Por Carlos Taibo [*]
18.07.2013
Defendo desde moito tempo atrás a idea de que a construción de espazos de autonomía nos que procedamos a aplicar regras do xogo diferentes das que se nos impoñen debe ser tarefa prioritaria para calquera movemento que poña mans á tarefa de contestar o capitalismo desde a dobre perspectiva da autoxestión e a desmercantilización.
Coido que a opción que me ocupa é tan necesaria como honrosa e facedeira. En último termo aséntase na convicción de que hai que comezar a construír, desde xa, a sociedade do mañá, co dobre propósito de saír con urxencia do capitalismo e de perfilar estruturas autoxestionadas desde abaixo, lonxe do traballo asalariado e da mercadoría. Paréceme, por riba, que eses espazos, que por lóxica teñen capacidade de atracción e de expansión, configuran un proxecto moito máis realista que o que preconiza desde sempre, agora coa boca pequena, a socialdemocracia ilustrada. Cando alguén me fala da necesidade de crear unha banca pública, véxome na obriga de preguntarme canto tempo podemos agardar a que aquela se faga realidade, con máis motivo a proposta en cuestión ten por necesidade que pasar pola canle de partidos, parlamentos e institucións.
Engado -malia que creo que está de máis- que eses espazos de autonomía dos que falo non poden ser, de ningún xeito, instancias illadas que se acollan a un proxecto meramente individualista e particularista: a súa perspectiva ten que ser, por forza, a da autoxestión xeneralizada. Non só iso: o seu aprestamento non pode deixar de lado a contestación activa, frontal, do sistema. Non esquezamos que quen apostan por eses espazos as máis das veces preservaron formas de loita de fonda tradición e, lonxe do sindicalismo de pacto que se albisca por todas partes, traballan en organizacións que estiveron de sempre nesa pelexa.
Certo é que o proxecto que agora defendo suscitou críticas que merecen tanta atención como réplica. Díxose, polo momento, e creo que contra toda razón, que se asenta nunha aceptación soterrada da orde capitalista. Sorprende que isto o digan quen decidiron asumir o camiño das dúas vías alternativas que se albiscan no mundo da esquerda: a parlamentario-legalista e a revolucionario-putschista. Se no primeiro caso a sorpresa o é por razóns obvias, no segundo remite a razóns que deben selo tamén, da man da sonora aceptación de todo o imaxinario do poder, da xerarquía, da vangarda e da sustitución.
Non quero amolar a ninguén cando subliño que esas dúas vías presuntamente alternativas comparten demasiados elementos comúns. En ambas falta calquera reflexión seria sobre o poder e a alienación. En ambas elúdese a consideración do que o poder significa en todos os eidos: a familia, a escola, o traballo, a ciencia, a tecnoloxía, os sindicatos e os partidos. En ambas esquívanse as secuelas que acompañan ás sociedades complexas, á industrialización, á urbanización e á desruralización. En ambas apréciase o que case sempre é unha aceptación calada dos mitos do crecemento, o consumo e a competitividade. En ambas barrúntase, en fin, o risco dunha absorción inminente por un sistema que nos feitos nunca se abandonou. Castoriadis falou ao respecto diso, decenios atrás, do "constante renacemento da realidade capitalista no seo do proletariado".
Obrigado estou a apostilar que se a discusión que hoxe rescato é moi antiga, hoxe ten un relevo seica maior que o que lle correspondeu en calquera momento do pasado. Teno polo menos aos ollos de quen estimamos que o capitalismo entrou nunha fase de corrosión terminal que, por mor do cambio climático, o esgotamento das materias primas enerxéticas, a prosecución do espolio dos países do Sur, a desintegración de precarios colchóns sociais e o despregamento desesperado dun novo e obsceno darwinismo social, coloca o colapso ao virar a esquina. Fronte a iso a resposta das dúas vías alternativas antes mencionadas antóllase infelizmente feble: se nuns casos pouco máis reclama que a defensa dos Estados do benestar e unha "saída social á crise" -ou, o que é o mesmo, un tan irreal como sórdido regreso a 2007-, noutros aséntase na ilusión de que unha vangarda autoproclamada, investida da autoridade que proporciona unha suposta ciencia social, debe decidir por todos ao amparo do seu designio de imitar fiascos como moitos dos rexistrados no século XX. Na súa falta, uns e outros promoven alegatos radicalmente anticapitalistas que non se preocupan de documentar como o proxecto correspondente se vai levar a cabo. Ao final, e no mellor dos casos, tradúcense nunha activa e respectábel loita no día a día que, con todo, ten consecuencias limitadas.
Ben sei que o horizonte da autonomía, da autoxestión e da desmercantilización non resolve maxicamente todos estes problemas. Limítome a certificar que nos achega a esa solución. Nin sequera creo que estea por detrás das demais aparentes opcións no que fai a unha discusión mil veces mantida: a que nace da pregunta relativa a se somos tan inxenuos como para concluír que os nosos espazos autónomos non serán obxecto da iras represivas do capital e do Estado. Non o somos: simplemente limitámonos a preguntar cales son as defensas que, para os seus proxectos, desexan e están en condicións de despregar os nosos amigos que preconizan as vías parlamentario-legal e revolucionario-putschista, con máis motivo que, as cousas como van, intúese que non terán nada que defender. Seica son máis sólidas e críbeis que as nosas? Ou será que, e permítaseme a maldade, quen se lancen á tarefa de reprimir os espazos autónomos serán ao cabo os amigos cos que hoxe debatemos?
Deixo para o final, en suma, unha disputa que non carece de interese: a de se o proxecto de autonomía e os outros dous que glosei aquí criticamente son incompatíbeis ou, pola contra, poden atopar un acomodo. Responderei de xeito tan rápido como interesado: se a consecuencia maior dese acomodo é permitir que moitas xentes se acheguen aos espazos liberados, benvida sexa. Pero temo que falamos de proxectos que remiten a visións diametralmente distintas do que é a organización social e do que supón a emancipación. E véxome na obriga de subliñar esa tara inxente que é que nas apostas da esquerda tradicional non haxa nada que cheire a autoxestión, e si se aprecie o cheiro, en troques, de xerarquías, delegacións e reproducións cabais do mundo que aparentemente dicimos contestar. Aínda que ninguén ten ningunha solución máxica para os problemas, cada vez estou máis convencido de que hai quen decidiu asumir o camiño máis rápido e convincente.
Publicado en Altermundo | 17.07.2013
www.carlostaibo.com
[*] Carlos Taibo Arias -Madrid 1956, é profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, escritor e activista social, partidario activo do movimento polo "Decrecimento". Forma parte do Consello Editorial de "Sin Permiso" e "Altermundo" | + info |
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
17 de julho de 2013 23:57
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon