Está é a cuarta entrega de Xaquín Campo, unha opinión sobre o cárcere, o modelo penitenciario e o inxusto sistema no que vivimos. Unha denuncia, unha protesta, unha chamada á conciencia colectiva, para a reflexión do que pasa intramuros e os obxectivos teóricos de reinserción, rehabilitación e resociabilización.
FALEMOS DA VIDA NO CÁRCERE. APETÉCECHE?
Por Xaquín Campo Freire [*]
28.07.2013
Se o sistema está podre, e non se cambia a auga dese acuario, desa poza emporcallada, non habería que pensar que os do cárcere, a maioría deles, non son senón vítimas destes outros sen lei, sen moral, sen xustiza? A quen nos atreveremos a pór de modelo para esa rehabilitación e resociabilización que tanto pretendemos? Por exemplo: Foi o señor Bush modelo de algo?
Vivimos nunha sociedade onde as grandes institucións banca, partidos, igrexas, Vaticano, IOR, xustiza, exércitos, políticos, policías, etc., aparecen moi corrompidas. Se temos nelas e nos individuos un grao tan grande de perversión e podremia, roubo e abuso, capaces de crear unha crise tan xeneralizada e universal como é a actual, a onde poderemos querer levar a alguén para reinserilo, resociabilizalo, rehabilitalo?
Concepción Arenal no 1893 en “La cuestión penitenciaria” xa dicía: “... cuando todos los días vuelven a la sociedad esos hijos que han aprendido en la prisión el mejor modo de herir a su madre, no se comprende que, ni siquiera por egoísmo, esa sociedad no se ocupe un poco más de lo que le interesa tanto”. “Dado el estado de una prisión puede calcularse el del pueblo cuyos criminales encierra”. “Error en las ideas, injusticia en las leyes, corrupción en las costumbres, dureza en el carácter, atraso en la instrucción; todo tiene allí sus terribles comprobantes, todo ha encarnado en seres que han hecho mal y sufren”.
Énchesenos a boca a todos falando agora de Concepción Arenal. Pero quen está disposto a axudar a un preso para recomezar un camiño, sabendo que vai ter os seus altos e baixos? Moitas veces vaise desanimar e volverá a caer. Se non ten quen o reciba, nin ten a onde ir, nin quen lle ofreza onde gañar a vida honradamente, que pode facer?
Estamos dispostos nestas nosas sociedades da exclusión a recibir a alguén que se queira rehabilitar? Dicía ela: “La reincidencia es unas veces efecto de la maldad, otras de la situación en que se halla el licenciado de presidio, con tan pocos medios de ganar su subsistencia honradamente, en una sociedad que no cree en su honradez”.
Sexamos positivos. Na sociedade temos de ir creando unha conciencia social de cambio na mentalidade común, entre todos, que se estenda e se vaia concretando por grupos en iniciativas diversas diante das necesidades. É moito o que xa se fixo nisto. Proba: Hai poucos días celebrouse en Ferrol o Curso “Gurméndez”: Tantos pensadores e divulgadores con iniciativas que se van abrindo camiño. Xustiza restaurativa. Penas alternativas. Traballos a beneficio da comunidade, etc. Casas de acollida. Permisos. Ofrecen novidade as sentencias para menores do xuíz Emilio Calatayud.
Pensemos sobre todo neses rapaces novos, que nin empezaron a vivir, e foron atrapados desde moi mociños nos ámbitos da transgresión. Con eles a corrección non é inmediata, vaise adiando. Cando anos máis tarde chega o xuízo xa nin lembran os delitos ou teñen un historial ben repleto de delincuencia porque pensaron que todo era impune. Outros, tal vez, xa teñan reorientada a vida. Unha xustiza lenta é inxusta, non é sanante, non é sanadora. Os delincuentes, a delincuencia, como tal, no cárcere é unha minoría ben pequena. A maioría son desequilibrados, drogadictos, enfermos psíquicos, sociais e mesmo corporais.
Para que queremos anciáns e vellos no cárcere aos que a saúde xa nin lles asiste ou pais e nais de familias en desamparo. Non haberá outras medidas máis rexenerativas? Para que os queremos por longos anos no cárcere? Isto non funciona. Castiga. Vinga. Desestrutura. Non rehabilita. E ademais é moi cara economicamente. Pena perpetua, revisábel, para peor, proclama Gallardón. E nós, insensatos: Así debe ser!
Cómpren novas maneiras de pensar e de actuar. Non son inxenuo. Sei das dificultades. Pero tamén sei que ao mundo cambiámolo as persoas. Podemos seguir maldicindo das tebras. Porén xa sería mellor ir acendendo luces por pequechiñas que sexan. Sempre serán máis positivas. Ten que haber outros modos de actuar onde tamén a vítima ocupe o centro e chegue a ser recoñecida de verdade por todos e non esquecida ou encirrada como é agora. Onde tamén ela poida chegar a perdoar con magnanimidade a quen de verdade se lle achega pedindo sinceramente perdón, disposta a reparala e a reconciliarse. Pero iso supón moito traballo en todos. Tal como a xustiza restaurativa que se vai abrindo camiño.
Temos de ir creando grupos de acollida e de apoio con programas ben estudados e estruturados que faciliten esa reinserción e resociabilización. Logo os xuíces poderán dalas a elixir como alternativas. Porén se non existen, se alguén na sociedade non as promove, eles non as poden ofrecer. Exemplo: Moitas das realidades do P. Ángel.
Novas utopías. Visitar cárceres por dentro, coñecer persoalmente aos reclusos e escoitar as súas preocupacións. Saber das súas familias e circunstancias. Sen paternalismos nin buenismos barateiros. Con moito sentido de responsabilidade no que facemos. Acollidas en permisos curtos. Cartearse con alguén algunha vez. Felicitacións polo Nadal. Visitas a quen ninguén vai ver: “Estiven no cárcere e fostes verme”, dixo Xesús de Nazaré. Coñecedes as axudas propostas no filme “Pena de muerte”? A figura do acompañante xa legalizada en EE.UU.?
Ir creando voluntariados aos que a sociedade toda alente e axude. De non ser así, en solitario, será ben difícil saír adiante tanto para as persoas como para as familias. É cuestión de ir creando novas realidades. Todo é querer e empezar. Animaríaste a algo así? Calquera iniciativa é máis que nada. Así foi nacendo ASFEDRO, Aldeas infantiles, refuxios de ancianos, Reto, etc. En Ferrol non temos cárcere. Non somos capital de provincia. Pero temos presos, moitos presos. E coa que está a caer teremos aínda máis. E hai presos pobres, moi pobres. Absolutamente indixentes materiais e de humanidade. Recordades como de mozos nos identificabamos con aquel cantar:
“Yo soy rebelde por que el mundo me ha hecho así,/ Por que nadie me ha tratado con amor,/ Por que nadie me ha querido nunca oír.Eses presos son “os nosos presos” e dóennos. Os cárceres son “os nosos cárceres”. Só a nós, a esta sociedade, nos incumbe o que se faga con eles. “Sempre queda o recurso de petar na alma das moitedumes ata promover un estado de opinión revolucionaria”, dixo Castelao. O dicionario di: Revolucionario: 4) Persoa con ideas renovadoras. Grande renovador. Revolucionar: 4) Causar mudanza profunda.
Yo soy rebelde porque siempre sin razón,/Me negaron todo aquello que pedí,/Y me dieron solamente incomprensión.
Y quisiera ser, como el niño aquel,/ Como el hombre aquel que es feliz./Y quisiera dar, lo que hay en mí,/Todo a cambio de una amistad.
Y soñar, y vivir, y olvidar el rencor,/ Y cantar, y reír, y sentir solo amor”.
Transformación profunda. Iso xa é saír do inmobilismo para ese estado novo de opinión revolucionaria. Non hai dúbida de que moito do que se está a facer xa está nesas condicións e coordenadas da reinserción e das novas medidas. Somentes se ve ben co corazón. O esencial e invisíbel para os ollos.
Fonte da Cruz, Narón, a 26 de Xullo de 2013
[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.
Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
26 de julho de 2013 19:54
Aínda estamos co pensamento e co ánimo moi tristes.
Con esta cuarta entrega, acabo, desta xeira, unha preocupación miña por achegar o cárcere e a vida dos reclusos á sociedade actual.
Xa sei que é discutíbel por máis que sexamos moitos en pensar algo así.
Pero se serve para que alguén máis se sume a esta problemática de pobres e empobrecidos dou por ben empregado o molesto que che podo causar.
Unha aperta e bon verán para ti que estás ceibe.
Xaquín Campo Freire
_______________
Entregas anteriores sobre o Cárcere:
3ª A importancia da prevención, ... Por Xaquín Campo Freire - Unha protesta, unha denuncia, unha chamada á reflexión sobre a inxusticia e o que pasa intramuros.________________________
2ª Reahabilitar, reinserir, resociabilizar (II), ... Por Xaquín Campo Freire .
1ª Aquel home xa non era de ninguén, era de ningures, ... Por Xaquín Capo Freire.
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon