xoves, marzo 07, 2013

O tempo perdido, ... Por Xaquín Campo Freire

Tempo Perdido? - 10 de Marzo de 2013

Por Xaquín Campo Freire [*]
07.03.2013


Aquel profesor, D. Simplicio, era malo, malo, a rabiar. A alumna, Sofía (Sabedoría), lista coma un pemento, un pouco inqueda e un moito, un moito, reivindicativa. Por iso xa nin lle preguntaba. Mantíñaa en ‘offside’, fóra de xogo.

Diga vostede, alumno Rústico,  cantos son os tempos verbais. Pasado, presente e futuro, dixo de cor. Moi boa a resposta, aprobou D. Simplicio.

Moi mala, retrucou Sofía, sometida ao silencio. Fáltalle un, o máis importante. O tempo do que fala a tía Sabina de Agramonte, a nosa costureira. O tempo perdido, que con vostede ao fronte ven ser o máis del.

Nin que dicir ten que aquilo non rematou así.

Porén, se meditamos na sociedade actual, nos seus dirixentes e nas distintas institucións, non hai hoxe unha sensación xeneralizada de que o único tempo imperante é precisamente o “tempo perdido”? Vexamos:

Ollando cara ao pasado. Cantas loitas, cantas mortes, cantas causas ficaron en puros intentos fronte aos ‘rodillos’ esmagantes do poder e dos intereses dominantes, que mesmo parece que sempre saen coa súa. Aí está o “10 de Marzo”, de FERROL 1972. Terá sido todo un tempo perdido?

Tampouco o presente “dá moito máis de yes” como afirman, moi “orondos”, os bilingüístas harmónicos,  mostrándose  gozosos dos fracasos do informe Pisa. A culpa é sempre do galego na escola.

Non dá máis de si! Que atrasados estamos! Non si? Falando así, non pasamos máis alá dos páramos do Courel. Hai que modernizarse. Que se note que xa comezamos a falar correctamente inglés. Agora dise, “dar de yes”. Que é máis  fino e distinguido, verdade?

Mas, descúbranse! Chegou o tempo do futuro perfecto. O de desasnaren ás incultas masas, os pobres Calibans de A Tempestade de Shakespeare, e xa está aquí.. Xa chegaron os novos profetas. Xa se está a notar. Collidas das mans e cantando triunfantes cara ao sol, chegan as leis Wert e o decreto antigalego de D. Feijoo e un tal Sr. Vázquez, que, para darlle maior timbre de honra, vanlle encamiñar agora cara ao supremo un merecido recurso. E lembro aquilo: “Yo tenía un camarada”. Para iso, para gañar tempo, adiantándose, xa queimaron os libros de texto en galego. Para non contaminárense. “Limpia, fija y da esplendor”. Porque, con eses libros nefastos, xa “non se daba máis de yes”. E todos os outros avances de axuda social xa os pasaron pola incineradora de moda.

Ben mirado, estes, coma aquel profesor de Sofía, malo a rabiar, fannos descubrir agora o cuarto tempo verbal, o da costureira, a  tía Sabina de Agramonte: O tempo perdido. Pois con estes persoeiriños, certamente,  xa “non se dá máis de yes”.

Desperta do teu sono, Fogar de Breogán, porque os teus tempos son chegados. Non te deixes engaiolar. Aprende da tía Sabina. Volve en serio ao pasado, traballa o presente desde a verdadeira realidade túa e prepara un futuro que sexa de verdade ‘un futuro’ para todos. Sal dunha vez do tempo perdido!

E Sofía, como aprendera da tía Sabina de Agramonte, ergueu a súa voz de muller nova  berrando con rabia: Amén!

Fonte da Cruz, 7 de Marzo de 2013

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista.Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
7 de março de 2013 00:27
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon