Por Antón Dobao [*]
24.06.2013
Quen é incapaz de comprender as diferentes formas de violencia extrema que fundan o sistema baixo o que vivimos (non todos) é incapaz de comprender a propia sociedade en si. Atoutiña, no mellor dos casos. E cando non quere advertir a extrema violencia do Estado como aparello coercitivo e parcial, contra os máis débiles ou como prevención do mal exemplo, simplemente porque os medios de produción simbólica nos convidan a condenar sen termos sequera capacidade para coñecer os crimes reais, é que dalgunha maneira acaba elixindo a complicidade coa violencia que nos escinde e nos anula.
A min buscádeme sempre un lugar a carón dos de abaixo. E dos que están en prisión.
Como pode ser que haxa quen non aborrece as lexislacións e os tribunais de excepción, as diferentes varas de medir, os diferentes códigos penais, as prisións preventivas indefinidas, a doutrina Parot, as torturas, a redución de seres humanos a puros obxectos, a incomunicación, o ensañamento coas familias, a perversidade dun sistema de castigo que pena a rebelión ou os ataques á propiedade privada pero protexe os saqueos, as fraudes, a explotación, o engano, a destrución da dignidade e da vida. Ninguén cunha sensibilidade e unha razón de esquerda. Ninguén con sensibilidade. Se o déficit político e humano for tan enorme, pouca esperanza quedaría. Converter a Beiras no centro das reconvencións, equiparar en negativo as súas certeiras declaracións coa maquinaria coercitiva dun Estado que nunca rompeu lazos co fascismo franquista é politicamente deplorable. Desde un punto de vista de esquerda. Aínda que faga tales exercicios esa organización política por cuxa complicidade e acubillo devecen algúns conspicuos militantes de Anova.
Independentistas de Galicia, homes e mulleres, van ser xulgados por pertenza a unha organización fantasmagórica cuxa existencia non está sequera demostrada.
Eu tamén me solidarizo con eles e coas súas familias e amigos.
Ás veces, abondaría con ler a Kafka. Outras, cumpriría nada máis ca un mínimo de sensibilidade.
Nota.- post de Antón no facebook.
[*] Xosé Antón López Dobao, coñecido como Antón Dobao, nado en Lugo o 16 de xullo de 1963, é un escritor, tradutor e cineasta galego. [Na Galipedia].
Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
24 de junho de 2013 22:10
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon