mércores, xullo 24, 2013

A importancia da prevención, ... Por Xaquín Campo Freire - Unha protesta, unha denuncia, unha chamada á reflexión sobre a inxusticia e o que pasa intramuros - Terceira entrega

Terceira entrega de Xaquín Campo Freire, unha opinión sobre o cárcere, o modelo penitenciario e o inxusto sistema no que vivimos. Unha denuncia, unha protesta, unha chamada á conciencia colectiva, para a reflexión do que pasa intramuros e os obxectivos teóricos de reinxerción, rehabilitación e resociabilización.

"Mellor que laiarse e atender a tempo"


A IMPORTANCIA DA PREVENCIÓN

Por Xaquín Campo Freire [*]
24.07.2013

O mellor cárcere, o que mellor funciona, é aquel no que non nunca se entra, debido a que a sociedade actúa previamente na educación, sanidade, cohesión social, axuda familiar, solución adecuada de conflitos nos hábitat de cada grupo social. Cando se traballa adecuadamente na erradicación das diversas pobrezas, da violencia, da violación, dos desordes socias como poden seren as desestructuracións persoais, familiares, grupais, sociais, etc. Iso chámase prevención.

As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas cara a reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados". (...) (Constitución Española. art. 25, § 2).

Rehabilitar. Reinserir (reinsertar). Resociabilizar. A resociabilización, a rehabilitación, como indica o prefixo reduplicativo re-, supón que previamente houbo unha sociabilización e unha habilitación adecuada, axeitada e personalizada. Iso é cometido da sociedade, de todos e cada un de nós.

O cárcere é un lugar de condena. Non é un centro pedagóxico. Os funcionarios fan o que poden. Conseguen que os reclusos se adapten ao cárcere e non vivan nun inferno. Mas para o resto da sociedade aquilo é un almacén de residuos contaminados que nin queremos reciclar. Do cárcere non queremos nin que nos falen. E dos presos?

De verdade que na sociedade que formamos pasaríamos a ITV desta nosa elemental responsabilidade? “Vale máis previr e prever, do que laiarnos e lamentar".

Esta é a mellor axuda que se pode organizar. A PREVENCIÓN. E por aquí pasa o primeiro exame de querermos aprobar ese artigo da Constitución: Que tipo de sociedade estamos a crear, animar e constituír? Porque, aquí están os comezos da fábrica do xanto e o tear das lágrimas, que tan dramaticamente describiu Miguel Hernández.

O cárcere é para os pobres. Se consultamos calquera bibliografía axiña nolo mostrará. Se visitamos un centro penitenciario e indagamos na procedencia dos reclusos veremos que na súa orixe están as “villas miseria”, os grupos de “casas baratas”, os burgos dos diversos chabolismos, as “cidades sen lei”, como eles mesmos lles din, etc.

Ou é que nas zonas dos ricos das cidades ou dos grandes hacendados non delinquen? “Aquí estamos los que robamos poco. Si robásemos mucho, tendríamos muy buenos abogados y todavía nos sobraría mucho para seguir viviendo bien”. Estámolo a ver nestes tempos. Incluso o cárcere non é igual para todos, por moito que digan que si.

Tamén hai un moi grande continxente de persoas con problemas psiquiátricos. E o cárcere non é o lugar adecuado para eles nin para o seu tratamento médico. Pero é o que lles ofrecemos desde a sociedade. É isto xusto e consonte coa dignidade humana? Nin que dicir ten como están e como saen de aquí. (Se chegan a saír). Moitos deles terán SIDA, serán consecuencia das drogas, (enfermos ao fin), onde se lle agrava o seu problema cada día que pasa.

Tamén aí está toda a inmigración clandestina, que buscan vivir e chegan indocumentados. O Papa acaba de denunciar isto na visita á illa de Lampedusa. A situación dos CIEX é moito peor do que a dos cárceres, cando o único delito foi entrar en España ilegalmente. Preguntémonos: E iso merece eses confinamentos, amoreados e amontoados, neses “centros de internamento para extranxeiros” sen normas, nin posibilidades de defensa, sen recursos nin humanos nin xurídicos? Por que o teñen todo tan caladiño? Pouca xente sabe disto. Tanto que ao Cardeal Rouco preguntáronlle, hai uns días, se non debía facer algo parecido ao Papa polos nosos CIEX e denunciar evanxelicamente esas inxustizas. Respondeu que non sabía que pasase nada nas illas Cies de Pontevedra. Un pastor da Igrexa Española debería estar ao tanto desta angustia humana de tantos pobres aí recluídos, xa por anos, e facer algo a prol deles. Iso indica tamén o secretismo no que se desenvolve toda esta situación de inxustiza colectiva que tamén é cousa e causa de todos nós. Son seres humanos sen recoñecérenselles os dereitos humanos. Xa sei que non é igual que Guantánamo, como me refungou alguén. Pero hai similitudes abondo que están aí e esas non se poden negar.

Coa que está a caer coas supresións na sanidade, na educación, nos servizos sociais básicos, non estamos enchendo os cárceres xa a prazo de inmediato? E quen son neste caso os causantes da delincuencia? Poderiamos pór nomes? De verdade que a prevención é unha preocupación social nestes intres? Preferimos a represión pura e dura que non salva a ninguén e si causa desgrazas que logo xa non terán rehabilitación. Cadea perpetua revisábel (a peor), dixeron Trillo e Gallardón. E a sociedade dicimos: Moi ben. Como nos movemos cando se trata dun dos nosos: corremos, desculpamos, salvamos. E facemos ben. Pois, daquela, “coma un irmán che falo”. Por que non empezamos, coma na medicina, por unha boa loita seria, integral e integrada das accións preventivas?”.

Da resociabilización e da rehabilitación falaremos proximamente.

Fonte da Cruz, Narón, a 20 de Xullo de 2013

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
22 de julho de 2013 11:34
Mellor que laiarse e atender a tempo.
Velaí a importancia dunha boa prevención.
Xa sei que estou a falar de grandes utopías.
As utopías polas que se loitaron son logo as únicas que salvan.
Que teñas boas vacacións.
Xaquín Campo Freire.

_______________

Entregas anteriores sobre o Cárcere:

Reahabilitar, reinserir, resociabilizar (II), ... Por Xaquín Campo Freire .
Aquel home xa non era de ninguén, era de ningures, ... Por Xaquín Capo Freire.
____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon