecuencias moi negativas de cara ao futuro. Manifestamos que o proxecto mineiro de Corcoesto é máis propio de antigos modelos de desenvolvemento do terceiro mundo, da época colonial, polo seu impacto ambiental, polo saqueo dos nosos recursos naturais e pola súa insostibilidade.

Resulta evidente que este tipo de empresas busca países cunha lexislación ambiental moi laxa e onde atopen a complicidade das autoridades políticas, coma é o caso do goberno de Feijoo e do alcalde do PP de Cabana de Bergantiños.

AGE lembra ao respecto que un proxecto de idénticas características foi rexeitado polo Principado de Asturias, decisión que foi confirmada polos tribunais de xustiza, desestimando as reclamacións da empresa. Adxuntase a sentenza do Tribunal Supremo ao respecto.

(*) 1.- A anterior sociedade, Rio Narcea Gold Mines S.L cambia o nome polo actual de Mineira Corcoesto S.L o 11/04/2012. O 100 % do capital pertece a Edgewater Exploration LTD (compañía canadiana constituida en xuño de 2007 en Vancouver).

(**) As características do proxecto:

-Excavación de un diámetro de 1,5 km
-Construción dunha balsa de decantación de 10.000.000 m3, semellante á de Aznalcollar que provocou o desastre natural no Parque Nacional de Doñana.
-Utilización de cianuro no proceso de obtención de ouro.

---
ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR


Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio á coalición
Alternativa Galega de Esquerda

Correo-e:
asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

Blogue:
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com

Enviado por:
Asemblea Popular Alternativa
-asemblea.apoio.alternativa@gmail.com
8 de dezembro de 2012 22:30
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon