xoves, xuño 20, 2013

Aquel home xa non era de ninguén, era de ningures, ... Por Xaquín Capo Freire

AQUEL HOME XA NON  ERA DE NINGUÉN,  ERA DE NINGURES

Por Xaquín Capo Freire [*]
20.06.2013


Convidáronme para participar activamente en dous actos diferentes que proximamente se van celebrar en Ferrol e Santiago e que teñen en común os nosos cárceres. Voulles dedicar unhas reflexións persoais en tres ou catro artigos curtos.

Caso real: Martes, 7 de maio de 2013, ás 14 horas, nunha redonda da vila de Teixeiro. Un preso do Centro de Paradela, Teixeiro, cumpriu a súa condena de bastantes anos. Saíu para fóra, para a tan ansiada liberdade.

Levaba tres días sentado cima de dúas grandes maletas de mala calidade, diante do “Sabino”. Auga, frío, neve, saraiva, noite, mañá, tarde e volta a empezar. Comía uns “bocatas” que a xente lle daba. Cando lle preguntaban cara a onde ía, cun acento do sur de España, falaba de esperar un coche, un tren, non sabía se para a dereita, a esquerda,  o norte ou o sur, porque estaba na redonda dunha encrucillada de camiños...  Non sabía para onde tirar.  Ninguén esperaba a súa chegada en ningún lado do mundo. Era de ninguén e era de ningures. Xa non tiña referencias nin el as sabía. Despois de moitos anos de encerro este é o noso produto final. Vaia trofeo!

Coma este saen con frecuencia moitos outros máis, aos que eu non teño oportunidade de ver porque non vivo alí e o voluntariado fágoo dentro do penal. Eu nunca me decatei, ata ese día, porque co frío que facía o caso era moi rechamante. Conste que a xente se doía del. Pero non era de alí nin para ficar alí na rúa á ventimperie, ao imperio do vento. Descubriu dolorosamente aos tres días de saír,  que aquela estrada, a 12 km. do penal, era a súa única casa. Alí, fóra. Nunha infinda soidade. Non era de alí. Era un “corpo estraño”, incluso na rúa, que teoricamente é de todos. Non ten casa. A sociedade seguirao rebotando de novo e sempre. E tampouco poden so catro veciños cargar con ese problema que se repite cada certo tempo. O lóxico é que volva ao cárcere. Pero ten que delinquir e iso leva aínda días.

Os cárceres son os “nosos” cárceres. Os presos son os “nosos” presos. Son os presos que nós enxendramos e xeramos na “nosa” sociedade, na que vivimos, na que estamos, da que formamos parte e da que somos responsábeis e corresponsábeis. Son presos nosos, incluso familiares,  que illamos igualciño que facemos co lixo. Apartalos lonxe!

Os cárceres son para os pobres. “Aquí estamos por robar poco. Si robáramos mucho no estaríamos aquí. Tendríamos buenos abogados y dinero suficiente para alargar los procesos y estar lo mínimo posible o ni entrar ya y seguir viviendo bien”. Así está recollido como testemuño. Terán razón? Algo diso debe haber.

 A Constitución.(art. 25, § 2) fala de: Rehabilitar. Reinsertar. Reinserir. Resocializar. E todos descansamos. Xa están lonxe! Que  o faga o cárcere.

Como se pode reeducar, rehabilitar, reinserir, resocializar sen o uso e exercicio adecuado da liberdade?

Nun espazo de 500 m², por longos anos de un só día que se repite invariabelmente 365 veces, sempre iguais cada xornada, non hai moitas posibilidades para conseguir esas utopías, por moita vontade que lle poñan todos cantos alí traballan ou nos movemos.

Iso é cometido da sociedade, de todos e cada un de nós.E cos ventos que corren na reforma do Código Penal non hai vontade política seria de sermos constitucionais.

Que apodrezan no cárcere! Cadea perpetua revisábel! (Para peor, naturalmente). Estamos creando unha sociedade vindicativa e inmisericorde. E así só recollemos desfeitas humanas. Todos lle pasamos a pelota ao outro: Debían facer, recoller, acoller,  ...

Un indefinido “debían, debían, debían”... Sempre os outros. E eu, que? Eu non debo, ti non debes el non debe, nós non debemos, vós non debedes, eles non deben?

Aquí debemos todos. E que ninguén sacuda a parte alícuota de responsabilidade, iniciativa ou creatividade que lle corresponde. Non podo todo pero podo algo, aínda que só sexa denunciar o problema.  En próximos artigos seguiremos interrogándonos.

De momento, vinde todos á obra, dixo Castelao. Hai sitio para todos, non critiquedes nin destruades, mentres se está no obradoiro, mentres se está aínda na feitura. Por iso felicito aos que organizan eses actos de concienciación da saciedade. Parabéns!

Fonte da Cruz, Narón, a 10 de Xuño de 2013

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
17 de junho de 2013 22:10

AQUEL HOME XA NON ERA DE NINGUÉN, ERA DE NINGURES.
"La fábrica del llanto y el telar de las lágrimas", escribiu o poeta Miguel Hernández.
SAÚDOS. XAQUÍN  CAMPO FREIRE
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon