domingo, xullo 14, 2013

Reahabilitar, reinserir, resociabilizar (II), ... Por Xaquín Campo Freire

REHABILITAR. REINSERIR. RESOCIABILIZAR. (II)

Por Xaquín Campo Freire [*]
14.07.2013

Este artigo é continuación daquel que, falando dun preso, dicía: “aquel home xa non era de ninguén. aquel home xa era de ningures”.

Dinos a Constitución (art. 25, § 2) “As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas cara a reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados. (...) En todo caso, terá dereito a un traballo remunerado e aos beneficios correspondentes da Seguridade Social, así como ao acceso á cultura e ao desenrolo integral da súa personalidade”. E con esa letra xa todos descansamos. Xa os temos lonxe! Que alivio! Xa nolos quitaron de diante. Agora que os do cárcere fagan bo deles!

Porén, cómpre que nos preguntemos, se somos serios: Como se pode reeducar, rehabilitar, reinserir, resociabilizar sen o uso e o exercicio adecuado da liberdade?

Nun espazo de 2.000 m² para cen persoas, por longos anos de un só día que se repite invariabelmente, rutinariamente, 365 veces, sempre iguais en cada xornada, non hai moitas posibilidades para conseguir esas utopías, por moita vontade que lle poñan todos cantos alí traballan ou nos movemos. E conste que hai moita xente traballando moito, ben e con corazón. Pénsese en como se van abrindo camiño os módulos de respecto e convivencia, os traballos ocupacionais, etc.

Isto é cometido da sociedade enteira, de todos e cada un de nós. E cos ventos que corren na reforma do Código Penal non hai vontade política seria de sermos constitucionais.

Estamos creando unha sociedade vindicativa e inmisericorde. “Cadea perpetua revisábel!” (Para peor, naturalmente). Que podrezan no cárcere! E así só recollemos desfeitas humanas: Aquel home, despois de 18 anos, xa non era de ninguén. Aquel home xa era de ningures. Non sabía que facer, senón delinquir, para poder volver ao cárcere: A súa casa.

Todos lle pasamos a pelota ao outro: Debían facer, recoller, acoller, ...

Un indefinido “debían, debían, debían”... Sempre deben os outros. E eu, que? Eu non debo, ti non debes el non debe, nós non debemos, vós non debedes, eles non deben? Ou é que a culpa é só de Gallardón?, que tamén a ten. Aquí debemos todos. E que ninguén sacuda a parte alícuota de responsabilidade, iniciativa ou creatividade que lle corresponde. Non podo todo, pero podo algo, aínda que só sexa denunciar o problema.

Aquilo de Castelao: De momento, vinde todos á obra. Hai sitio para todos. Non murmuredes nin destruades, mentres se está no obradoiro, mentres se está aínda na feitura.

Non vou esclarecer aquí o grao de influencia que ten o ambiente no desenvolvemento evolutivo da persoa humana nas diferentes etapas da vida. Ata que punto a conciencia persoal e a capacidade de liberdade da persoa non está comprometida polo lugar e o ambiente social no que vivo? A teoría xa nola dá a psicosocioloxía ou a sociopsicoloxía. Eu digo que se eu nacese nunha favela do Brasil tería de andar nas pilas do lixo buscando para vivir ou aprendendo a roubar.

E tamén podo dicir que se ao peixe non lle cambiamos a auga do acuario, por moi boa que sexa a xenética que o acompañe, termina enfermando e acaba por morrer.

Sigo co tema da Constitución española, (art. 25, § 2), que insiste moito na reinserción e rehabilitación da persoa sometida a prisión.

Iso desenvólvese logo máis polo miúdo nos regulamentos penitenciarios e na subseguintes normativas. Porén refírense fundamentalmente a estadía no cárcere. E fican curtos. Porque reinserir (reinsertar en castelán), resociabilizar, rehabilitar debe entenderse que é unha acción a realizar principalmente fóra, cando os internos xa saian do cárcere. E é aí onde quero chegar. Quen está disposto a axudarlle a un preso a reinserirse, rehabilitarse, resocializarse?

Porque iso comporta actuar principalmente sobre doutras dúas etapas: 1ª Na PREVENCIÓN. 2ª No REINSERIR. RESOCIABILIZAR. REHABILITAR á saída.

Destas ocupareime polo miúdo nun próximo artigo, para non cansar e deixar tempo a remoer de vagariño as ideas e as emocións que os reclusos provocan en todos nós, ben sexa de compromiso persoal ou mesmo de refugamento e condenas absolutas, mentres no vaia connosco ou con un dos nosos. Porque daquela....

Fonte da Cruz, Narón, a 14 de Xullo de 2013

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
13 de julho de 2013 22:51
Un saudiño.
Vaia unha segunda entrega encol dos cárceres e dos nosos presos.
Eses tomarán o sol no patio, se é que dá.
Non nos interpela nada esta realidade social?
Xa sei que non é única. Pero tamén é unha.
Que teñas bo verán.
Xaquín Campo Freire
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon