xoves, xuño 20, 2013

Reforma laboral, discriminación por VIH e cesión de historias clínicas, ... Por Carlos Varela


Por Carlos Varela [*]
20.06.2013


As políticas sanitarias están cambiando o sistema de protección da saúde, tal e como o entendiamos ata o de agora. O público, xa non é de todas e de todos. O público, nalgúns casos, pertence a  conglomerados empresariais cuxa intención non é outra que gañar diñeiro. Estes conglomerados empresariais,  compóñenos  aseguradoras e  agrupacións bancarias, habitualmente.

Con todo non é o ámbito da saúde o único que nos preocupa ás persoas con VIH. Unha das políticas que máis afectan ás persoas con VIH e sida son as que atentan contra o “absentismo laboral” por motivos de saúde. Estas medidas, recóllense na última Reforma Laboral e permiten despedir a un traballador si falta 9 días, aínda que sexan de forma  intermitente nun período de dous meses consecutivos ou, o 25% de días hábiles durante catro meses descontinuos nun período de 12 meses (20 días entre catro meses calquera). O grave é que non importa que estas ausencias sexan por motivos médicos xustificados. Esta inxusta medida supón, por si mesma, un grave atentado cara á saúde de todas as traballadoras e traballadores, e unha redución moi importante nos dereitos laborais, especialmente no colectivo de persoas con enfermidades crónicas, entre as que se atopan as persoas con VIH.

A este novo escenario,  de recortes en dereitos, témoslle que engadir o anuncio, hoxe feito público (19.06.2013) pola Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dona Ana Mato, que “o Ministerio está valorando a necesidade de integrar os sistemas de información de centros non pertencentes á rede pública nos proxectos de e-Saúde”. É dicir, que as nosas historias clínicas compartiranse cos centros sanitarios privados e viceversa.

Non dou crédito! É cedo para poder analizar todas as repercusións que se poden presentar, a partir da implantación desta medida, con todo, xa se me veñen á cabeza certas dúbidas:

Os que temos tarxeta do sistema público de saúde, no meu caso do SERGAS, utilizamos tanto a sanidade privada? Utilizámola tanto como para que se poidan cometer erros derivados da falta de información e coordinación, entre os e as médicos que nos atenden? Para que, entón, quere un médico da sanidade privada, información sobre a miña historia clínica? Eu  só acudo,  en ocasións excepcionais,  e porque son derivado da pública, á cal remítenlle o informe.

Das persoas que acudimos á Sanidade Pública, cantas  as alternan sanidade pública e privada?

Volvo ao principio do artigo. Comentaba que os centros sanitarios privados pertencen a aseguradoras e á banca, xeralmente. Falabamos de que os seus obxectivos (como empresarios ou voitres, que son) é ter beneficios. Ben, pois diso deduzo que gratis non van facer as cousas, e polo tanto, esa “coordinación para a xestión e cesión das historias clínicas”, vai ter un custo.

De que importe estamos falando? Que partida orzamentaria, e que servizos sanitarios,  veríanse reducidos ou eliminados, para poder implementar esta nova medida?

Con que informe contamos que indique ou suxira que esta medida é necesaria e oportuna nestes momentos? Como todo en saúde, onde está o estudo de custo eficacia desta nova medida?

Como persoa que vive con VIH, preocúpame que os meus datos sexan xestionados por empresas, cuxos propietarios xestionan aseguradoras.  Esas aseguradoras que xestionan as mutuas onde temos que acudir cada vez que temos un accidente laboral, ou collemos unha baixa. Quen me garante a min, que no caso dunha baixa laboral, non sairei prexudicado dada a información privilexiada á que poderán acceder estas aseguradoras?

Resulta que agora, e chamen como lle chamen, todos os hospitais privados serán cofinanciados con cartos  de todas e de todos e resulta tamén que ao que lle chaman eficiencia, son pérdida de dereitos e saqueo do público. Manda carallo!

[*] Xosé Carlos Varela Fernández, Educador Social, é Presidente de Lazos Pro Solidariedade Comité antisida de Ferrol, foi un das persoas promotoras da asociación Sen Papeis de Ferrol, participa no Encontro Social de Ferrol Terra e en Rádio Filispim. Educador en Prevención e promoción da saúde en persoas que viven con VIH/SIDA, no Hospital Arquitecto Marcide - Profesor Novoa Santos; e responsable do programa SEXO CON SESO en mulleres que exercen a prostitución. Foi mediador de Saúde no programa SISIFO; responsable do proxecto Intervención en lugares públicos de consumo con UDIs, da Asociación LAZOS-Comité antiSIDA de Ferrol [correo-e: carlossisifo@hotmail.com].


LAZOS pro Solidariedade-Comité antisida de Ferrol
Asociación de afectados/as polo VIH
Dirección sede: Avda. Dr Fleming 8-10 Baixo
15401 Ferrol ( A Coruña )

Tfno./Fax 981350777
Tfno. Móvil :698147975
Dirección web: http://comitelazos.blogspot.com
 En Facebook
 En twitter

Enviado por:
Lazos Pro Solidariedade
-comiteantisidaferrol@gmail.com-
19 de junho de 2013 21:45
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon